Radio Galega

Sons of Exodus estrea o seu segundo álbum: “Castrexos”

O proxecto artístico do músico rianxeiro, Carlos Cernadas, estrea “Castrexos“, unha aposta entre o rock duro e o trad galego que xoga cunha fantasía histórica de máis de dous milenios atrás. Polo Diario Cultural pasou Carlos para contarnos todo o que agocha este segundo álbum de Sons of Exodus e situarnos no contexto no que puido realizar este traballo.

Facer unha película a través de ‘Mamasunción’

Mamasunción é a curta de Chano Piñeiro coa que comeza todo: coa que o cine galego feito en galego se recoñece a si mesmo; coa que Chano Piñeiro estrea a súa produtora e se profesionaliza; e coa que a Televisión de Galicia comeza a súa emisión un 24 de xullo de 1985.

Facer cine galego significa ir a Mamasunción, ao proxecto dun home autodidacta que sabía de cine por pasar a vida observando á xente. Mamasunción. Como facer unha película a través da mirada de Chano Piñeiro é unha guía para os amantes do cine, para os que disfrutaron coa película, para os que fan cine e para os que queren facelo. O guionista e director Pedro Sancho é o autor.

 

 

Entréganse os premios da ICC week de Ourense.

Falamos con Álex Regueiro, viúvo de Alfredo Iglesias que recollerá o seu premio póstumo. Alfredo Iglesias finou hai uns meses recibe un premio Especial á súa traxectoria. Foi editor da revista de tendencias Coralia.

O mellor dos premios Ksado, a exposición

O vindeiro xoves, 14 de outubro ás 19h nun acto aberto ao público, será inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición das series gañadora e finalistas do XV Premio Ksado de Creación Fotográfica da Deputación da Coruña. O seu comisario, Xurxo Lobato, visitou hoxe o Diario Cultural.

Inician os concertos do Cormorán Cinema

Visita o Diario Cultural Manuel Logar, director do Cormorán Cinema, que comeza a súa programación cinematográfica este mércores, pero que empeza xa hoxe con concertos coma o de Vera Fauna.

Ana Cabaleiro vén follear connosco ‘Deixádenos remar’

Finalista do Premio Xerais de Novela 2020, a novela de Ana Cabaleiro, ‘Deixádenos remar‘, editada por Xerais, presenta un humilde barrio periférico alterado e turbado pola incursión dunha nova aparición de chalés de luxo e a chegada dos novos veciños dese microcosmos. A escritora e xornalista visita o Diario Cultural para debullar as realidades que se derivan deste fío argumental e de todo o que rodea á novela.

Diario Cultural das 14:45

Con Ana Cabaleiro e o seu ‘Deixádenos remar’ e no Museo do Pobo Galego

Pedro Brandariz é Jacinto

Esta semana estréase en Sitges, no Festival de Cine Fantástico a nova película de Javi Camino, ‘Jacinto’, que el describe como “terror rural”.

Dúas mozas suecas afeccionadas ao black metal chegan a unha aldea da provincia de Lugo para mudar os seus hábitos de vida e poñer en marcha o seu proxecto musical. Na tranquila aldea vive a familia Becerra, cos seus costumes, os seus hábitos… Por que teñén que vir estas suecas facer ruido coas súas guitarras?

Jacinto, o protagonista, é o que podemos describir como un neno encerrado nun corpo dun home, que pasa os días vendo películas de vampiros nos seus vhs, facendo que conduce un vello 127 e paseando ao seu porquiño Martiño pola aldea. As amigas suecas escolleron mal sitio para vivir.

Así nos presenta a historia o seu director, Javi Camino, que di que escribiu ao seu protagonista cun actor na cabeza: Pedro Brandariz.

 

 

Pin It on Pinterest