Diario Cultural

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Estamos está mañá en Vigo, onde estes días debaten sobre a relación entre videoxogos e literatura, no marco dunhas xornadas organizadas pola Fundación Carlos Casares. Logo cruzaremos a raia co noso colaborador de teatro Afonso Becerra, que nos vai levar ata Gimaraes.

Segunda edición dos Premios Mulleres no Foco

A iniciativa recoñece o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais

Segunda edición do Festival de Filosofía de Galicia

Santiago e Ourense acollen do 30 de setembro ao 2 de outubro a segunda edición do Festival de Filosofía de Galicia. Un encontro que mestura mesas de debate e varios espectáculos escénicos para convidar o público a pensar, e que neta edición vai destacar as achegas das mulleres á historia da Filosofía. Conversamos con Carme Adán, directora do festival, e coa filósofa Concha Roldán, unha das participantes. 

Sensoxenoma 22: pode a música sanarnos?

Coñecemos este novidoso proxecto de investigación que une música e ciencia co obxectivo de buscar novas terapias para enfermidades como Alzheimer ou a parálise cerebral. O Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia únense este venres 30 de setembro nun concerto no que se recollerán mostras biolóxicas do público, para coñecer como os estímulos musicais inflúen no ADN.Preséntannos este proxecto pioneiro o investigador Antonio Salas Ellacuriaga e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte. 

Roda o balón nos teatros galegos

O próximo partido da temporada non se xoga en ningún estadio nin campo de terra. Xógase nos teatros. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ é a nova produción do Centro Dramático Galego e Ainé, dirixida por Tito Asorey e baseada nunha investigación de Nacho Carretero. O xornalista, que moi pronto publicará o libro, afonda aquí nas luces e nas sombras do fútbol e o seu negocio. No que pasa no campo, pero tamén nos palcos dos grandes estadios.

A estrea é no Salón Teatro de Santiago, onde estará ata o 23 de outubro, para entón comezar unha xira polos mellores teatros, ou campos, de Galicia ata febreiro. ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ é unha obra sobre fútbol pero non só. Carretero e o actor Christian Escuredo pasaron polo Diario cultural e aseguran que fará saltar da cadeira os afeccionados e non tanto.

 

 

A escritora María Rosa Lojo ingresa na Real Academia Galega

A nova académica de honra, unha das figuras máis recoñecidas das letras arxentinas contemporáneas, titulo o seu discurso Unha galega filla en Buenos Aires.

Pin It on Pinterest