As fillas bravas ou redescubrir o poder da ciencia dende o humor e a sabedoría da muller rural

A partir do mito de Casandra, as tres personaxes interpretadas por Patricia de Lorenzo, Arantxa Vilar e Mónica García fannos pasar unha divertida velada de música, teatro clásico, contos e reflexión. 
Nesta nova andaina das pandeireteiras de Chévere, que se acaba de estrear en Vigo, a actualidade non escurece a profundidade da cuestión: sempre houbo consellos sabios e ouvidos xordos para eles. Hoxe, o descrédito á verdade científica pode ser burda e rotundamente ignorada, como eran as profecías de Casandra por mor do castigo de Apolo. Serán estas mulleres empoderadas, libres, felices, abertas e sabias as Casandras dos nosos tempos? Será esta posta en valor da sabedoría popular, a sexualidade e a naturalidade sen dogmatismos unha evidencia do poder feminista dende o humor e o ecoloxismo?
Será este formato tan versátil e para todo tipo de públicos un novo xeito de darlle unha volta a certos formatos de humor paródico que se burla e perpetúa comportamentos homófobos, machistas ou xenófobos e que aínda vemos en certos programas televisivos? 
O noso colaborador Roberto Pascual fálanos das fillas bravas, fillas do vento, da liberdade, do que esconden os tópicos, do que nos ensina quen se move entre as silveiras da ignorancia e a soberbia de todos os tempos con beleza natural e afiadísimo humor.

Pin It on Pinterest

0 Shares
Share
Tweet
Share