Radio Galega

Unha playlist para a música en galego

A Fundación SGAE presenta a campaña ‘Escoita o camiño. Escoita Galicia’ para difundir a música feita en Galicia a través dunha playlist de Spotify, en colaboración coa Xunta. A escolma reúne 2.022 cancións de máis de mil artistas galegas, agrupadas en listas con diferentes xéneros musicais, relacionadas co Camiño de Santiago ou que dan resposta a diferentes estados de ánimo. Falamos con Juan Carlos Fasero, da SGAE, e con Carlangas, de Novedades Carminha.

Valentina, unha nena con síndrome de Down e moitos soños

Hoxe chega ás nosas salas de cine a historia de Valentina. Valentina é unha nena con síndrome de down que soña con ser trapecista, pero pensa que a síndrome é o seu maior obstáculo. Por sorte, ten preto á súa avoa, que a convence de que o que lle fai falta e ter a súa propia metamorfose, como a das bolboretas.

Con este argumento estréase na dirección a ferrolá Chelo Loureiro, fundadora de Abano Producións; tamén no guión, xunto con Lúa Testa.

 



 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe temos un programa dedicado aos máis pequenos. Os venres sempre falamos de literatura infantil e xuvenil con Montse Pena Presas e hoxe tamén está, por suposto, e contaranos sobre o libro ‘Dous osiños’ de Ylla en Kalandraka. Pero ademais, hoxe chega aos cines ‘Valentina’, a película de Chelo Loureiro que protagoniza unha nena con síndrome de Down.

A novela dos últimos días de Manuel Antonio

Xosé Ricardo Losada novela en ‘O rosario e a buguina‘ as últimas semanas de vida de Manuel Antonio contrapoñendo a voz do poeta rianxeiro coa de súa nai, dona Pura, unha mestra conservadora e profundamente relixiosa.Losada xa abordara a vida de Manuel Antonio nunha biografía e con esta obra de ficción conseguiu o premio Torrente Ballester 2020.

‘Historia do comic en Galicia’, unha viaxe que comeza en 1842

O primeiro que sorprende de Historia do Cómic en Galicia (Editorial Galaxia) é o ampla que é esa historia. Comeza a mediados do século XIX, pasa por autores fundamentais como Castelao, Xaquín Marín ou Miguelanxo Prado; e lévanos ata o presente e futuro da nosa banda deseñada, ese tempo novo que representan David Rubín ou Emma Ríos. Pero máis alá de nomes propios, o noso cómic é todo un fenómeno con recoñecemento internacional, con ese escaparate esencial que é Viñetas desde o Atlántico.

Como é o cómic galego? Preguntámosllo ao autor, Octavio Beares.

 

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Historia do Cómic en Galicia é un deses libros que os amantes do cómic teñen que ter nas súas casas. Está feito por un gran lector de cómics e alguén que o sabe todo da nosa banda deseñada, Octavio Beares.

E despois, ao cine con Moncho Lemos. Grandes estreas esta fin de semana, como ‘La vida era esto’, ou esa esperadísima ‘Valentina’ de Chelo Loureiro.

Pin It on Pinterest