Diario Cultural

Cafés e moita arte na galería Solaina de Lugo

O café invita a reunión, a sentar na mesa e falar, a espantar o frío e todos os males. Gústanos tomar café na casa pero tamén fóra, quedar nunha cafetería coas amizades. Aos donos dos bares non lles ha parecer moi ben, pero cun café podes tirar horas falando. Así, non é extraño que durante moito tempo, estes cafés foran lugar de reunión de artistas ou escritores para conversar e debater. Unha institución nacional é o Café Gijón de Madrid, ou o Derby compostelán, e seguro que en cada cidade e vila hai unha referencia semellante.

Agora debatemos menos, moitos destes cafés foron pechando… Pero hoxe queremos recuperar o seu espíritu e para iso visitamos Lugo. Non un café, senón unha galería de arte: Solaina, que dirixe Sergio Marey. O segundo martes de cada mes, comezando hoxe, propón os encontros artísticos-culturais na Solaina arredor dun café.

 

 

‘Tres pés para un Suso’, nova vida para as cancións de Suso Vaamonde

Roberto Sobrado, Xosé Constenla e O Leo forman Tres pés. Unha alianza de cantautores heterodoxos que reivindica o cancioneiro de Suso Vaamonde no disco ‘Tres pés para un Suso’. 

As cicatrices na paisaxe, protagonistas do FFoco

Estes días imos escoitar falar moito do clima por ese cumio da ONU que se está celebrando en Exipto, o COP27. Fálase de que estamos a tempo de parar unha crise climática todavía maior, pero para iso hai que pasar do papel á acción. E gobernos e grandes empresas a nivel mundial non poñen moito da súa parte. Só 20 países de máis de 200 ratifican os acordos de Glasgow, e os máis contaminantes non están presentes.

Sen deixar de falar do cambio climático, imos desde Exipto ata A Coruña, onde o pasado venres comezaba a 6ª edición do Ffoco, o Festival de fotografía da cidade, cos obxectivos apuntando a esta problemática, da que Galicia non é extraña. Fenómenos naturais extremos, neglixencias humanas, grandes problemas sen resolver. Son as numerosas cicatrices na paisaxe que protagonizan as exposicións principais desta edición do festival, aberto ata o 11 de decembro na Fundación Luis Seoane.

No Diario cultural conversamos con Amador Lorenzo, coordinador do certame. 

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

A fotografía serve para contar o mundo dun xeito que é, ao mesmo tempo, fermoso e terrible. Como é a realidade que retrata. Hoxe imos á Coruña, ao festival FFoco de fotografía, a descubrir traballos que explican dalgún xeito este fenómeno global que é o cambio climático, desde a perspectiva galega.

E pechamos o diario con música portuguesa de Daniel Pereira, Xico Malheiro e Omiri, coa compañía de Emilio Españadero de Lume na Palleira

Gonzalo Navaza ingresa na RAG como membro de número

O escritor e filólogo Gonzalo Navaza ingresa este sábado na Real Academia Galega como académico de número. O seu discurso estará dedicado aos nomes de persoa na toponimia de Lalín, o seu concello natal e poderá seguirse nunha sesión extraordinaria pública na sede da RAG a partir das 12:30 ou a través da web da institución. Conversamos co novo académico sobre onomástica, a compoñente emotiva dos topónimos e a súa paixón polas palabras. 

 

De Pamela Rodríguez a Aliboria

Tito Lesende traénos hoxe música de Pamela Rodríguez, artistas peruana residente en Galicia que publica ‘Chica huracán’, un novo adianto do seu álbum Meigas.
Tamén é novidade o disco ‘Estados naturales’ de Moito!, dos que escoitamos ‘Las bandas del mañana’. ‘La cruz de Santiago’ de La Bien Querida e sérvenos para anunciar o seu concerto do venres na Coruña e acabamos a escolma de maneira épica, coa versión de ‘La leyenda del tiempo’ de Camarón a cargo de Xosé Lois Romero e Aliboria.

‘Dezanove comunas e un aeroporto’, vidas cruzadas en Bruxelas


Estes relatos de Daniel Ugarte realizan un retrato colectivo da cidade a través de historias ambientadas nas 19 comunas da rexión de Bruxelas e mais no aeroporto de Zaventem. Retratos marcados polo código postal no que viven os personaxes, maioritariamente estranxeiros, entre eles emigrantes galegos de varias xeracións. Edicións Morgante publica este segundo libro de Ugarte, que debutara en 2019 coa novela O coala

Pin It on Pinterest