Radio Galega

Os Vacalouras: nas marxes zetas coa Xuventude prexubilada

Cibrán Tenreiro permítese saír das marxes da xeración zeta co novo traballo de Os Vacalouras. A banda de Teis enfronta a vida con ilusión, pero co esgotamento típico da idade, neste ‘Xuventude prexubilada’.

Galicia Ilusiona, un novo festival internacional de maxia

Ana Abad trae a maxia ao Diario Cultural Zeta co festival internacional ‘Galicia Ilusiona’, que chegará ás vilas galegas este verán, organizado polos magos Dani Polo e Pedro Bugarín.

DEVALO, synth-pop galego desde Gales

‘Luz/Sombra’ é o segundo disco de DEVALO, o último proxecto musical de David Miranda, que fai synth-pop en galego desde Gales. Un traballo no que melodía, electrónica e guitarras visten a batalla entre luz e escuridade. Publícao Ferror Records, un dos selos discográficos máis activos na música galega estes últimos anos

Laxeiro, o pintor e o personaxe, neste Día das Artes Galegas

José Otero Abeledo, Laxeiro, é un dos máximos espoñentes da vangarda artística galega. A visión que Laxeiro tiña da arte era única. Admirado por estudosos e non estudosos, o seu retrato da Galicia popular esperta fascinación en calquera. Por iso, a Real Academia Galega das Artes dedica este día das Artes ao pintor de Lalín.

Hoxe mesmo inaugúrase na sede da Academia na Coruña a exposición fotográfica ‘Acción Laxeiro’, con fotos de Xurxo Lobato. Con el e co presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, recordamos a Laxeiro e un dos seus momentos máis especiais xuntos: un día de 1987 pintando en directo diante do público na galería Trinta de Santiago.

 

 

Urbanismo feminista na revista ‘Crítica urbana’

 

O último número da revista de urbanismo coruñesa ‘Crítica urbana’ achega perspectivas sobre o urbanismo feminista, con voces de arquitectas, xeógrafas, sociólogas ou antropólogas europeas e de América Latina. 
Conversamos con dúas das arquitectas galegas que contribúen con artigos: Elvira Carregado, secretaria do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e Carmen Figueiras, presidenta do Colexio de Arquitectos de Lugo.

 

As mulleres que opinan seguen a ser perigosas

2018 foi un ano histórico para o feminismo. Vivimos o 8M con maior asistencia e influencia na sociedade da historia, e pensamos que as cousas podían mudar. Uns días antes dese 8-M celebrárase no Teatro Principal de Pontevedra a primeira edición do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’, organizado polas xornalistas Diana López e Susana Pedreira, no que reuniron un bo número de mulleres perigosas.

Esas conversas, reivindicacións, coñecementos e vivencias compartidas chegan agora en formato libro, 4 anos e unha pandemia despois. Como mudaron as cousas para as mulleres que opinan? Conversamos con Susana Pedreira e Diana López, que xa están a preparar a edición de 2022 deste foro único e necesario.

Pin It on Pinterest