Todas as colaboracións

‘Pixies’ visita Galicia por primeira vez o 26 de outubro

Tito Lesende achéganos os concertos que nos agardan nos vindeiros días, como o de Kiko Veneo ou David Bustamante hoxe en Ourense, pero tamén o de Xoel López que mañá estará en Narón ou o grupo ‘Grilo’ que actuará en Compostela. Ademáis nesta semana tamén coñecimos que o FIV de Vilalba ten os abanos esgotados e alí actuará a ourensán Marem Ladson.

Por último, hoxe coñeceuse que ‘Pixies’ actuará en Galicia por primeira vez o vindeiro 26 de outubro e xa non quedan entradas.

A curuxa e o raposo, protagonistas da literatura

Hoxe un clásico da LIX, as historias de animais, neste caso de dous animais que contan cunha longa tradición simbólica entre nós: a curuxa e o raposo. Falamos de dúas noveliñas que veñen de sacar dous autores ben coñecidos por todas nós, Fina Casalderrey e Antonio Reigosa.

Baía Edicións reedita Unha pantasma branca de Fina Casalderrey, unha obra na que atopamos o lirismo e a valorización do rural que son habituais na obra de Casalderrey. No libro non só escoitaremos falar as personaxes humanas, tamén as animais, que nos permitirán ver o mundo dende unha perspectiva ben diferente.

Edicións Xerais publica O raposo aviador que voa sen motor de Antonio Reigosa, ilustrado por Laura Cortés. Unha obra para público que estea facendo o camiño entre ler álbum e contos un chisco máis longos. O argumento garda relación coas historias de tradición oral, como é habitual na escrita de Antonio Reigosa e o humor tamén é compoñente fundamental da obra.

‘Asterix e Obelix’ e ‘Tintín’ en galego

Carlos Portela fálanos de banda deseñada e hoxe achéganos a dous grandes cla´sicos do cómic internacional, ‘Asterix e Obelix’ e ‘Tintín’ reedítanse en galego. Pero tamén, na colaboración de hoxe falamos da situación actual deste xénero entre a rapazada galega.

Centenario da creación do Conservatorio Nacional da Arte Galega

No mes de abril de 1919 presentábase no Pavillón Lino da Coruña un proxecto formativo e de creación teatral impulsado polas Irmandades da Fala e dirixido polo dramaturgo e actor Fernando Osorio. A idea era crear un teatro nacional seguindo o modelo dos teatros de arte libre de Europa, apostando pola modernización, a innovación artística e a superación do realismo costumista.

Cara a onde evolucionou aquel anceio dos nosos devanceiros? Coñecemos ben o legado dos nosos artistas teatrais, de Ramón Cabanillas, Camilo Díaz Baliño, Xaime Quintanilla e tantos outros creadores galegos da arte teatral?

Cal é a situación do noso teatro nacional hoxe? O Centro Dramático Galego e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia son as lexítimas sucesoras daquel proxecto fanado. Que retos e que problemáticas pexan o seu pleno desenvolvemento e autonomía?

Analizamos os piares institucionais do teatro galego co gallo deste centenario, os avances e estancamentos 100 anos despois.

Lemos ‘Hotel para coleccionistas discretos’ e ‘A vida é dura antes dos 18’

Esta semana Armando Requeixo achéganos dúas propostas narrativas ben diferentes: a nova novela de Diego Giráldez, Hotel para coleccionistas discretos, e mais o libro de relatos de José Luis Graña Muíño A vida é dura antes dos 18.

Hotel para coleccionistas discretos (Galaxia) é unha novela que nos mergulla na psicopatía social do noso tempo a través dunha trama na que un feixe de coleccionistas neuróticos se reúnen nun hotel para homenaxear unha compañeira falecida. Durante a xuntanza, os organizadores retaranos a unha absurda competición que os levará a dinamitar todos os límites do racional, evidenciando a esquizofrenia insolidaria na que viven instalados non poucos dos oligarcas políticos e empresariais dos nosos días.

A vida é dura antes dos 18 (Fervenza) é un conxunto de relatos que profundan na complexa etapa da adolescencia nun ámbito crucial como é o da vida escolar. As angueiras estudantís de diversas rapazas e rapaces centran estas historias, que exploran as fías psicolóxicas derivadas das interaccións, non sempre doadas, entre a rapazada e o profesorado e mais entre os propios mozos. Un mundo cheo de inseguridades, arelas insatisfeitas, pequenos fracasos e decepcións e tamén moitas dúbidas, iso si, todo adubado cun excelente sentido do humor.

Luis Seoane é o homenaxeado no Día das Artes Galegas

Rosario Sarmiento achéganos á figura dun dos creadores de maior relevancia da plástica contemporánea, Luis Seoane, o homenaxeado en 2019 polo Día das Artes Galegas que se celebra o 1 de abril.

Os retratos de actrices de Luis Seoane, os Young Audience Awards e lembranza a Agnès Varda.

Os retratos de actrices de Luis Seoane – homenaxeado co Día das Artes Galegas – os filmes finalistas dos Young Audience Awards na Coruña e a lembranza á cineasta Agnès Varda.

“Estado de malestar” de María Ruído

Beli Martínez preséntanos hoxe “Estado de Malestar” a nova película da galega residente en Madrid María Ruído. Tamén fálanos do Campamento de webseries Kamikace que comeza o luns en Carballo no marco da celebración do Festival Carballo Interplay. E por último fainos un repaso da MICE que remata esta fin de semana.

Galaxia publica a edición en galego de ‘A revolución vertical’

Hoxe asomámonos ao mundo da tradición oral, a través dun libro moi peculiar: A revolución vertical (ou por que os seres humanos camiñan ergueitos) de NGugi Wa Thiong’o, traducido por Xosé Álvarez Alonso en Galaxia, que parte da tradición oral africana, escrito orixinalmente en kikuye traducido xa a máis de 100 linguas.

A través dunha especie de fábula que xorde da desputa entre os curmáns brazos e pernas na que van entrando o resto do corpo, o autor transmite algunhas ideas fundamentais, como o feito de que todas as persoas somos diferentes e xogamos o noso papel, o que se traduce nunha reivindicación da igualdade de dereitos. A súa orixinalidade para trasladar estas ideas, a través dunha historia que semella ter saído dos contos que se transmiten de xeración en xeración, pero tamén a súa sinxeleza.

As ilustracións, do arxentino Agustín Comotto, trasládannos á sabana, onde semellamos que se orixinou esta historia e están claramente inspiradas nas cores e no universo africano, así como tamén nas teas e nos tapices ilustrados alí.

Esta coidada edición de Galaxia, que se completa cun limiar e cun epílogo que nos dá a oportunidade de contextualizar mellor este conto, e tamén de entender que detrás desta procurada sinxeleza hai todo un programa sociopolítico que transcende este breve conto para espallarse ao resto da obra do autor.

Pin It on Pinterest