Radio Galega

‘Erosión’: a perda que se escoita no novo de Chicharrón

Como se escribe e se canta sobre a perda, sobre a morte? Nun momento de tristeza e de dicir adeus, Alberto Martínez Vecino de Chicharrón enfrontou a morte de Teresa, a súa nai, procurando gardar todos os recordos e facelos música. Deses meses de despedida naceu ‘Erosión’, o novo disco da banda de Carballo.

Falamos de disco pero deberiamos falar de casette. En Erosión recuperan a cinta, anímannos a recuperar os nosos vellos reproductores, e así fannos tamén partícipes desa homenaxe a Teresa. A morte primeiro, pero a vida, irremediablemente, está neste traballo de Chicharrón. ‘Erosión’, 10 cancións que xa son de todos e todas.

 


 


 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Martes de entroido que non podería comezar mellor no cultural, porque temos a estrea do novo disco de Chicharrón. Chámase ‘Erosión’, é o seu quinto traballo, e chega menos dun ano despois do éxito de ‘Unha fogueira intacta’.

E máis temas, porque estivo por aquí Armando Requeixo coas suas lecturas, e hoxe falounos de ‘Tres en raia’ de Xosé Manuel Martínez Oca.

Miro Casabella revisita o seu disco ‘Ti, Galiza’

O elepé ‘Ti, Galiza‘ publicouse en 1977 e inclúe entre as súas cancións ‘O meu país‘, probablemente a peza máis coñecida de Miro Casabella, que xa pasara por Voces Ceibes. Esa e outras pezas do disco soarán este sábado 5 de marzo no Teatro Colón da Coruña no concerto que ofrecerá Casabella dentro do ciclo ‘Pioneirxs da música galega’.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Recordamos no Diario Cultural a unha figura do humor e a cultura como foi Xesús Campos, Chichi. Escritor, debuxante, humorista e guionista da Televisión de Galicia. O seu fillo Nico presenta unha reedición das súas ‘Estampas do mundo elegante’, acompañadas dos textos de amigos, xornalistas e xente da cultura.

E despois, no tempo da música con Luis Miguel Crespo, queremos recordar a outra figura fundamental da composición galega, Andrés Gaos.

‘Colaxe’, o sexto disco de Dakidarría

Dakidarría levan 18 anos combinando letras combativas cun cóctel sonoro de punk-rock, ska, reggae e ritmos urbanos. A banda do Val Miñor acaba de publicar o seu sexto disco, ‘Colaxe‘, que imos escoitar á CARPINTERÍA, o estudio de gravación do grupo.

Estréase a miniserie ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’

As mulleres galegas son pioneiras en moitas cousas. Temos a Rosalía, a Emilia Pardo Bazán, a Concepción Arenal… e temos tamén a Sofía Casanova. Nestes tempos incertos e de conflitos internacionais, convén recordar a esta muller da Coruña que foi das primeiras correspondentes de guerra de España, traballando para o xornal ABC. Unha miniserie participada pola TVG conta a súa historia, e nós hoxe queremos coñecela.

Falamos para iso con Zaza Ceballos, codirectora xunto con Noelia Muiño, e Isabel Naveira, a actriz protagonista. 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

O 2 de marzo teremos oportunidade de ver na Television de Galicia a miniserie ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’. Falamos coa directora, Zaza Ceballos, e a actriz protagonista, Isabel Naveira.

E máis temas, porque estará por aquí Rut Balvís, a nosa colaboradora de artes do movemento, para falarnos de varias convocatorias abertas de residencias artísticas.

A gran gala de Manicómicos

 

Manicómicos celebra a súa gala anual de aniversario este venres no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Esta asociación cultural naceu hai 18 anos para promover a formación e a creación en disciplinas escénicas como o clown, o circo ou a danza. Falamos cos manicómicos Carlos Sante, un dos fundadores, e Neli Quintela, que está formándose como clown e participa na gala deste venres. 

 

‘The Waylanders’ abre camiño na industria do videoxogo galego

O videoxogo de Gato Studio ‘The Waylanders’ leva xa unhas semanas dispoñible para xogar no noso ordenador a través de Steam, da plataforma de distribución dixital de videoxogos. Falamos xa varias veces dos Waylanders, desde que coñecemos hai uns anos o seu desenvolvemento, porque se trata do máis grande e ambicioso dos xogos creados en Galicia, por un equipo maioritariamente galego, e ademais ambientado en Galicia, nas nosas lendas e na nosa historia, pero coa capacidade de chegar e emocionar a todo o mundo. No Diario Cultural xa puidemos probalo e xogar un pouco, e comentámolo cun dos seus creadores, Sergio Prieto.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Imos facer o camiño de Santiago, viaxar no tempo, e coñecer a historia antiga e medieval de Galicia, todo no mesmo lugar, no mesmo xogo. Falamos por suposto de The Waylanders, o proxecto titánico de Gato Studio, que lanzaron desde A Coruña o maior videoxogo galego. Xa se pode mercar e xogar, así que imos botar unha partida con Sergio Prieto, que é un dos creadores.

E despois, a carteleira con todas as películas que poderemos ver nos vindeiros días, e que nos comentará, coma sempre, Begoña Vázquez de Sala 5.

Pin It on Pinterest