Radio Galega

‘Creadores de conciencia’: 40 fotógrafos comprometidos

Dicía Robert Capa que “a verdade é a mellor fotografía”. Unha frase e unha verdade que a maioría dos fotoxornalistas levan por bandeira cando percorren o mundo, cámara en man, contando as historias máis bonitas e as máis duras.

É o caso dos 40 fotoxornalistas que protagonizan a exposición ‘Creadores de conciencia’, que se inaugura esta tarde no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, e que se poderá ver ata o 29 de maio na sala Isaac Díaz Pardo.

O comisario da mostra, o tamén fotógrafo e editor Chema Conesa, fíxose unha pregunta no momento de montar esta exposición: pode unha fotografía crear conciencia? Estendémoslle esa mesma pregunta a Conesa e aos fotógrafos Gervasio Sánchez e José Cendón.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Este mércores, o Diario Cultural non é alleo á traxedia do naufraxio do Villa de Pitanxo en Terra Nova. A cultura, e concretamente a fotografía, tamén nos pode axudar a falar das feridas abertas no mundo. A asimilar as que acontecen ao lado da nosa porta, e a coñecer as que suceden a milleiros de kilómetros. Hoxe conversamos con tres fotógrafos, Chema Conesa, José Cendón e Gervasio Sánchez, sobre o compromiso que o xornalismo debe manter sempre coa verdade e sobre todo coas persoas.

E na segunda parte do programa, teremos por aquí a Montse Pena Presas e as súas lecturas do mellor da literatura infantil e xuvenil. Desta vez, con ‘Chuvisca’, de Fernándo Pérez en Kalandraka, e ‘Capitán Lentella. Aventura a todo gas’, de Jorge Campos en Xerais.

Poesía para a rapazada

Gálix organiza as xornadas ‘Poesía cargada de futuro para futuras xeracións’, nas que se reúnen poetas que escriben para nenos e nenas. Escoitamos dous deses poetas, Antonio García Teijeiro, que conseguiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil cos versos de Poemar o mar e con Elvira Ribeiro, que en 2020 publicou o poemario ‘Mar de mazá’. É a oitava edición das xornadas ‘Desfacendo a raia’ de Gálix, que culminan o luns 21 de febreiro coas intervencións de Antón Cortizas, Marica Campo, Helena Villar e Pepe Cáccamo. As xornadas desenvólvense no Consello da Cultura Galega e poden seguirse en directo na canle de youtube de Gálix.

Diario Cultural das 17:30

Nas Xornadas Gálix “Poesía cargada de futuro para futuras xeracións” e coa música folk que nos trae Emilio Españadero.

Diario Cultural das 14:45

Coa longametraxe documental “Xeración Perdida 36” e coa exposición María Casares, residente privilexiada.

Algo, nada, sempre: a mirada de Vari Caramés

Vari Caramés naceu en Ferrol en 1953, e comezou a tomar fotografías desde ben novo, totalmente autodidacta. A tomar fotos ou a debuxar a súa realidade cotiá co propósito de atopar nela lirismo e misterio. Sempre cunha mirada propia, evitando tendencias e modas e partindo do diario e familiar. Converteuse así nun referente da fotografía en España nos anos 80. Primeiro en branco e negro, logo incorporando a cor, pero nunca abandonando unha plasticidade e texturas que o achegaban máis á pintura que á fotografía, nesa busca de que as súas imaxes vivisen no presente eternamente.

O de Vari Caramés son 40 anos de vida dedicada á fotografía, que agora tratan de resumir na Sala Canal de Isabel II de Madrid coa expo ‘Algo, nada, sempre’. Tres palabras coas que as comisarias Blanca Berlín e Nerea Ubieto definen o traballo de Caramés. A mostra, a máis grande do fotógrafo, poderase ver ata o 24 de abril.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe conxugamos fotografia e literatura coa celebración do ano novo chinés, porque ven Armando Requeixo a facernos a súa lectura persoal de ‘O ano do tigre’, o novo libro da editorial Rodolfo e Priscila. Un libro coral de relatos con tigres e tigresas como protagonistas.

Pero antes, a fotografía. Percorreremos co fotógrafo ferrolán Vari Caramés a retrospectiva que a Sala Canal Isabel II de Madrid lle adica polos máis de 40 anos de traxectoria.

Os videoclips dos premios Mestre Mateo

Coñecemos os videoclips finalistas dos premios Mestre Mateo e conversamos cos seus creadores. María Costas, do grupo Antilia, dirixiuse a si mesma para o clip da canción ‘Voucho contar así’; Luis Santaolalla encargouse do clip do tema ‘El volcán’ de Pablo Lesuit, Diego Santaclara, da produtora marinense Trece Amarillo, codirixiu o ‘Figa’ de Tanxugueiras, e Toño Chouza é o responsable da peza audiovisual de ‘Fukushima’ para Triángulo de amor bizarro. 

Pin It on Pinterest