Radio Galega

Un día ao ano para Cunqueiro

Mondoñedo celebra o Día de Álvaro Cunqueiro o 22 de decembro, a data de nacemento do escritor. Este ano as  conmemoracións inclúen unha nova exposición na casa-museo de Cunqueiro e un libro de Claudio Rodríguez-Fer sobre as conexións entre o mindoniense e Jorge Luis Borges.

Tolkien en galego

As obras máis coñecidas de Tolkien están traducidas ao galego: o selo Sushi Books ofrece ‘O hobbit’ e ‘O señor dos aneis’ en volumes de tapa dura e tea. Falamos do mundo da Terra Media co tradutor e editor Moisés Barcia e varios lectores de Tolkien en galego: Pablo Aguado, da Sociedad Tolkien Española, a escritora Alba Rozas e o libreiro Andrés Fernández Torneiro, de Astora Cómics.

25 anos traballando en lingua

Falamos do presente e do futuro do galego con tres integrantes da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, que promoveu accións e campañas de dinamización lingüística como Gústame o galego, Apego ou Youtubeiras. Conversamos con Anxos Sobriño, actual presidenta, Rosa Moreiras, do servizo de normalización do concello de Ames, e Nel Vidal, profesor nun centro escolar de Culleredo.

‘Somos a pedra’, terceiro disco d´Os d´Abaixo

O sexteto folk publica un novo traballo con máis composicións propias e arranxos elaborados. Conversamos sobre a evolución da banda co seu acordeonista, Santi Cribeiro.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe temos unha oportunidade úniva para coñecer un pouco mellor a un dos pintores galegos con maior proxección internacional, como é o lugués Antonio Murado. Ata o 25 de xaneiro temos na galería Vilaseco da Coruña a súa última exposición, ‘Lenzos’, e conversamos con el sobre o seu significado e a súa maneira de crear.

E despois, literatura infantil e xuvenil con Montse Pena Presas, que hoxe nos leva ata Salzburgo, a cidade do sal, para coñecer a un pequeno Mozart moi interesado na cultura galega.

Pin It on Pinterest