Todas as colaboracións

Bailamos ao son do grupo A Banda Da Loba, que o vindeiro domingo presenta no Lume Na Palleira o seu novo disco “Fábrica De Luz”

Bailamos ao son do grupo A Banda Da Loba, que o vindeiro domingo presenta no Lume Na Palleira o seu novo disco Fábrica De Luz

Ademáis, ofrecemos varios adiantos e novidades musicais galegas a cargo de Sés, A Banda De Lombás, Fernando Barroso & Banda e Charamuscas.

‘Os Estados e Imperios da Lúa’, de Cyrano de Bergerac, e mais ‘As confesións dunha filla do século’, de Donna Paola

Esta semana Armando Requeixo tráenos noticia de dous textos narrativos traducidos: Os Estados e Imperios da Lúa, de Cyrano de Bergerac, e mais As confesións dunha filla do século, de Donna Paola.

Traducido dende o francés orixinal por Henrique Harguindey Banet, O outro mundo ou Os Estados e Imperios da Lúa (Rinoceronte) foi escrita por Cyrano de Bergerac a mediados do século XVII. Clásico da literatura de viaxes imaxinarios ao espazo, o autor sérvese do subterfuxio de recrear unha ficticia estancia na Lúa para defrontar o goberno dos lueses co dos terrícolas e así poder criticar a política e a sociedade do seu tempo, especialmente os asuntos relixiosos, o despotismo da realeza e da nobreza e tamén o esquecemento da ciencia e do saber.

As confesións dunha filla do século. Epistolario dunha morta (Hugin e Munin) é unha tradución do italiano realizada por Isabel Soto. A novela foi publicada en 1901 e ten forma epistolar. Nela, a súa protagonista, Viviana, dá a coñecer as dificultades da que foi a súa vida e a visión que ten das relacións interpersoais a través de oito cartas que envía a outras tantas persoas sinaladas e próximas a ela logo de se suicidar. Por medio destas epístolas imos descubrindo a hipocrisía social da súa época, ao tempo que se afirma a liberdade sexual da protagonista, namorada dende adolescente da súa amiga Paola.

Lembramos a figura de Laxeiro a través da mostra “Son eu. Dezaoito autorretratos de Laxeiro. Da afirmación á disolución do suxeito”

Coa nosa experta en arte Rosario Sarmiento, lembramos a figura de Laxeiro a través da mostra “Son eu. Dezaoito autorretratos de Laxeiro. Da afirmación á disolución do suxeito”, exposta na Fundación Laxeiro de Vigo. Nela, por primeira vez, reúnese a totalidade dos autorretratos realuzados por Laxeiro e coñecidos ata a data. Dende os anos vinte ata finais dos anos oitenta un total de dezaoito pezas, feitas en técnicas diversas que ilustran a evolución do artista e a interpretación da súa propia imaxe.

‘A fábula das aves’, o novo poemario de Manuel Forcadela

A colaboradora Alba Cid fala esta semana do novo libro do poeta vigués Manuel Forcadela.

Adú e o biopic de Judy Garland chegan aos cines

A directora de Sala 5, Begoña Vázquez, recomenda esta semana as estreas da película española Adú e o biopic de Judy Garland Judy.

‘Homes de ferro’, de Alfredo Conde, e a escrita de Juan Carlos Mestre en ‘200 gramos de patacas tristes’

A novela ‘Homes de ferro’, de Alfredo Conde, e mais a escrita de Juan Carlos Mestre en ‘200 gramos de patacas tristes’ son as propostas que nos trae esta semana Armando Requeixo.

Homes de ferro (Ézaro Edicións) é unha narración mariñeira, a crónica da viaxe xacobea que catro irlandeses levan a cabo dende Dublín ata Galicia nun currach, embarcación tradicional en que durante moitas xornadas de singradura e a forza de puro remo salvan a distancia entre estes dous países celticamente irmandados. Alén do propio relato da peregrinación per loca maritima e da descrición detallada do que vai sucedendo na navegación ao longo da costa insular, da beiramar francesa e do periplo cantábrico, a narración vai tecendo aos poucos un retrato das relacións que dende ben antigo unen Irlanda e Galicia, os personaxes míticos que as vencellan como Breogán, Ith, San Brandán ou Amergin, mais tamén todo o que de común temos cultural e identitariamente.

200 gramos de patacas tristes (Espiral Maior) é o primeiro libro en galego deste destacado poeta berciano, un conxunto de máis dun cento de prosas líricas breves nas que a auténtica protagonista é a memoria dun tempo (o da infancia e mocidade), unha paisaxe (a bisbarra natal do autor) e unha paisanaxe (todas as persoas que alí tratou e que deixaron pegada nel). Entrelazadas con todas estas realidades figuran tamén os textos reflexivos e críticos, de carácter social reivindicativo, e tamén outras prosas nas que a propia escrita ou a arte en xeral son o centro de atención.

Rosario Sarmiento fálanos da mostra “Primores do múltiplo”, exposta na Biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela

Hai cubertas de libros que son verdadeiras obras de arte. Tapas de publicacións que foron encargadas a artistas moi diversos e que decidiron enfrontarse a elas como se fosen auténticos lenzos e que  —tanto pola calidade creativa, como pola autoría das mesmas—  merecerían ser enmarcadas e amosadas como tales nun museo.
Estos traballos obras de arte feitas capa de libro é o fio conductor da mostra en «Primores do múltiplo: encadernación e coleccionismo», unha exposición que na Biblioteca da Cidade da Cultura  pór en valor unha característica determinante dos libros que custodia é que habitualmente pasa desapercibida: a encadernación.
Na exposición  móstranse algunhas obras nas que esa interrelación entre encadernación e arte é especialmente significativa con especial atención merece a presenza dos artistas galegos na encadernación editorial do século XX. Carlos Maside,  Seoane,Ventura Cores,  Xohán Ledo, Xosé Díaz, Virxilio, Pepe Barro…

Igualmente, mencionamos a mostra CÁNDIDO FERNÁNDEZ MAZAS: SIGNOS DUNHA QUIMERA que se inaugura o próximo dia 30 neste mesmo espazo da Cidade da Cultura, dedicada a Cándido Fernández Mazas no dia da Ilustración que este ano protagoniza esta gran ilustrador e artista plástico galego.

A Irmandade da Música Galega e o seu labor de recuperación, difusión, e posta en valor do patrimonio musical galego

A Irmandade da Música Galega e o seu labor de recuperación, difusión, e posta en valor do patrimonio musical galego centran a colaboración de hoxe.

Coñeceremos algo máis a Prudencio Piñeiro e Manuel Martí, dous compositores quizais pouco coñecidos para o grande público, pero moi interesantes polo seu legado musical, que centran o concerto que esta asociación, xunto coa Real Academia Galega de Belas Artes, organiza este venres día 31 de xaneiro.

Será no salón de actos desta última institución ás 20h, e correrá a cargo dos mestres Margarita Viso e Javier Ares ao piano, e da mezzosoprano María José Ladra.

Facemos balance da participación galega nos Goya con Xavi Font

Da man da directora de Sala 5, Begoña Vázquez, facemos balance da participación galega nos Goya celebrados en Málaga o sábado.

Falamos co produtor ‘O que arde’ Xavi Font dos premios recibidos por Benedicta Sánchez e Mauro Herce.

As nove candidaturas galegas aos Premios Goya

Falamos con Beli Martínez dos Premios Goya. A festa do cine español será este sábado en Málaga e contará cunha gran representación galega. Os premios son un recoñecemento aos filmes estreados ao longo de 2019. Nesta edición, Galicia está presente cun total de 9 candidaturas.

Destacan catro candidaturas de O que arde: dirección, filme, dirección de fotografía e actriz revelación con Benedicta Sánchez.

Quien a hierro mata tamén ten tres candidaturas: mellor son con David Machado, Gabriel Gutiérrez e Yasmina Praderas; mellor actor revelación con Enric Auquer; e actor protagonista con Luis Tosar.

O actor Santi Prego é candidato a mellor actor revelación polo seu traballo en Mientras dure la guerra, de Alejandro Amenábar. Entre as candidatas a mellor curta de animación, David Fidalgo, por Homomaquia.

Pin It on Pinterest