Todas as colaboracións

Oh Ayatollah! e Kings Of The Beach actúan mañá en Ferrol

O noso colaborador, Tito Lesende, tráenos as novidades musicais para os próximos días. Comezamos coa banda compostelá, Oh Ayatollah!, que compartirá escenario este venres cos vigueses Kings Of The Beach. O concerto será na Sala Súper 8 de Ferrol.

Falamos tamén da derradeira xira de Nao, que comezarán o 5 de decembro en Santiago de Compostela.

Acordámonos ademais dos barceloneses Sidonie, que celebran o seu 20º coa publicación ou reedición dunha intensa serie de discos.

Lembramos finalmente a Frank Zappa, pois o 4 de decembro cumpriranse 25 anos da morte deste xenio irreverente da música rock.

Remata Cineuropa, co Premio a Morris, e comeza o OUFF

A directora de Sala 5, Begoña Vázquez, relatounos o emocionante que foi a entrega, onte, do Premio Cineuropa a Antonio Durán ‘Morris’.

Remata o festival compostelán, no que se proxectaron máis de 300 películas, e comeza a 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. O OUFF principia hoxe coa proxección do documental de Kepa Junquera, ‘Mar de tierra’.

Residencias Paraíso celebra o seu encontro final en Compostela

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes do movemento en Galicia. Celébrase por segundo ano consecutivo, grazas á colaboración entre o Colectivo RPM, entidade independente adicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, á Axencia Galega das Industrias Culturais e á Xunta de Galicia.

A consolidación do teatro coa ‘canteira de Ferrol’

Hoxe falamos con Roberto Pascual de teatro e patrimonio. No Ano Europeo do Patrimonio Cultural, tamén debemos pór en valor o capital inmaterial do teatro galego, especialmente dos ricos movementos artísticos e sociais que nos anos 70 e 80 provocaron a consolidación do teatro profesional e da rede institucional das artes escénicas no noso país.

Un deses focos está na chamada “canteira de Ferrol”, toda unha serie de actividades coma festivais, escolas municipais de teatro, premios ou grupos coma o Teatro Círculo de Perlío e Tagallo, que contribuíron na articulación do sistema teatral galego.

O dramaturgo Francisco Oti, protagonista daquel movemento amplo e construtivo, recolle no seu libro “O novo teatro galego en Perlío” a crónica, a análise e datos con documentación gráfica daqueles episodios.

Coñecer a nosa historia, valorar para continuar, avanzar e consolidar, ben poden ser os obxectivos desta obra e do que podería ser un centro museístico e de documentación do noso patrimonio teatral. Quizais nun deses edificios sen uso, construídos sen proxecto e sen vontade de mantemento e actualización coma os que hai pechados en Vigo e en moitas cidades do país. Co que cómpre albergar o patrimonio e non caer na desmemoria.

Coñecemos con Alba Cid “A vida salvaxe”, Premio Afundación 2018

A nosa colaboradora experta en poesía fálanos sobre o poemario de Gonzalo Hermo, Premio Afundación 2018, que se presentou o pasado xoves.

As novelas premiadas de Emma Pedreira e Ana Cabaleiro

Esta semana Armando Requeixo ocúpase de dúas novelas de premio: ‘As Ramonas’, de Ana Cabaleiro, gañadora do García Barros, e mais ‘Besta do seu sangue’, de Emma Pedreira, galardoada co Xerais.

‘As Ramonas’ proponnos unha historia na que a memoria persoal e a reflexión sobre o colectivo se entremesturan con habelencia. A protagonista do relato, unha fotógrafa que atravesa un momento crítico, procura na Arte a táboa de salvación para esa difícil situación. Polo camiño van xurdindo mil e unha cuestións que amosan o fondo humano respecto de circunstancias ben diversas, todo narrado a través dunha sucesión de diálogos e pensamentos que teñen lugar no interior de vehículos Blablacar que comparten os distintos personaxes.

‘Besta do seu sangue’ é unha revisitación do mito licántropo que recupera a figura de Blanco Romasanta dende unha óptica de xénero. Narrada cunha prosa de gran pulo poético, articúlase en pequenas prosas a través das cales vai tecéndose unha historia de enganos e desencontros, de procuras da identidade e de amores imposibles, onde o fatum ten un papel decisivo e inapelable e o lendario e histórico hibridan nun relato abondo polifónico.

A mostra Bleda e Rosa chega ao CGAC de Santiago

Esta exposición reúne 25 anos de traballo de María Bleda e José María Rosa. Articulase arredor da serie Campos de Batalla e é un proxecto iniciado en 1994 e finalizado recentemente.

Os temas inéditos de José Mário Branco

Ofrecemos hoxe un par de mostras do traballo discográfico publicado polo portugués José Mário Branco no que recolle temas inéditos gravados entre os anos 1968 e 1999.

Tamén, en primicia, un adianto do que será o cuarto disco do grupo Barahúnda. Un traballo titulado “Onde Vai O Mar?” co que festexarán o seu vixésimo aniversario e que presentarán, o vindeiro domingo, en Lume Na Palleira.

Pop barroco en “Cueva negra”, dos vigueses Seda

Á procura de sensacións descoñecidas e apagadas, entramos nunha nebulosa de pop barroco. Paula Doors fálanos da ‘Cueva negra’ dos vigueses Seda.

Un tema é un tema: deporte

O cineclube de Compostela programa no último mes películas sobre deporte e Cibrán Tenreiro reflexiona sobre cancións relacionadas co deporte.

Pin It on Pinterest