Radio Galega

O CDG leva ao teatro ‘A peste’ de Camus

O Centro Dramático Galego estrea a súa primeira produción de 2022, unha montaxe inspirada pola novela de Albert Camus ‘A peste’, con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó e un elenco de quince intérpretes. Conversamos con Pazó sobre e cun dos actores, Nacho Castaño, sobre este espectáculo que leva unha pandemia a escena.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Propostas de cine e de teatro para esta semana. Comezaremos no cine, coa nova longametraxe do director Darío Autrán: ‘El cuarto de Mona’, unha comedia moi divertida con todo tipo de situacións disparatadas, pero para falar de temas tan importantes como a saúde mental.

E logo, o teatro. Virá o noso colaborador Roberto Pascual a falarnos da nova produción do Centro Dramático Galego, que é ‘A Peste’, dirixida por Cándido Pazó.

Ourense xa ten club de lectura de cómic

Esta semana reúnese por primeira vez o club de lectura de cómic da biblioteca pública de Ourense. A banda deseñada está cada vez máis presente nas bibliotecas galegas, onde os cómics adoitan estar entre as lecturas máis demandadas. Conversamos con María Benítez, a bibliotecaria que coordina este novo club de lectura e coñecemos un club veterano, o da Coruña, no que participa desde 2012 Alberto Ose.

O galego máis alá das fronteiras xeográficas

A próxima reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias abriu o debate: debe ser o asturiano lingua oficial da comunidade? É unha reivindicación xa antiga dos asturianos, e agora por primeira vez, o partido no goberno en Asturias defende a súa oficialidade e mesmo usa a llingua con normalidade, ao igual que o medio millón de falantes en toda a comunidade. Do mesmo xeito, xorde o debate arredor do galego en Asturias, o galego asturiano ou o que algúns denomean “eonaviego”.

O que naceu como galego-portugués é unha lingua que foi permeando territorios e que non entende de fronteiras xeográficas. Fálase en Asturias, en León e mesmo en zonas de Extremadura. Queremos coñecer mellor ese galego que se fala máis alá de Galicia. Os nosos convidados de hoxe son Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega e investigadora do Atlas Lingüístico Galego; e Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo especializado en dialectoloxía.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Sabemos que o galego é unha lingua universal, que nos conecta con milleiros de falantes en todo o mundo, que nos une coa lusofonía… pero tamén con Asturias, con León ou mesmo con Extremadura. Hoxe queremos saber máis destas variantes. Sabemos que o galego de Asturias está ademais no centro da polémica pola cuestión da súa oficialidade, así que falaremos con dous expertos como son Rosario Álvares e Henrique Costas.

E despois, tempo da literatura máis nova con Armando Requeixo.

50 anos de Fuxan os ventos

En xaneiro de 1972 un grupo de mozos lugueses que facían música xuntos decidiron crear un conxunto de folk. En outono dese ano gañaron o festival das San Lucas de Mondoñedo coa canción ‘Fuxan os ventos’ que acabou dándolle nome á agrupación. Falamos do aniversario con Xoán Fuertes Saavedra, un dos membros fundadores, e co libreiro lugués José Manuel Valín, que expón no seu escaparate unha pequena mostra de vinilos, casetes, carteis e fotografías do grupo.

Pin It on Pinterest