Todas as colaboracións

Un animalario e un escudeiro

Seguimos repasando con Eva Mejuto obras finalistas dos premios Follas Novas dirixidas ao público infantil e xuvenil. Desta vez, o ‘Animalario de ler a diario’, un poemario divertido e cheo de bichería escrito por Eduard Velasco e mais  a banda deseñada ‘Roxín Roxal. A daga do conde’, de Manel Cráneo e Brais Fierro, publicado por Demo Editorial.

Contamos números e cus

Eva Mejuto tráenos dúas lecturas coas que aprendemos a contar de maneira divertida. O libro grande dos números pequenos (Edicións Xerais) é o primeiro álbum que asina Berta Dávila, ilustrado por Gastón Caba, apréndenos a contar do un ao vinte con rima e ritmo. O libro dos cus (Nube Ocho), de Eva Manzano e Emilio Urberuaga, traducido ao galego por Maruxa Zaera, é un libro divulgativo sobre os cus  humanos e animais con moitos pormenores interesantes e divertidos sobre os traseiros. 

Editoras que sopran candeas

Celebramos o aniversario da editora Kalandraka, que acaba de facer 25 anos publicando literatura infantil e xuvenil, e mais de Embora Edicións, que fai 30 anos e ten unha colección dedicada á LIX. A primeira lectura que propoñemos hoxe é ‘Verme’, un libro acordeón sen palabras que nos leva ao fondo da terra, da autoría de Federico Fernández e Germán González. A segunda, ‘Violeta Parapluie’, un álbum de poesía cunha galería de personaxes estrambóticos, escrito por Ramón D. Veiga e debuxado por Iván R. As dúas obras son finalistas nos premios Follas Novas do libro galego na categoría de álbum ilustrado.

LIX no Día da Visibilidade Trans

Eva Mejuto escolle dúas lecturas para o Día da Visibilidade Trans. Nom estamos quebrades, de Nee Barros, está protagonizado por Eva, que sente a presión do contorno por encaixar no seu xeito de relacionarse cos demais e na súa sexualidade. Unha novela sobre a amizade e o valor da diferenza que gañou o premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil. Resúltame familiar é un álbum ilustrado que propón un percorrido actual sobre as formas de vivir en familia. 

Máis lecturas de medo (e risa) con Eva Mejuto

Eva Mejuto volve traernos lecturas de medo para todas as idades. Hoxe comezamos co álbum ilustrado Desgrazas dunha familia victoriana, de Idoia Iribertegi, publicado por Triqueta Verde. Un álbum disparatado para adolescentes e adultos no que a autora recrea, con retranca e humor, unha saga familiar chea de fatalidades.
A segunda proposta é ‘Instrucións para ler este libro’, con texto de Miguel Anxo Alonso Diz e ilustracións de Luz Beloso, publicado por Xerais. Outro libro co humor como fío condutor que presenta personaxes da nosa mitoloxía fantástica laiándose dos males do mundo actual. 

 

Contos de medo con Eva Mejuto

Antes de que chegue a Samaín abordamos con Eva Mejuto a fascinación que temos polas historias de medo, narracións que falan do inexplicable, do alén, da liña que separa a vida e a morte. Buscamos eses contos no libro Trece avisos. Contos para ler pola noite’, de Paula Carballeira e no clásico do estadounidense Mercer Mayer ‘Un pesadelo no meu armario’.

Sementamos lecturas con Eva Mejuto

 

Eva Mejuto proponnos hoxe dúas lecturas para reconectarmos coa terra e a natureza. O álbum ‘O gran libro da nosa horta’, escrito e ilustrado por Blanca Millán e publicado por Cumio Editora, e mais ‘A colleita de ratiño’, un conto de Leticia R. Gancedo ilustrado por Mar Ferrero. 

 

 

Obras de Ledicia Costas e María Reimóndez polo Día da Escritora

Celebramos, por adiantado, o Día da Escritora. Eva Mejuto cóntanos as últimas novidades das obras de Ledicia Costas e María Reimóndez.

Escrita creativa para a rapazada

A selección lectora de Eva Mejuto vai hoxe de escrita divertida e creativa. Ademais de fomentar nas crianzas e adolescentes o amor pola lectura, cómpre tamen acordar na rapazada o goce pola escrita. Falamos hoxe de dous libros en galego dedicados a ese fin: Caderno de escrita creativa, de Hematocrítico, publicado por Xerais, e mais Taller de escritura creativa, de Begoña Martín Acero, na editorial Medulia.

‘Baixo o pantano’ e ‘Tam 2’

Eva Mejuto comenta hoxe dous cómics publicados este ano por autoras galegas. ‘Baixo o pantano’ é un thriller de ciencia ficción de Ángela Curro, publicado por Demo Editorial. ‘Tam 2’, de Anémona de Río, é a segunda entrega do primeiro manga en galego e publícao Retranca Editora.

Pin It on Pinterest