Radio Galega

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

Nesta edición do Diario cultural falamos con Diego Giráldez, autor do libro Hotel para coleccionistas discretos, da Editorial Galaxia. Ademais, coñecemos o número 3 da revista de Estudos Rosalianos co seu director, Xosé Luis Axeitos.

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural falamos con Carlos Barruso, a quen a Asociación Músicas ao Vivo lle recoñece o Premio Honorífico 2019 e que lle será entregado na gala dos Premios Martín Códax da Música. Ademais, hoxe estréase no Salón Teatro do Centro Dramático Galego a súa produción propia para este ano Neorretranca e postmorriña. Tamén, Tito Lesende achegaranos ao mellor da música dos vindeiros días.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

Neste Diario cultural falamos da produción propia do CDG Neorretranca e posmorriña, que se estrea esta tarde no Salón Teatro de Compostela. Un espectáculo que dirixe Gena Baamonde e composto polos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. E para coñecer que nos agarda no teatro, falamos con Gena Baamonde, pero tamén con Mercedes Castro, unha das actrices da obra.
E hoxe, tamén, a editorial Xerais presenta na RAG Historia da Literatura IV. De 1936 a 1975 ‘A longa noite’, o cuarto volume co que Xosé Ramón Pena continúa o relato da nosa historia literaria.

Coñecemos o rock de Grilo

Hoxe falamos con Adrián Gómez, Miguel Varela e Alberte Fernández, os tres integrantes do grupo de rock galego Grilo. Un grupo en que se xuntan os que no seu día foron integrantes de grupos galegos de referencia coma ¡Que desilusión! ou Skirl. Dende o ano pasado Grilo é a súa aposta de rock en galego no que Adrián é a voz e a guitarra, Alberte o baixo e os coros e Miguel a batería.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

Nesta edición do Diario cultural coñecemos o  ciclo Conversas trasatlánticas do Consello da Cultura Galega. Unha xornada que terá lugar mañá e na que a antropóloga canadense Sharon Rosemanse falará de memoria, etnografía e da vida das mulleres. Ademais, imos ata Carballo para coñecer a nova edición do festival de danza Primavera en danza coa técnica de cultura de Carballo, Carme Castro.

‘A nena e o grilo máis alo’, de Magín Blanco

A nena e o grilo máis aló é un espectáculo de música e teatro pero tamén un libro con ilustracións. A editorial Galaxia publica esta terceira aventura de A nena e o grilo no formato libro-cd, pero trátase dun espectáculo completo que se pode ver nos teatros de Galicia. No Diario cultural coñecemos todas as aventuras que nos agardan nesta lectura, obra ou escoita da man do compositor Magín Blanco.

Podcast do ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural coñecemos os poetas que van a participar dende mañá na novena edición de PontePoética, o festival de poesía de Pontevedra que coordina Yolanda Castaño. Tame´n introducímonos no mundo de ‘A nena e o grilo máis aló’ un libro con cd que produce Magín Blanco pero tamén un espectáculo de teatro musical para os máis cativos.

Por último, Luis Miguel Crespo achéganos á figura de Marcial del Adalid, un dos compositores galegos máis importantes no eido da música clásica na segunda metade do s. XIX.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

O Consello da Cultura Galega inicia hoxe o ciclo Xornadas de Mediación Cultural baixo o título Da animación sociocultural á cultura colaborativa: conceptos, debates e boas prácticas de participación cidadá en cultura. Para coñecer todos os detalles destas xornadas falamos cun dos seus coordinadores, Marcos Lorenzo.

Pero hoxe tamén coñecemos algúns dos segredos que nos agardan este xoves no Salón Teatro do CDG, en Santiago de Compostela, porque ese día estrean a súa produción propia deste ano, Neorretranca e postmorriña. Un espectáculo composto por dúas pezas:  Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.

E tamén hoxe presentouse Pontepoética, o Festival Internacional de Poesía de Pontevedra que celebra unha nova edición a partir de mañá e ata o domingo.

A música de Jorge Godás, no corazón de Siberia

The Timesounds é o título dun espectáculo audiovisual froito da colaboración entre o ompositor verinés Jorge Godás e o produtor  ruso Vladislav Soldatenko. A música é o fío condutor desta obra dedicada a Mirny, capital dos diamantes, que se estreará o vindeiro 28 de abril nesa cidade rusa no marco do XIX Festival Mirny canta pola paz. Jorge Godás coñece a Vladislav Soldatenko grazas ao seu amigo e fotógrafo Carlos Folgoso e neste Diario cultural falamos con Godás e Folgoso para coñecer todos os detalles desta historia.

Podcast do ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural falamos co compositor Jorge Godás que o vindeiro 28 de abril estará no festival Minry canta pola paz, que se celebra na cidade de Minry, situada na República de Yakutia, no corazón de Siberia. Alí presentará, xunto co siberiano Vladislav Soldatenko, The Timesound, un conxunto de pezas en que se recrea a vida na cidade de Minry, situada arredor dunha mina de diamantes a ceo aberto.

Tamén, e coma cada luns, Rosario Sarmiento falános de arte. Nesta ocasión achéganos a mostra Nos dominios da urxencia. Arte e sociedade na Coruña da Transición (1973-1986), que se pode ver na Fundación Luis Seoane da Coruña.

Pin It on Pinterest