
Cada 28 de xuño a comunidade LGTBQ+ celebra unha serie de accións para reafirmaren a súa orientación sexual, reivindicaren os seus dereitos e mais para faceren denuncia das actitudes homófobas.
Nas vésperas desta celebración, o Consello da Cultura Galega (CCG) prepara diferentes accións. Dunha banda, organizará mañá martes, 22 de xuño, a segunda edición da xornada “Pensar con orgullo”. No marco desa cita estrearase a curtametraxe documental “Dereito a existir: falan elas” dirixida por Carme Adán e Cristina de la Torre, que recolle o testemuño de tres xeracións de mulleres transexuais. Da outra banda, no propio día 28 incorporarase unha nova cabeceira ao repositorio documental hemerográfico “A saia”.