Destacados

A guitarra de Lorca volve soar da man do músico Samuel Diz, que publica “Memoria de la melancolía”

En “Memoria da melancolía” o guitarrista e investigador Samuel Diz homenaxea á escritora e activista feminista María Teresa León. Un percorrido pola súa autobiografía a través de composicións musicais orixinais da xeración do 27′ e o exilio republicano español gravadas efectivamente coa guitarra de Federico García Lorca.

Samuel Diz tomou como folla de roteiro a autobiografía de María Teresa León, visitando deste xeito as cidades que ela habitou e as rúas que pisou, finalizando co encontro con Aitana Alberti León, a filla de María Teresa con Rafael Alberti, para pedirlle o permiso emocional da persoal homenaxe que lle quería render á súa nai neste traballo.

Por outra banda, a prática totalidade dos nomes propios que integran este disco viviron o exilio republicano de 1939, un fito que marcou a vida de María Teresa León. Á súa morte, a súa filla diría dela que, de ter nacido home, sería considerado un dos máis grandes da historia. No estatus, sería o caso, do seu grande amigo Federico García Lorca, con quen tan boa e tenra relación gardaba.

A publicación do músico galego complétaa toda a investigación realizada e achegas inéditas do propio Samuel Diz que están recollidas nun amplo libreto que acompaña ao disco.

 

Sen título. Así é a nova exposición de Edu Albo “S/T 2020”

O pintor Edu Albo (A Coruña, 1971) presenta os seus últimos traballos en Santiago de Compostela da man da Galería Luisa Pita.

Edu Albo define a súa obra como “realismo conceptual” e caracterízase por abrazar unha idea  tardomorandiana da arte, buscando a esencia dos obxectos e tratando que o espectador se tope co especular fronte aos seus cadros. Apélase desta forma á memoria visual e cognitiva do público, xerando así unha moi contemporánea riqueza discursiva.

Sarabela Teatro estrea en Ourense ‘A Lingua das Bolboretas’ de Manolo Rivas

Sarabela Teatro estrea ‘A lingua das bolboretas’ de Manolo Rivas no Auditorio de Ourense. O espectáculo está dirixido por Gonzalo Guerreiro que fixo a dramaturxia do relato xunto a outro do propio Rivas: A traxectoria do Balón. Ademais conta con referencias de Rivas con textos e cancións de Fernando Dacosta

O Centro Dramático Galego celebra o centenario do Salón Teatro de Santiago de Compostela

Hai cen anos abría as súas portas na rúa Nova de Santiago de Compostela o Salón Teatro, sede hoxe do Centro Dramático Galego.

Mais no tempo da apertura, era un proxecto promovido pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago. Un teatro destinado a acoller os actos e festas dos colexios católicos da elite económica da cidade, onde a lingua vehicular non era outra que os castelán. Porén, aquilo mudaba polas noites.

Agora, para conmemorar este centenario, o Centro Dramático Galego organiza os Mércores de Varanda, que xa está a dar lugar a concertos semanais entre os meses de setembro e outubro.

Vertixe Sonora Ensemble estrea proxecto, hoxe no Auditorio de Galicia

Vertixe Sonora Ensemble, interpretará na Sala Mozart do Auditorio de Galicia obras presentes na mostra Mirar o Son, que abre coa actuación desta agrupación especializada na creación musical máis actual.

A actuación está ligada por máis cousas có repertorio a esta exposición, que leva o título de “Mirar o son. Notación gráfica na música contemporánea”.

A Eurocidade Tui – Valença participa nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía

Esta fin de semana a Eurocidade Tui – Valença continúa a celebrar diferentes actividades, ao abeiro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía, para a divulgación do amplo patrimonio vinculado á presenza histórica da comunidade xudía en ambas cidades transfronteirizas.

O programa abrangue diversas visitas que por mor das prescricións sanitarias derivadas da COVID-19, consisten nunha explicación detallada de diversos aspectos relacionados coa presenza xudía, tanto en época medieval como nos séculos XVI e XVII. Posteriormente os asistentes poderán realizar unha visita auto guiada polo patrimonio xudeu conservado en ambas localidades.

 

O libro de Antón Riveiro Coello, “O paraíso dos inocentes”, gañador do premio Torrente Ballester 2019, chega ás librarías

Marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a cidade de Alepo está dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército. Ao mesmo tempo en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia topa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.

Antón Riveiro Coello é o autor desta novela tecida a partir destas tres historias, unha novela envolvente, na liña do autor, escrita dende o interior de personaxes que atravesan o horror cos ollos abertos e buscan un exorcismo na loita, no exilio ou no compromiso solidario. Intentos deseperados de axustaren toda a dor á expectativa dunha reconstrución.

“Tocar a pel do animal”, é un novo EP e mostra tamén de Elena Tarrats e Benxamín Prado

Tomar decisións sen distraerse. 5 cancións creadas en tempo presente para 5 fotografías. Porque arestora, máis ca nunca, tócanos estar presentes. 

Hai tempo que admiro a creación poliédrica de Benxamín. A súa música e as súas fotos, con eses títulos esenciais no conceptual. A proposta para este proxecto foi escoller cinco das súas fotografías (con cadanseu título), fecharnos nun estudio e crear no momento presente a paisaxe sonora, a música para cada unha das súas imaxes.

O proceso deste EP é un acto creativo en acción, en tanto que cada escolla, cada nota, se apreixou desde a presenza na consciencia. Cada vez fascíname máis a vivencia de que a voz ou o teu instrumento sabe perfectamente o que quere comunicar, só hai que renderse. 

 

O FIC de Bueu afronta os pratos fortes da súa programación nestes días de curtametraxes da vila pontevedresa

A edición número 13 do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) está a ofrecer nesta semana o mellor cinema en formato curto do panorama internacional.
A FIC de Bueu está a proxectar distintas curtas durante a semana. As tardes gardan unha estrutura semellante de luns a venres, xa que ás 16, ás 18, ás 20 e ás 22 horas se desenvolverán as proxeccións dos cinco bloques da Sección Internacional.

O espectáculo de danza contemporánea e música electrónica SET estrease hoxe no Plataforma de Compostela

O festival Plataforma acolle hoxe a estrea de “SET”, un espectáculo de Paula Quintas e Nacho Muñoz

No seu segundo día, o festival de artes performativas Plataforma esgotou as entradas para a presentación de “SET”, o espectáculo de danza contemporánea e música electrónica en directo que Paula Quintas e Nacho Muñoz estrean baixo a dirección de Rut Balbís. 

Con esta peza, os artistas abordan os novos comportamentos e cinética social pola covid. Unha peza que, nun principio, ía ser de contacto e participativa e que agora deberá ser máis virtual. 

Pin It on Pinterest