Todas as colaboracións

Falamos da mostra de fotografía contemporánea da colección Telefónica

Falamos con Rosario Sarmiento da mostra de Fotografía contemporánea da Fundacion Telefónica na Coruña. Trátase dunha moi interesante selección dos fondos fotográficos desta colección corporativa, unha das máis importantes de España.

Falamos de Antonio Navarro, autor de Homónimos

O autor madrileño Antonio Navarro será un dos convidados de Viñetas desde o Atlántico. Navarro levará á Coruña orixinais da súa última obra, Homónimos, un relato de relatos onde distintos personaxes que comparten un mesmo nome, o do autor, contan as súas vidas e móstrannos as infinitas posibilidades narrativas e estilísticas do cómic.

O talento galego no Festival de Locarno

Na sección de audiovisual con Beli Martínez falamos da selección de filmes galegos ou de produtoras galegas que estarán no Festival de Locarno.

O Festival 17 Graos Ribeira Sacra

A proposta de Tito Lesende desta semana é o Festival 17 Graos Ribeira Sacra. Un evento que aproveita a riqueza do patrimonio natural e histórico deste recuncho do mapa galego para compartir concertos en diversas localizacións.

Unha das propostas semanais son os asturianos Alberto & García, que interpretarán nunha adega de Sober a súa versión dun clásico de Los Diablos. Tamén cantará noutra adega a pontevedresa Cora Velasco con “La circunstancia”.

Tamén hai concertos no catamarán de Doade, no miradoiro de Santiorxo, na praza de España de Chantada ou diante do parador de Monforte, onde se celebrará o concerto máis grande na noite do sábado. Escoitamos a Los Enemigos, con “Desde el jergón”.

A troula do 17 Graos non remata aquí, o Festival tamén durará ata a vindeira semana, con novas zonas e artistas. Rematamos escoitando a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, con “O baile de Noró”.

Falamos de Miguel Franqueiro, o músico galego que é noticia en Italia

O músico galego Miguel Franqueiro acaba de gañar a audición de tuba da orquestra do Teatro Alla Scala de Milán. Falamos con el neste Diario Cultural. 

Os premios Coiro de Pita

Poñémosche o ramo á tempada teatral cos premios Coiro de Pita, que o público da sala Ártika do Porriño concedeu á compañía Mortificación Teatro.

Reparamos tamén nunha nova compañía galega, Acusmaser Opus, que estrea na MIT de Ribadavia ‘Nun cuarto da rotonda. Beckett + Pinter’. Federico Pérez, Evaristo Calvo e Santi Romay crean un espectáculo a partir de textos de Harold Pinter e Samuel Beckett.

Artefactos entre o poético e o visual

Artefactos entre o poético e o visual: a plaquette Berta de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora, 2019) e o libro de artista Parece unha formiga de Pablo Otero (Faktoría K, Kalandraka, 2019).

Berta (Chan da Pólvora), artefacto coidado, breve e intenso como o son as plaquettes, chega a nós no primeiro cabodano do pasamento de Berta Cáccamo, trenzando ilustracións conceptuais da pintora, ese fluír de manchas e fíos, canda unha composición poética en homenaxe, escrita por un dos seus irmáns, o poeta Xosé María Álvarez Cáccamo. Sendo a intimidade un efecto da linguaxe, Cáccamo ofrecénos un texto máis directo e entrecortado, cunha restra de referencias-ponte entre os irmáns (xeográficas, pictóricas ou literarias) e atendendo ao quefacer artístico de ambos.

Parece unha formiga (Faktoría K), o libro do artista visual Pablo Otero, capaz de abrir a colección Rizomas, parte dunha forma mínima (formiga, mancha, pegada, lunar…) para obter rendemento da suxerencia, da redundancia, e tamén do xogo, dunha transformación visual ou lingüística que nos leva da man aos grandes interrogantes. Un volume atrevido e híbrido, que non precisa clasificacións xenéricas nin etarias para abrirse coa potencia precisa.

A mostra do legado Carlos Maside en Compostela

Un total de 21 pezas de Carlos Maside, adquiridas polo Consorcio de Santiago con axuda da Deputación da Coruña, cumpren co desexo do propio artista de que a súa obra estivera en Compostela.

Alí pódense ver algúns dos cadros máis emblemáticos de Maside como “Muller sentada” ou “Costureira”. Falamos desta mostra na colaboración de arte con Rosario Sarmiento.

Dúas novelas de Philip Dick e Claire de Duras xa están traducidas ao galego

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas traducidas recentemente ao galego: Soñan os androides con ovellas eléctricas?, de Philip K. Dick, e mais Ourika, de Claire de Duras.

Soñan os androides con ovellas eléctricas? (Faktoría K), publicado por Dick en 1968 e traducido agora ao galego por Fernando Moreiras, converteuse xa nun título clásico da ciencia ficción ou ficción científica. Esta distopía debuxa un mundo futuro onde os humanos e uns robots moi humanizados coñecidos polo nome de replicantes cruzan os seus destinos. O axente Rick Deckard recibe a encarga de eliminar algún destes sofisticados androides que se resisten a ficar ‘fóra de servizo’, o que abre un dilema moral: é xusto acabar cos humanoides polo simple feito de non naceren humanos? Son realmente menos humanos por ese feito? A novela foi adaptada ao cinema por Ridley Scott en 1982 nun filme tamén de culto, Blade Runner, que tivo no 2017 unha continuación, Blade Runner 2049.

Ourika (Vólvense os paxaros contra as escopetas) é unha novela breve traducida por Xavier Senín que deu a coñecer en 1823 Claire de Duras. Esta aristócrata francesa, fascinada pola crianza adoptiva dunha nena senegalesa por parte dunha familia amiga da alta sociedade parisiense, narra a súa vida adornándoa ficcionalmente. A obra tivo un grande éxito na súa época e constitúe un vívido retrato da sociedade europea daquela altura, sendo a primeira narración contada dende a óptica dunha muller africana, que ten que loitar para seguir adiante rodeada de prexuízos e falta de verdadeiro afecto.

Falamos do autor francés David Sala

Carlos Portela fálanos hoxe do autor francés David Sala e da súa última obra, traducida ao castelán como ‘El jugador de ajedrez’. Sala traslada ao comic con brillantez a ‘Novela de xadrez’ de Stefan Sweig.

Unha partida de xadrez nun barco que cobre a ruta entre Nova York e Bos Aires serve de metáfora da barbarie nazi e da capacidade humana para a supervivencia. David Sala exporá orixinais desta novela gráfica na Coruña, na próxima edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’.

Pin It on Pinterest