Todas as colaboracións

Quen son os candidatos aos Premios Goya?

A directora de sala5, Begoña Vázquez, analiza as películas e producións galegas que entran na carreira final para os Goya.

Destacan as 6 candidaturas da película de Dani de la Torre “La sombra de la ley” e a entrada en liza de fitas pequenas, como Matria ou Soy una tumba, que se van visibilizando no audiovisual español.

A Compañía Prácido Domingo gaña o Premio da Crítica do Certame Coreográfico de Madrid

A nosa colaboradora experta en artes do movemento, Rut Balbís, fálanos no programa de hoxe sobre “Non hai que ser unha casa para ter pantasmas”, o traballo da Compañía Prácido Domingo que vén de gañar o Premio da Crítica da 32ª Edición do Certame Coreográfico de Madrid.

Banda deseñada e teatro na Revista Galega de Teatro

A última publicación da Colección de Banda deseñada da Erregueté xunta a creación dramatúrxica de Fernando Epelde coas ilustracións de Manuel Tudela. Unha versión d’A caixa negra, obra que fala dos abusos sexuais a menores e da reconstrución dun pasado traumático a partir da escoita de fitas de casette. Coa pátina e a iconografía do ano 92 e cos referentes daquel ano marcado polos Xogos Olímpicos de Barcelona, a Expo de Sevilla, os crimes de Alcàsser ou o boom inmobiliario que provocaría a burbulla do ladrillo. Motivos todos eles inspiradores, igualmente, da creación intertextual que Fernando Epelde fará tamén no seu novo proxecto musical e de videocreación psicodélico titulado Alcàsser 92.

A versión e o formato desta nova peza de pezas, que fortalece a intriga na descoberta de novos datos daquelas vítimas da pedofilia, susténtase na condensación poética da trama, no uso de imaxes e cores que recrean o ambiente e as tensións dramáticas e nos diversos planos e saltos temporais que nos ofrecen as viñetas. Un novo xeito de achegarnos ao teatro a través do cómic, ou de achegarnos ao cómic a través do teatro.

Preséntase “Todo isto antes era noite”, o primeiro libro de Lucía Aldao

A nosa colaboradora experta en poesía, Alba Cid, fálanos sobre o poemario “Todo isto antes era noite”. Trátase dunha das novidades de Apiario para o final do ano: o primeiro libro individual da artista e poeta Lucía Aldao.

‘O señor dos aneis’, traducido ao galego por Moisés Barcia

Esta semana Armando Requeixo achéganos as novidades da narrativa traducida ao galego con dúas propostas rebordantes de intriga e a aventura: O señor dos aneis, de J. R. R. Tolkien, e mais Unha historia detectivesca de dobre canón, de Mark Twain.

O señor dos aneis é unha das obras máis lidas e influentes da literatura universal. Publicada en tres entregas entre 1954 e 1955, a triloxía de Tolkien constitúe un dos mundos de ficción máis abraiantes e orixinais creados nunca, o que fai que por moitos fose considerada unha auténtica biblia da fantasía, pois as súas páxinas son, a un tempo, unha completa cosmogonía, unha fascinante mitoloxía e todo un tratado antropolóxico, que mesmo incorpora linguaxes propias e un imaxinario sociohistórico de personalísimo selo. A trama recrea a loita eterna entre o ben e o mal e pode lerse agora en galego mercé ao esforzo tradutor de Moisés Barcia, quen revisou e actualizou para Sushi Books un traballo seu anterior avanzado en Xerais.

Unha historia detectivesca de dobre canón é un dos títulos máis divertidos e orixinais de Mark Twain, o narrador estadounidense por excelencia da segunda metade do XIX. Publicada por primeira vez en 1902, o relato é unha parodia das tramas detectivescas, pois o seu protagonista é nada máis e nada menos que o celebérrimo Sherlock Holmes, creado polo escocés Arthur Conan Doyle, quen aquí ten que enfrontarse á resolución dun enigmático caso na California da febre de ouro. Holmes parece dar coa solución ao misterio, pero nunha reviravolta inesperada descóbrese que toda a lóxica do infalible sabuxo erra estrepitosamente e o caso acaba sendo desvelado por quen menos se espera. Tan benhumorada historia foi vertida ao galego por Antía Veres Gesto e publicouse baixo o selo de Faktoría K.

“Trece estampas da traizón” chega á Fundación Laxeiro de Vigo

A nosa colaboradora experta en arte, Beli Martínez, fálanos sobre a mostra “Trece estampas da traizón. 80 anos da súa publicación”, que se atopa na Fundación Laxeiro de Vigo.

Trátase dunha mostra producida pola Fundación Luis Seoane de A Coruña. Neste traballo o artista galego sinalaba aos responsables do golpe de Estado de 1936. Poñía de manifesto tamén a dramática situación da poboación civil por mor do conflito e a represión posterior.

Escoitamos a José Manuel Tejedor e a María do Ceo

Ofrecemos hoxe un petisco músical do disco publicado “en solitario” polo gaiteiro asturiano José Manuel Tejedor.

Ademais (en primicia) un adianto moi especial do novo disco de María Do Ceo, titulado “A Fadista”, que a grande dama galega do fado presentará en Lume Na Palleira o vindeiro domingo.

Versións, caras B, rarezas… en ‘Black Velvet’ o disco póstumo de Charles Bradley

Versións, caras B, rarezas… en ‘Black Velvet’ o disco póstumo de Charles Bradley. Matías Tarrio revisa a historia da voz que publicou o seu primeiro disco con 63 anos na súa nova colaboración: Viva Charles Bradley!

Cineclube Compostela acolle a estrea de “Unha gran burla negra”

Beli Martínez acompáñanos para falar de “Unha gran burla negra”, o documental de Diego Vites e Sara Pérez que se estreou esta semana no Cineclube Compostela. Un traballo que se enmarca dentro do proxecto que leva o mesmo nome que o documental e que ten como propósito abrir unha reflexión cidadá a dezaseis anos vista da catástrofe do Prestige e das mobilizacións populares que se derivaron a partir do inventario, estudo e exposición do seu arquivo cultural.

As froitas, protagonistas da literatura infantil e xuvenil

Hoxe a cousa vai de froitas, porque falarei de dous libros que teñen esta temática en común. Comezarei por “O xeito das froitas” de María Reimóndez, ilustrado por Alicia Varela en Oqueleo.

Pin It on Pinterest