O xornalista da Radio Galega Anxo Quintela foi galardoado co Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019 pola súa “continuada implicación no coñecemento e difusión da cultura rural, ás veces desatendida, contribuíndo á súa lexitimación”. Así mesmo, o xurado recoñeceu a súa traxectoria en múltiples campos do xornalismo cultural en lingua galega, na Radio Galega, onde presentou o programa ‘Diario Cultural’, e na TVG, onde foi durante moitos anos o rostro de ‘O Agro’.
Concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte e dotado con 20.000 euros, o galardón recoñece a traxectoria xornalística no ámbito da cultura desenvolvida por un cidadán español cuxa actividade estea dedicada á información cultural, sexa cal for a lingua ou linguas do Estado utilizadas no desenvolvemento do seu labor. É a segunda vez consecutiva que un profesional da CRTVG recibe este recoñecemento, xa que o ano pasado foi premiada a xornalista Ana Romaní.
Nado en Vigo en 1960, Anxo Quintela é un xornalista cunha extensa traxectoria na radio e a televisión galegas, en que participou en programas sobre un amplo rango de manifestacións culturais, entre elas a cultura agraria galega. É tamén poeta, tradutor e actor e levou a cabo distintos proxectos culturais de difusión de poesía, música e lingua galega.
Ademais, foi guionista, director e realizador de distintos documentais e programas de televisión, redactor xefe da revista ‘Agrocultura’ e, entre 1988 e 1990, membro do consello de redacción de ‘Grial’, a máis importante e máis antiga revista cultural de Galicia. Entre 2003 e 2008 foi director de ‘Vieiros’, o primeiro xornal electrónico de Galicia, en que incluíu unha ampla oferta de contidos culturais.
Na súa faceta como escritor, destacan os libros de poesía ‘Á sombra dos pavillóns’ e ‘O asasino estrábico’. Tamén traduciu ‘A casa da madriña’, de Lygia Bojunga Nunes, e ‘Afinidades culturais Galicia-Irlanda’, de Elisabeth Frances Keating.
Este non é o único premio recibido por Anxo Quintela ao longo da súa carreira, xa que en 1982 foi galardoado co Premio Esquío por ‘Á sombra dos pavillóns’ e en 2005 co Premio Leixaprén pola súa promoción e defensa da lingua galega.