Todas as colaboracións

“El sombrero roto” de Kiko Veneno

Tito Lesende mergúllanos no  novo disco de Kiko Veneno que sairá a venta o venres cun cambio estilístico notable. Ademáis achéganos a axenda da fin de semana onde destaca os concertos da banda canaria Los Vinagres e dos estradenses Gharabullo. Por último anticípanos o novo disco de Mavis Staples.

Día Mundial do Teatro e o teatro do porvir

Hoxe é un día especial. Todo o mundo celebra a diversidade e a arte teatral lendo a mensaxe do mexicano Carlos Celdrán en multitude de linguas. Os galegos e galegas temos a fortuna de pensarnos e recoñecernos como país (teatral) nunha lingua propia. Podemos escoitar a sonoridade das ideas do dramaturgo como: “o teatro é unha viaxe ao corazón do espectador para espertar a súa consciencia cívica, ética e humana”.

Neste día tan especial queremos falar do teatro do porvir, do futuro, e que mellor motivo que falar do I Congreso do Teatro Galego, anunciado recentemente pola Academia Galega do Teatro para marzo de 2020 e que ten como obxectivo fundamental propor a través do debate un plan estratéxico, revisar e renovar as políticas teatrais despois de 40 anos de exercicio profesional. Co 2030 no horizonte é o lema do Congreso, que quere falar de proxección, actualización e conexión coas novas dinámicas sociais.

Marzo de música clásica femenina

Luis Miguel Crespo fala do papel das mulleres na música clásica pondo o foco en España e en Galicia. María Rodrigo é un dos moitos nomes femeninos da música clásica que, pola súa condición de muller, non trascenderon en épocas pasadas. Agora estase a recuperar a obra desta gran compositora e pianista nada en Madrid en 1888.

E en Galicia Luis Miguel Crespo destaca a figura da compostelán Eugenia Osterberger.

Lemos dúas novelas de Narciso de Gabriel e Calros Solla

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas novidades de temática e estilo ben diverso: Elisa e Marcela. Amigas e amantes, de Narciso de Gabriel, e mais A gran mortaldade, de Calros Solla.

A gran mortaldade (Edicións Morgante) é un libro de relatos do escritor e profesor pontevedrés Calros Solla coa que se estrea no eido da narrativa de ficción. As dezasete historias que compoñen este libro xiran arredor da paisaxe e a paisanaxe do xenuíno territorio de Cerdedo e a Terra de Montes, que funciona como metonimia do conxunto de Galicia. Mesturando feitos e personaxes reais cunha imaxinación prodixiosa, Solla debuxa un mapa sociolóxico e identitario no que a evidencia do fracaso e a esperanza da resistencia son os ingredientes principais dun cóctel literario servido con grandes doses do máis ácido humor.

Elisa e Marcela. Amigas e amantes (Xerais) é a novelización dun ensaio previo do investigador e profesor da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel.Neste libro nárrasenos a fascinante historia de dúas mestras que nos primeiros do século pasado namoraron e chegaron a casar servíndose do subterfuxio dunha delas cambiar de identidade, adoptando publicamente o nome e a vestimenta habitual de home. A estrataxema foi descuberta e fixo que tivesen que iniciar un longo éxodo fóra de España, que as levou primeiro a Portugal e logo ata Arxentina. Nesta obra relátase ese amor contracorrente, constituíndo, en palabras do prologuista do volume, Manuel Rivas: “a novela de Elisa e Marcela que non foi quen de escribir dona Emilia Pardo Bazán”, autora que no seu día se manifestara moi interesada nesta historia.

A obra de René Heyvaert no CEGAC

Rosario Sarmiento achéganos nesta colaboración á vida e a obra do artista belga René Heyvaert a raiz da exposición que ten aberta o Centro Galego de Arte Contemporánea. Trátase dunha  retrospectivada da sua obra, 35 anos despois da súa morte.

Túa e Criatures, dúas propostas máis alá de Galicia

Ofrecemos hoxe, en primeiro lugar, dúas propostas musicais chegadas de fóra de Galicia: a dos murcianos Túa e a dos cataláns Criatures.

Tamén e como adianto dos contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo escoitamos ás Leilía, que virán festexar connosco o seu trinta aniversario e a presentarnos a súa xira de celebración.

Manuel Logar estrea “Entre la ola y el mar”

Beli Martínez achega todas as novidades da estrea en salas do documental “Entre la ola y el mar” de Manuel Logar, que se estrea en oito salas galegas. Tamén é protagonista do espazo a décimo cuarta edición da MICE, a Mostra de Cinema Etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego.

Falamos do libro ‘A cámara do sangue e outros relatos’

Hoxe vou falar de A cámara do sangue e outros relatos, de Ángela Carter, traducido por María Reimóndez e con prólogo de Enma Pedreira en Urco. É un libro de narrativa breve, destinado a público de fronteira, é dicir, pode ser lido tanto por público xuvenil cun nivel lector avanzado coma por adultas.

Pin It on Pinterest