Videos

Comeza o festival PontePoética en Pontevedra

Pontevedra convértese na cidade da poesía e acolle o festival de PontePoética. Neste Diario cultural escoitamos a Yolanda Castaño, directora deste evento. Tamén falamos coas poetisas Isabel Ramos e Silvia Penas. Que significa para ti a poesía?

“Poeta é unha persoa que traballa coa palabra e na palabra, para dotala de máis usos e de máis significados”, di Yolanda Castaño.

Un lugar de encontro entre diferentes culturas, onde poetas de diferentes lugares e linguas comparten unha linguaxe común: a poesía.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Pontevedra acolle o festival PontePoética, un encontro entre poetas do mundo dirixido por Yolanda Castaño. No espazo das artes escénicas, falamos do novo circo con Roberto Pascual.

‘A nena e o grilo máis alo’, de Magín Blanco

A nena e o grilo máis aló é un espectáculo de música e teatro pero tamén un libro con ilustracións. A editorial Galaxia publica esta terceira aventura de A nena e o grilo no formato libro-cd, pero trátase dun espectáculo completo que se pode ver nos teatros de Galicia. No Diario cultural coñecemos todas as aventuras que nos agardan nesta lectura, obra ou escoita da man do compositor Magín Blanco.

Podcast do ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural coñecemos os poetas que van a participar dende mañá na novena edición de PontePoética, o festival de poesía de Pontevedra que coordina Yolanda Castaño. Tame´n introducímonos no mundo de ‘A nena e o grilo máis aló’ un libro con cd que produce Magín Blanco pero tamén un espectáculo de teatro musical para os máis cativos.

Por último, Luis Miguel Crespo achéganos á figura de Marcial del Adalid, un dos compositores galegos máis importantes no eido da música clásica na segunda metade do s. XIX.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

O Consello da Cultura Galega inicia hoxe o ciclo Xornadas de Mediación Cultural baixo o título Da animación sociocultural á cultura colaborativa: conceptos, debates e boas prácticas de participación cidadá en cultura. Para coñecer todos os detalles destas xornadas falamos cun dos seus coordinadores, Marcos Lorenzo.

Pero hoxe tamén coñecemos algúns dos segredos que nos agardan este xoves no Salón Teatro do CDG, en Santiago de Compostela, porque ese día estrean a súa produción propia deste ano, Neorretranca e postmorriña. Un espectáculo composto por dúas pezas:  Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.

E tamén hoxe presentouse Pontepoética, o Festival Internacional de Poesía de Pontevedra que celebra unha nova edición a partir de mañá e ata o domingo.

O músico Jacobo Gaspar actuará no ciclo MIHLSons XXI en Lugo

Escoitamos música contemporánea a través da sétima edición do ciclo MIHLSons XXI. Este martes temos concerto no Museo Interactivo da Historia de Lugo. O sábado tamén podemos asistir a un espectáculo de música e danza contemporánea no Vello Cárcere.

Os protagonistas son o compositor portugués Luís Antunes Pena e o galego Jacobo Gaspar Grandal. Concertos, conferencias e clases maxistrais de percusión converterán Lugo no centro da música contemporánea durante o mes de abril.

Jacobo Gaspar ensínanos a facer unha escoita aberta dos instrumentos, coma quen “escoita os sons da natureza”, cheos de matices e cambios.

Tamén falamos do papel das orquestras como as encargadas de garantir a existencia dun repertorio sinfónico propio. Trátase dunha responsabilidade fundamental en Galicia, xa que non contabamos con rexistros do nosas composicións, explica o músico Jacobo Gaspar.

O compositor fálanos da tensión entre a cultura de masas e as formas máis minoritarias nunha realidade en que a música sempre queda nun segundo plano respecto a outras formas artísticas.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Comeza o ciclo MIHLSons XXI no Museo Interactivo da Historia de Lugo. Falamos cun dos seus protagonistas, o músico galego Jacobo Gáspar, que nos explica a situación da música contemporánea na actualidade. No tempo de literatura falamos con Armando Requeixo dos libros Longas sombras na pedra e As mulleres da fin do mundo.

A música de Jorge Godás, no corazón de Siberia

The Timesounds é o título dun espectáculo audiovisual froito da colaboración entre o ompositor verinés Jorge Godás e o produtor  ruso Vladislav Soldatenko. A música é o fío condutor desta obra dedicada a Mirny, capital dos diamantes, que se estreará o vindeiro 28 de abril nesa cidade rusa no marco do XIX Festival Mirny canta pola paz. Jorge Godás coñece a Vladislav Soldatenko grazas ao seu amigo e fotógrafo Carlos Folgoso e neste Diario cultural falamos con Godás e Folgoso para coñecer todos os detalles desta historia.

Podcast do ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural falamos co compositor Jorge Godás que o vindeiro 28 de abril estará no festival Minry canta pola paz, que se celebra na cidade de Minry, situada na República de Yakutia, no corazón de Siberia. Alí presentará, xunto co siberiano Vladislav Soldatenko, The Timesound, un conxunto de pezas en que se recrea a vida na cidade de Minry, situada arredor dunha mina de diamantes a ceo aberto.

Tamén, e coma cada luns, Rosario Sarmiento falános de arte. Nesta ocasión achéganos a mostra Nos dominios da urxencia. Arte e sociedade na Coruña da Transición (1973-1986), que se pode ver na Fundación Luis Seoane da Coruña.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

Nesta edición do Diario cultural celebramos os premios que concede a Asociación Española de Críticos Literarios na súa sección de lingua galega en 2018, e facémolo cos premiados, os autores galegos Pilar Pallarés e Antón Lopo. A obra Tempo fósil, de Pilar Pallarés, foi a galardoada no apartado de poesía; e Extraordinario, de Antón Lopo, no de narrativa.

Ademais, hoxe tamén coñecemos o ciclo Dramaturxias itinerantes, que comeza hoxe en Compostela e que no día de mañá se desenvolverá en Vigo. Trátase dunha iniciativa do Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo e a Escola Superior  de Arte Dramática de Galicia, para favorecer encotros entre unha dramaturga galega e unha dramaturga portuguesa.

Pin It on Pinterest