Todas as colaboracións

Xornadas culturais ‘Ecos do Nemio’ no Monte Neme

O noso divulgador científico Manuel Vicente, de Efervesciencia, fálanos das xornadas culturais ‘Ecos do Nemio’ no Monte Neme, que incluían unha semana do Wolframio. Repasamos a importancia deste metal na historia recente de Galicia.

Lembranza de María Casares

Lembranza de María Casares no centro da colaboración da Academia Galega do Audiovisual. Carlos Ares repasa a traxectoria da actriz coruñesa falecida en novembro de 1996.

O realizador vigués estrea a súa longametraxe “A felicidade dos cans”

A nosa colaboradora do mundo audiovisual, Beli Martínez, acompáñanos un venres máis para falarnos sobre David Hernández, un realizador vigués que a semana pasada estreou “A felicidade dos cans” no Festival de Xixón e en Cineuropa.

Tamén nos informa da próxima apertura dos Codex Cinema en Lugo, que inspirándose no modelo de Numax, van reabrir dúas salas que apostan polo cinema en versión orixinal.

Por último, coñecemos o cinema Palleiriso, un proxecto sen ánimo de lucro impulsado polo Cineclube Os papeiros, organizado nunha palleira na parroquia de Mairíz, en Chantada.

Literatura para loitar contra a violencia de xénero

Hoxe, a nosa colaboradora Montse Pena Presas fálanos de literatura feminista. Hai dous libros que son pioneiros nos temas que abordan:

En primeiro lugar, ‘Rapazas’ (1993) de Agustín Fernández Paz, un libro de relatos clásico polos temas que aborda: o deporte feminino, a necesidade de colocar mulleres en postos de poder tamén na escola, a procura por unha escola coeducativa, as non diferenzas por motivo de etnia. Durante moito tempo se puido considerar un manual literario de coeducación pola súa claridade, que non por iso era menos literario.

En segundo lugar, ‘A cabeza da medusa’ (2008) de Marilar Aleixandre, unha obra que fala ás claras da violación que sofren dúas rapazas de instituto, Lupe e Sofía, e das reaccións que se producen ao seu redor, que son tamén outras formas de violencia.

Tito Lesende tráenos os concertos da fin de semana

Brais Morán pecha o ciclo DOCE na Sala Mardi Gras da Coruña este venres 23 de novembro. Soarán cancións do seu novo disco “No Mato do desespero”, publicado a pasada primavera.

Ademais, o Coliseum da cidade herculina recibe un dos concertos de rock máis grandes do outono. Trátase de Loquillo, que está este sábado na súa xira Rock and Roll Actitud 2018.

En Ponteareas, Santi Araújo presenta este domingo o seu disco “Catedral”, publicado a comezos deste mesmo mes. Será no Auditorio Reveriano Soutullo.

Medo baseado en feitos reais co filme ‘The Guilty’

A directora de Sala 5, Begoña Vázquez, recomenda esta semana o thriller danés ‘The Guilty’. Este filme transcorre dentro dun cuarto e ten un so protagonista, un operador dun servicio de urxencias.

Con tan poucos recursos, ‘The Guilty’ convértese nun thriller de acción que atrapa de principio a fin. Unha nova sorpresa do puxante cine nórdico.

A novela que analiza as farmacéuticas, “Eu, tolo”, chega ás librarías

O noso colaborador, Carlos Portela, fálanos sobre “Eu, tolo”, a segunda publicación dunha triloxía de Keko e Antonio Altarriba. Logo de “Eu, asasino” esta nova publicación segue a mesma liña pero é un thriller ambientado no mundo das empresas psicofarmacéuticas.

Décimo aniversario da compañía Redrum Teatro

Teatro comercial e entretemento que non renuncia aos compromisos.

Falamos da compañía Redrum Teatro, que en 2019 fai dez anos producindo e distribuíndo espectáculos familiares con edición de textos propios e enchendo teatros con pezas para público adulto protagonizadas, na maioría dos casos, por actores e actrices populares.

Esta compañía vén de estrear ‘Invisibles’, unha obra sobre o maltrato, coa que quere seguir chegando a un público amplo sen renunciar ao compromiso e á función social do teatro. Teatro necesario e necesaria diversidade. Entreter e sensibilizar, dous aspectos que non son incompatibles. Compañía de repertorio que aposta por unha liña (non única, nin mellor, nin de menor interese artístico, nin máis ou menos importante) determinada de crear e facernos gozar do teatro.

Ourense acolle o 3º Ciclo Lírico Ourense 2018

Luis Miguel Crespo infórmanos sobre o último na música clásica. Nesta ocasión achéganos o 3º Ciclo Lírico Ourense 2018. A cidade das Burgas acolle desde esta fin de semana unha cita que servirá de homenaxe a dúas das voces máis importantes da lírica a nivel nacional e mundial: Teresa Berganza e Monserrat Caballé.

Publícase ‘Dezanove badaladas’, a primeira obra de Ballesteros

Esta semana Armando Requeixo fálanos dunha exhumación narrativa e unha novela mareira: ‘Dezanove badaladas’, de Anxo A. Rei Ballesteros, e mais ‘A gran travesía de Chiruca Macallás’, de Xurxo Souto.

‘Dezanove badaladas’ (Galaxia) recupera a primeira novela escrita polo autor, cando só tiña dezasete anos, que ve luz agora postumamente. É a historia de tres esmorgantes na Compostela de finais dos 60 do século pasado que, nunha noite de troula, percorren a cidade indo de tugurio en tugurio e cruzando cos individuos máis estrafalarios. Toda esta aventura condúceos aos abismos do alcohol e a violencia extrema, espello da súa vida baleira, sórdida e desesperanzada.

‘A gran travesía de Chiruca Macallás’ (Xerais) é unha epopea mareira de protagonismo feminino, onde a patroa do arrastreiro Macallás, Chiruca, percorre os mares do Norte superando mil obstáculos nunha singradura entre o fantástico e o real, o lendario e o vivenciado, que recrea os seus encontros e procuras na rocha perdida de Rockall, co peixe-sapo Lipeilipeisa ou a serea negra Mamí Watá. Todo coa forza do bravú e o heavy a resoar nos corazóns e a afirmación, en feminino, da grande aventura que sempre é o mar.

Pin It on Pinterest