Todas as colaboracións

Nastasia Zürcher e Rebeliom do Inframundo actúan na Coruña

Na colaboración de pop e rock do Diario Cultural, Tito Lesende comeza con dous artistas galegos que coinciden estes días nos escenarios da Coruña: Nastasia Zürcher e Rebeliom Do Inframundo. En canto ás novidades discográficas, adiántanse dous lanzamentos internacionais de nomes ben recoñecidos: Pet Shop Boys e Pearl Jam publicarán proximamente os seus novos discos e aquí se ofrecen respectivos anticipos.

Preséntase en Rianxo a curtametraxe “O Castelo da Lúa”

Na colaboración de arqueoloxía con de Mario César Vila falamos da curtametraxe “O Castelo da Lúa”, unha peza que fala sobre o castelo medieval de Rianxo. A presentación é o sábado 25 de xaneiro no Auditorio de Rianxo. A convidada, Adriana Rego, é a directora da produción.

Paisaxes en extinción

A xornada “O estado da danza en Galicia” celebrada no Consello da Cultura Galega evidenciou unha paisaxe negra na última década para as artes do movemento en Galicia. O director da AGADIC anunciou publicamente que se eliminará a figura de director/a do Centro Coreográfico Galego, ademais da redución do seu orzamento en máis dun 65%. Tamén recoñeceu que apenas hai difusión da creación de danza en Galicia.
Un dos escasos soportes de información e documentación para a danza e o conxunto das artes escénicas, a Revista Galega de Teatro, chega ao seu número 98 coa alarma da posible desaparición ante a falta de apoio público.
Reflexionamos sobre as agresións ao ecosistema da arte escénica galega hoxe e apuntamos posibles vías sobre a coordinación neste ámbito é o dereito cidadán de acceso á cultura escénica diversa.

A nova edición do Festival de Ortigueira

No colaboración de Emilio Españadero no Diario Cultural falamos dalgúns dos grupos confirmados na vindeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Entrevistamos a Alberto Balboa, coordinador do festival.

‘O libro dos trens’ e mais da novela curta de Alberto Fortes ‘O verán en Lucenza’

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura do conxunto de relatos de varios autores O libro dos trens e mais da novela curta de Alberto Fortes O verán en Lucenza.

O libro dos trens (Galaxia) reúne dez historias escritas por Ana Cabaleiro, Anna R. Figueiredo, Antonio Piñeiro, Arantza Portabales, Daniel Asorey, Diego Giráldez, Iria Collazo López, María Alonso Alonso, Miguel Anxo Fernández e Víctor F. Freixanes. Moi diversas tanto nos universos recreados coma na estética compositiva, todas elas coinciden en incorporar a realidade ferroviaria como un elemento constitutivo das súas tramas, en non poucos casos de xeito protagónico e, onda non, como presenza decisiva.

O verán de lucenza (Xerais) achéganos ás vacacións rurais do fillo do Cortizo, un rapaz dos setenta que pasa os días de verán cunhas súas tías maiores. A narración detense nos traballos e nos días da escasa veciñanza da parroquia, ao tempo que amalgama realidade e transmundo para tecer un relato que reflexiona sobre os conceptos de tempo, memoria e existencia e acaba por iluminar lembranzas escurecidas do pasado da xentes do lugar.

Daniel Caxigueiro expón ‘A métrica do ilusionismo’ no Museo Provincial de Lugo

 

Nesta mostra Caxigueiro revisa algunhas das series máis representativas da súa traxectoria desde o ano 2005 ata a actualidade. Nas súas propias palabras, esta mostra “aínda que pode sorprender, resume a perfección os cambios que se foron dando, dun xeito pausado, sen guión previo, deixando aflorar unicamente as necesidades estéticas e conceptuais de cada momento”.

Tras a súa formación no ámbito da cerámica durante a década dos oitenta, este artista de Mondoñedo ampliou os seus intereses coa incorporación de novos materiais, técnicas e ámbitos creativos. A fotografía e a poesía comparten agora mesmo protagonismo coa escultura- instalación feita fundamentalmente en cerámica, aportando novos e enriquecedores matices e conceptos. 

Os intereses de Caxigueiro sempre xiraron arredor a temáticas de índole social que inciden no desenvolvemento do ser humano tanto de xeito individual como colectivo. A defensa das culturas minoritarias, as agresións contra as libertades e o medio natural están entre os seus intereses.

 

Continuamos celebrando o 250º aniversario do nacemento de Beethoven

Un luns máis, o noso especialista en música clásica, Luis Miguel Crespo, chega con novas recomendacións:

Continuamos coa celebración do 250 aniversario de L.v. Beethoven coñecendo un pouco máis a súa figura e as súas obras, e facémolo tendo como referencia os concertos desta semana da Real Filharmonía de Galicia, nos que a obra de Beethoven estará presente. Este xoves 23 no Auditorio de Galicia de Santiago e o venres 24 no Auditorio Afundación de Pontevedra, ás 20:30h, baixo a batuta da directora australiano-británica Jessica Cottis, a orquestra compostelá interpretará fragmentos do ballet As Criaturas de Prometeo de Beethoven, xunto coas Danzas Concertantes de Ígor Stravinski, e o Concerto de Aranjuez de Joaquín Rodrigo, co afamado guitarrista vasco Enrike Solinís de solista.

As Criaturas de Prometeo é un ballet con música de Beethoven e coreografía de Salvatore Viganó, un dos máis famosos coreógrafos da época, director do Ballet de Viena. Trata o mito de Prometeo na descrición que Platón fai do mesmo no seu libro de xuventude Protágoras. É a única incursión de Beethoven na música para ballet, e nel podemos escoitar por primeira vez varios temas que logo volverá utilizar nas súas Sinfonías nº 1 e Sinfonía nº 3, ademais de noutras composicións. Serviulle tamén este ballet para canalizar unha idea que para el era fundamental na música: o seu carácter de socialización, de como a música serve para facer mellores aos seres humanos.

Dúas obras unidas polos espazos: ‘Á sombra das árbores’e ‘Be Water’

Montse Pena chega coas súas recomendacións en literatura infantil e xuvenil como cada venres, unidas desta vez polos espazos:

  • ‘Á sombra das árbores’ (Galaxia) de Ana Abad, gañador do II Certame de textos teatrais no 2019
  • ‘Be water’ (Cuarto de Inverno) de Antía Yáñez, unha distopía sobre ecoloxía nunha colmea.

A Banda da Loba actúa este sábado en Capitol

Abrimos lembrando a cita coa Banda da Loba este sábado na sala Capitol (Santiago de Compostela). Pero a temporada de estreas discográficas dispárase, e hai que estar atentos á nova música de Bunbury e Bombay Bicycle Club. Por último, imos facendo boca para as próximas actuacións dun dos artistas galegos máis en forma: Baiuca. Todas as propostas mencionadas empezan por B, pero iso é casualidade!

Os relatos gráficos de Joe Sparrow e Ana Moreiras

Na colaboración de banda deseñada con Carlos Portela falamos do Cazador de Joe Sparrow e dunha obra de relato gráfico sobre o rural titulado Madialeva, da autora Ana Moreiras.

Pin It on Pinterest