Todas as colaboracións

A pintura vital de Correa Corredoira

Ata o 21 de xaneiro pode visitarse no centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense a exposición ‘Lugar sen medida’, inspirada pola visita do artista a Namibia para crear unha rosa dos ventos similar á que ideou ao pé da torre de Hércules. A exposición inclúe máis de cen pinturas e debuxos que recollen a pulsión vital que caracteriza a obra de Correa, aquí representada polas imaxes de África, da natureza e os animais que a poboan, do erotismo e da viada.

‘O paso en falso’ de Abraham Pérez

Na sección de voces expertas, Dolores Vilavedra recomenda ‘O paso en falso’, de Abraham Pérez, publicado pola editorial Galaxia.

Plásticos no cosmos

A contaminación por plásticos non só é un problema no mar. Estíbaliz Espinosa fálanos da enorme cantidade de ferralla orbital que rodea o noso planeta e do lixo depositado na Lúa. Con mención á oceanógrafa Ángeles Alvariño, versos de Luísa Villalta e música de Brais Morán e Ugia Pedreira.

‘Circumterra’, o novo disco de Amalgama

Emilio Españadero repasa as novidades na música de raíz. O grupo ‘Amalgama’ presenta o seu disco ‘Circumterra’, unha homenaxe do quinto centenario da primeira volta marítima ao mundo. É un disco conceptual que percorre os lugares da travesía a través das súas músicas tradicionais.

Plásticos no mar e poesía infantil sobre o cosmos

Na primeira conversa lectora de 2024 Eva Mejuto recupera unha obra divulgativa sobre a contaminación mariña causada polos plásticos e propón un novo álbum ilustrado de poesía infantil. ‘Plasticus Maritimus. unha especie invasora’ é unha libro da bióloga mariña portuguesa Eva Pêgo publicado en galego por Kalandraka. Narrado para a rapazada desde a experiencia persoal, Pêgo describe distintos tipos de plásticos que contaminan o mar, incluído o granulado plástico que agora chega ás nosas praias, e propón diversas solucións. ‘Canto Cosmos. Poemas e astronomía para case bebés’, é un álbum ilustrado de poesía infantil sobre planetas, estrelas e ata a materia escura. Versos de Estíbaliz Espinosa e ilustracións de Clara Cerviño neste volume publicado pola editorial Embora. 

‘Unha inimiga do pobo’ de Talía Teatro

Afonso Becerra analiza ‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro. É a versión teatral da peza de Henrik Ibsen, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey. A obra estreouse en 2023 e continúa en cartel. ‘Unha inimiga do pobo’ é un espectáculo de grande formato, no que se equilibran de xeito moi rítmico as escenas máis dramáticas coas máis teatrais e festivas. Unha peza de teatro político sobre a corrupción do sistema, sustentada pola propia corrupción do pobo e as súas comenencias máis inmediatas.

Estreas e concertos neste inicio de 2024

Tito Lesende tráenos estreas musicais e concertos para este inicio de 2024. Escoitamos a colaboración entre Grande Amore, Galician Army e Futuro Alcalde na canción ‘Personajes’ e o dueto de Guadi Galego e Rozalén para a ficción sonora de Paula Cons sobre unha novela de Dolores Redondo. Máis música con historia na última canción do proxecto en solitario de Tomás Porteiro, un recordo aos mozos arousáns do ‘Dejadnos vivir F.C’. Poñemos o ramo con Green Day, a piques de editaren novo disco. Serán un dos cabezas de cartel do Son do Camiño da próxima edición do Son do Camiño.

‘Honeymoon’ e ‘Perfect days’

Moncho Lemos comenta dúas estreas cinematográficas: ‘Honeymoon’ do galego Enrique Otero; e ‘Perfect Days’, a última longametraxe de Win Wenders. A película ‘Honeymoon’ é unha viaxe dende o drama ata a comedia que demostra a capacidade do ser humano para facerlle fronte a situacións complicadas. O filme mantén a atención do espectador ata o último fotograma. A segunda estrea é o filme ‘Perfect Days’. O protagonista é un home tranquilo que traballa limpando os baños públicos en Xapón. É un guión enigmático que narra a historia dun home cunha vida sinxela e feliz. Conforme avanza a longametraxe, o espectador vai descubrindo que o protagonista tiña unha vida anterior ben distinta á actual.

‘Miñatos de Vran’, con libreto orixinal de Enrique Zas e Ramón Otero Pedrayo

Luís Miguel Crespo analiza a zarzuela galega ‘Miñatos de Vran’ que volve á escena con representacións no Auditorio de Vilagarcía e no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Os protagonistas son a Banda de Música Municipal de Santiago, baixo a dirección de David Fiuza; o Coro Asociación Liceo de Vilagarcia dirixido por Josefa Dorado Soto; a formación Antigos Tunos de Santiago; e as voces solistas principais da soprano Patricia Rodríguez Rico, o barítono Gabriel Alonso e o tenor Diego Neira. A dirección escénica está a cargo de José Álvarez, con música de José Fernández Vide e co libreto orixinal de Enrique Zas de 1928, reelaborado por Ramón Otero Pedrayo no 1959.

‘Nocturnos’, arte para a memoria histórica

Mónica Maneiro comenta a exposición ‘Nocturnos’, de Nicolás Combarro, que pode visitarse na galería Nordés de Santiago ata o 26 de xaneiro. Unha proposta que explora as arquitecturas de represión que someteron os republicanos españois na Península e en Francia. Cárceres e campos de concentración retratados en fotografías só parcialmente iluminadas, en gravados destas arquitecturas represivas sobre planchas de Vinc ou en esculturas realizadas con moldes de cascallos do antigo cárcere de Carabanchel. Unha mostra para iluminar o pasado a través dos espazos de violencia e represión.

Pin It on Pinterest