Libros para o lecer estival

Principiamos o mes de xullo e Armando Requeixo tráenos a recomendación de dous interesantes títulos que poden acompañarnos nas horas de lecer estival: a novela Detrás dos perdidos de Pedro Rielo e os relatos de Un peixe no parqué de Ramón Vilar Landeira.

Detrás dos perdidos (Embora) é unha narración de intriga e aventura que, ao tempo, retrata a Galicia dos oitenta a través dos ollos de Fran, un mozo da cidade de Pontevedra quen, ao rematar o curso e chegar o verán, se ve obrigado a acompañar a seus pais á remota aldea de Caldarcos, no interior do rural lugués. Secasí, o que Fran coida que ha de ser unha estancia aburridísima acaba por resultar un tempo emocionante, cheo de peripecias e vivencias únicas que o transformarán definitivamente.

Un peixe no parqué (Xerais) reúne un feixe de case unha vintena de relatos curtos que, dunha ou doutra maneira, recuncan na reflexión sobre o baleiro existencial da modernidade. Os personaxes destas historias son seres que sobreviven ás súas orfandades, frustracións ou soidades, tamén ás súas eivas afectivas e ao desencanto da monotonía dos días idénticos en sucesión interminable. As súas vidas son un espello que nos convida a reflexionar sobre a hipocrisía que nos rodea, o acomodaticio no que con tanta facilidade nos instalamos e as mentiras coas que tratamos de enganar os demais e, o que é peor, a nós mesmos.

Pin It on Pinterest

63 Shares
Share63
Tweet
Share