Radio Galega

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

1 de abril, Día das Artes Galegas, que neste 2022 está dedicado ao gran pintor de Lalín, Laxeiro. Hoxe a Real Academia Galega de Belas Artes faille unha homenaxe e nós conversamos co seu presidente, con Manuel Quintana Martelo. Ademais, inaugúrase a exposición Acción Laxeiro, con fotografías de Xurxo Lobato, que tamén está no programa.

E despois, rematamos con teatro. Onte mesmo estreouse en Ourense o novo de Quico Cadaval con Producións Teatrais Excéntricas, inspirado na obra de Risco ‘O porco de pé’, e alí estivo Roberto Pascual, que nos conta todos os detalles.

Mercedes Peón volve aos escenarios con ‘Ingrávida’

 

Mercedes Peón presenta este sábado en Vilalba Ingrávida‘, unha proposta escénica que celebra os 22 anos da publicación do seu primeiro disco ‘Isué’, aparecido no ano 2000. No escenario acompáñarana, entre outras creadoras, Caamaño & Ameixeiras, Mónica de Nut, Ana Fernández e os grupos Xirifeiras e Raigañas.

 

Que pasa cando lemos?

“Cando leo todo é posible (sobre todo o imposible). Cando leo non hai portas, nin fronteiras. Non hai límites nin celas”.

Así imaxina Eva Mejuto o mundo que a rodea cando se pon a ler. O seu novo libro en Xerais, ‘Cando leo’, está ilustrado por Bea Gregores e é un pequeno tesouro no que coñecer o mundo a través das páxinas dos nosos libros. Un album que nos convida a experimentar, a soñar, a ser máis libres, a non ter medo ou a ser nós mesmas. Pero sobre todas as cousas, é un convite a ler.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Neste diario xa celebramos cada mércores o día da literatura infantil con Montse Pena Presas, que por suposto está hoxe comentando o novo de Ledicia Costas, ‘O neno de lume’.

Pero este sábado é o Día da Literatura Infantil, e imos ler o novo de Eva Mejuto, que é ‘Cando leo’, un libro ilustrado por Bea Gregores e que é en si mesmo unha homenaxe á lectura. Porque cando lemos, como di Eva, non hai fame nin frio.

Que pasa cando lemos? Imos descubrilo!

Rompente, de Eloy Domínguez Serén, premiada no festival de Málaga

Conversamos con Eloy Domínguez Serén sobre ‘Rompente’, o filme gañou esta fin de semana a Biznaga de Prata do festival de Málaga a mellor curtametraxe de ficción. 
Rompente retrata a vida dunha parella de pais moi novos. O filme rodouse na comarca do Barbanza e está protagonizado por Sergio Baleirón e Soraya Luaces, dous mozos sen experiencia actoral previa.

Máis de 1200 deseñadores participan na Bienal de Cartelismo Francisco Mantecón

Unir deseño con tradición vitivinícola e ademais que sexa seguido en todo o mundo. Iso levan facendo desde as adegas Terras Gauda do Rosal desde o 2002, cando comezaron a Bienal de Cartelismo. Desde entón, e cada dous anos, artistas e deseñadores gráficos de todo o mundo participan cos seus carteis tratando de representar o mellor posible a filosofía e esencia desta adega. Unha adega ademais moi vencellada desde sempre ao deseño. A Bienal recibe o nome de Francisco Mantecón, icono do deseño vigués, que faleceu no 2001, e ao que lle renden homenaxe desde Terras Gauda.

Ven de inaugurarse a mostra, que estará ata o 4 de maio na Estación Marítima de Vigo, así que falamos coa comisaria da Bienal, María José Sánchez, que destaca que este ano participan “máis de 1200 deseñadores de 64 países”.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Un dos certames de deseño gráfico máis importantes do mundo está impulsado desde Galicia polas bodegas Terras Gauda. É a Bienal de Cartelismo Francisco Mantecón, que reune desde o 2002 aos máis prestixiosos deseñadores de todo o mundo. Xa se pode ver na Estación Marítima de Vigo os carteis que participan este ano e moi pronto coñeceremos ao gañador. Falamos coa comisaria da Bienal, María José Sánchez

E despois, a recomendación literaria que cada semana nos ofrece Armando Requeixo. Hoxe, con ‘Eu son Exeria’ de Marisa Vidal Collazo.

Escena Galega celebra 20 anos e recoñece tres compañías históricas

A asociación que agrupa as empresas escénicas galegas, Escena Galega, fai 20 anos neste 2022. O primeiro acto de celebración é o recoñecemento como socias de honra de tres compañías históricas: Lagarta Lagarta, creada en 2001 por Rosa Álvarez e o finado Ernesto Chao; Ancora Producións, nacida en 1989 por iniciativa de Anxela G. Abalo e o falecido Gustavo Pernas Cora e mais Tanxarina Títeres, compañía de monicreques aínda en activo, formada por Tatán, Miguel Borines e Andrés Giráldez.

Pin It on Pinterest