Diario Cultural

Reencontros coa familia en Super 8

O MOCA, o Museo Online de Cine Autobiográfico, animábanos no verán de 2021 a remexer nos faiados das nosas casas na procura de vellas gravacións familiares. Con ese material, presentan agora a colección Reencontros, protagonizada por historias da emigración.

Pablo Gómez Sala é o director do Moca e un dos encargados de dar sentido a esas horas de gravacións e metros de cinta dos anos 50 ou 60 que chegan ás súas mans. Gravacións do día a día, sen maiores pretensións, que contan tamén parte da Historia con maiúsculas.

 


 

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Coñecemos con Pablo Gómez Sala, responsable do Museo Online de Cine Autobiográfico, as gravacións caseiras e familiares que moitos temos na casa, e que contan historias de interese particular e global. Desta volta presentan ‘Reencontros’, historias da emigración.

E seguindo coas historias, as que cada martes nos achega a nosa colaboradora de literatura Dolores Vilavedra. Hoxe, ‘Stoner’ de John Williams.

Miguel Vázquez Freire publica O moucho voa. Filosofía en 28 conversas

Escritor e licenciado en Filosofía, Miguel Vázquez estrea unha aproximación a esta disciplina desde a realidade máis próxima

Honky Tonk, 25 anos de vinilo en Vigo

 

Vituco Neira lévanos á tenda de discos Honky Tonk, que abriu as portas na viguesa rúa da Falperra en 1997. Levan vintecinco anos apostando polo vinilo, un formato ao que se manteñen fieis moitos melómanos e ao que se incorpora tamén xente nova. 

 

Unha década fotografando os incendios

O fotógrafo avilés que viviu e traballou en Galicia nos anos da xeración Nós, Luis Casado, pon nome aos premios de creación fotográfica que promove a Deputación da Coruña cada ano, comisariados por Xurxo Lobato. Os actos desta 16ª edición comezaron en Santiago coa presentación de ‘Lume’, a serie gañadora.

Detrás da cámara, o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo. Un fotógrafo comprometido coa terra, coa xente e co oficio, que leva máis de 10 anos retratando os incendios da provincia de Ourense. As súas imaxes poderanse ver ata o 6 de novembro no Museo do Pobo Galego, e logo en itinerancia por outras vilas e cidades de Galicia.

As actividades do Premio Ksado pasan tamén por Muros, cun recordo aos fotógrafos Juan Malvárez e Perpetua Malvárez, pai e filla. E o resto da semana pola Coruña, onde estarán impartindo dúas clases maxistrais o fotoxornalista, premio Pulitzer, Emilio Morenatti, e a editora da Axencia Europea de Prensa, Maria Mann.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Estamos na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, onde se presentan as fotografías gañadoras desta edición do Premio Ksado, con Xurxo Lobato e Brais Lorenzo. E despois quedamos con Emilio Españadero, que nos trae moita música de raiz.

Músicas de Galicia e Portugal no MUMI

Visitamos a terceira edición de ‘Músicas no Miño’, o encontro profesional de músicos de Galiza e Portugal que se desenvolve ata o bado entre Valença e Tui, co obxectivo de crear unha ponte estable entre o sector musical dos dous países. Conversamos con Ánxela Vila, da organización do MUMI, co pianista galego de jazz Xan Campos e co grupo pop portugués Birds are Indie. 

Pin It on Pinterest