Radio Galega

Xa se pode xogar a demo de ‘Intruder in Antiquonia’

A historia comeza así: unha moza chamada Sarah aparece nos accesos a Antiquonia, con amnesia, e trata de descubrir quen é e que fai nese lugar. En canto comeza a falar coa veciñanza, decátase de que pasa algo, e de que as casualidades non o son tanto.

 Esta é a proposta de ‘Intruder in Antiquonia’, un videoxogo de aventura clásico, en 2D e de mecánica “point and click”, que é o novo traballo de Aruma, o estudio da Coruña formado por Silvia Izquierdo e Rubén López. Acaba de saír a súa demo en Steam, así que queremos que nos conten máis sobre o que agardar nesta aventura.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe queremos coñecer o novo videoxogo de Aruma, que é un estudio de videoxogos indie da Coruña. O xogo en cuestión chámase Intruder in Antiquonia, e é maís sinxelo de xogar que de pronunciar. Non ten dinámicas nada complicadas. E precisamente niso, na súa sinxeleza e na súa historia, recae todo o seu encanto. Imos falar cos creadores, para que nos conten máis desta historia e de como se fai un videoxogo.

E despois, a outro lugar idóneo para a imaxinación, como é o teatro, con Roberto Pascual.

Álvaro de la Vega, esculpir con machada

‘Oxímoron. A árbore da vida’ é o título da exposición de Álvaro de la Vega que pode visitarse no centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense ata o 13 de marzo. Unha instalación con 375 figuras de madeira, o material máis frecuente na escultura de De la Vega, que o escultor asocia á súa infancia no concello lugués de Paradela.

A meta ou o camiño? O tempo segundo os peregrinos medievais

O medievalista Xosé Sánchez preséntanos a investigación “Tiempo y viaje”, no que pescudou sobre a percepción do tempo nos peregrinos a Santiago durante a Idade Media. Un proxecto ao abeiro da Fundación Catedral e seleccionado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe imos relatar unha auténtica aventura, real, que protagonizou un galego en 1961. Falamos de Xosé Velo, e do momento no que secuestrou un barco en Venezuela, para que a comunidade internacional reparase na ditadura de Franco en España e na de Salazar en Portugal. Foi en xaneiro do 61, e tamén en xaneiro, pero en 1972, falecía no exilio no Brasil. Por iso estará aquí Aser Álvarez de Arraianos Producións para comentarnos sobre o documental que están a preparar arredor da súa historia.

E despois, poesía, con Alba Cid, que hoxe nos trae o premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que recaeu no poemario ‘Urda’ de quico.

O ‘Arquipélago Quilombo’ de García Mc

García Mc conversa con Vituco Neira sobre o seu último disco, ‘Arquipélago Quilombo’, que compila as cancións que o rapeiro de Ordes fixo nos últimos anos. Un traballo ecléctico que vai moito máis alá do hip hop e que inclúe moitas colaboracións.

A viaxe de Castelao pola Europa dos anos 20

O Museo de Pontevedra acolle ata este domingo a exposición ‘Castelao en Europa. A viaxe de 1921’ que segue os pasos do artista e político rianxeiro na viaxe que realizou hai un século por París, Bélxica e Alemaña. Castelao recolleu a experiencia nun diario cuxo orixinal pode verse na mostra, xunto con moitas reproducións de obras de arte que o artista debuxou durante eses nove meses e exemplos da repercusión que a viaxe tivo na súa obra e na arte galega posterior.

APCómic: pola mellora das condicións laborais das autoras e autores

Nace a Asociación de Autoras e Autores Profesionais do Comic de España co propósito de compartir esforzos para mellorar as condicións laborais dos profesionais. A situación do sector é precaria: reclaman un incremento das procentaxes das vendas, que se cumpra a lei que controla a produción, un sistema de distribución transparente e mesmo que se protexan as obras, que son tamén parte do noso patrimonio cultural.

Por iso en APCOMIC son xa máis dun cento de profesionais: presidida por Laura Pérez Vernetti e con sinaturas como Paco Roca, Teresa Valero, Cristina Durán, Fernando Blanco e os galegos David Rubín ou Manel Cráneo, que hoxe está con nós para falar da asociación e da situación do sector.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe imos coñecer unha nova asociación de autoras e autores de comic, a APCOMIC, que vén de presentarse ao público e que xa conta cun cento de profesionais asociados. Buscan a unión de todos os profesionais para loitar por unhas condicións dignas e saír da precariedade. Na directiva están os galegos David Rubín e Manel Cráneo, e hoxe falaremos con Cráneo, autor e editor.

E despois, tempo de cine con Begoña Vázquez, a compañeira de Sala 5 que está de volta coas mellores estreas.

Pin It on Pinterest