Destacados

‘Salta!’, a primeira longametraxe de Olga Osorio chega aos cines

A directora Olga Osorio e a actriz Mabel Rivera fálannos de ‘Salta!’, unha longametraxe sobre viaxes no tempo na que dous irmáns teñen oportunidade de revisar o seu pasado e fortalecer a súa relación. Ademais de Rivera, protagonizan o filme Tamar Novas, Marta Nieto e o neno Mario Santos. Salta está producida por Vaca Films e ten participación da Televisión de Galicia. O filme estréase en salas comerciais este venres 1 de setembro. 

Teatro Airiños celebra 90 anos de historia

A historia do grupo de teatro Airiños remóntase a 1933, ano no que se constituíu en Asados (Rianxo) e que dende entón non deixou de funcionar. Logo de 90 anos, sitúase como a agrupación teatral amadora máis antiga de Galicia. Conversamos con Amantia Coello, directora de Teatro Airiños, Xesús santos, exdirector, Ramona Fernández, actriz dende o 2011, e Miguel Silva, actor dende o 2017.

Cómics para ler na praia

Pío Barreiro proponnos hoxe dous cómics ambientados en praias. ‘Castillo de arena’ é o título da edición en castelán da novela gráfica de Frederik Peeters e Pierre Oscar Lévy ambientada nunha praia asturiana. Un cómic de ton existencial que encerra un enigma. Máis lixeiro e luminoso é ‘¡Vivan las vacas!’, no que David Prudhomme e Pascal Rabaté fan un retrato irónico do século XXI a partir do noso comportamento na praia. 

Río Lagares, un espazo para espertar a cultura desde Vigo

O músico e artista Cé Tomé e o escritor Xavier Queipo impulsan o espazo cultural Río Lagares, na viguesa rúa Falperra. Alí poden atoparse libros e vinilos seleccionados coidadosamente, pero sobre todo encontros e actividades culturais, como as ‘esmorgas’ literarias e musicais. 

Xackal e os últimos festivais de agosto

Carlos Crespo avánzanos algúns discos do outono, como o que publicará o arousán Xackal, de quen escoitamos unha canción inédita. Repasamos algúns dos festivais musicais da última fin de semana de agosto, como o Festival de la Luz, o Río Verbena Fest, a Revolta do Umia ou o Terra Brava.

O Festival dos Eidos invoca a palabra poética no Courel

A oitava edición do Festival dos Eidos reúne no Courel, en torno á casa-museo de Uxío Novoneyra, poetas como Chus Pato, Ana Romaní e Antón Reixa, proxectos musicais como Ataque Escampe, Radio Océano ou Xackal e actividades como o avistamento de aves, lecturas danzadas e unha paisaxe sonora polos poemas d´Os Eidos. 

O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle a mostra ‘Tecedeiras: funcionalidade e creatividade’

Reivindicar o traballo das tecedeiras e poñer en valor as súas pezas son algúns dos obxectivos desta exposición que acolle o Museo Etnolóxico de Ribadavia ata o 30 de setembro. Forma parte da colección de Manuel Rodríguez Calviño, que é resultado de case trinta anos de investigación sobre a produción téxtil en Galicia. Conversamos con Josué Fernández, membro do equipo do museo.

Á barxoleta: a historia de Demorado Ferreira

Durante este verán Sole Felloza cóntanos historias sobre a importancia do ‘dolce far niente’.

Cardinais: Vertixe Sonora inspírase no exilio mexicano

Vertixe Sonora comeza a segunda edición de Cardinais, a súa academia internacional, que neste caso establece unha ponte musical e cultural con México, inspirada na acollida que o país centroamericano prestou aos exiliados galegos e españois trala guerra civil. Conversamos con Ramón Souto, director de Vertixe Sonora, e cos músicos mexicanos Iván Ferrer e Juan José Bárcenas. 

Danza no Festival C: ‘A raíz de’ e ‘Vestirme de ti’

Dúas pezas de danza protagonizan a xornada no Festival C de Santiago. Conversamos con Daniel Rodríguez, que presenta ‘A raíz de’, unha proposta contemporánea inspirada na tradición galega, e con Nuria Sotelo e Clara Ferrão, que no dúo ‘Vestirme de ti’ reflexionan sobre a interdependencia que caracteriza os seres humanos. 

Pin It on Pinterest