Videos

Quen son os influencers da rede galega?

Comeza o Carballo Interplay, a gran competición de webseries en galego. Como cada ano, reúne os principais creadores de contidos dixitais galegos. Neste Diario Cultural temos connosco aos influencers da rede galega. Hoxe coñecemos a Miguel Silva Conde, Laura Cruxeiras e Olaxonmario.

Laura Cruxeiras comezou a crear contido a raíz das súas inquedanzas pola música. Pouco a pouco foi aumentando os seus seguidores e tamén a calidade das súas producións. Os youtubeiros galegos cren que a xente da súa idade aínda non ten asimilado que crear contido en Internet é unha opción en Galicia.

Os creadores pensan que existen moitos complexos sobre a produción na rede. “Para producir só necesitas un móbil”, aseguran.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Comeza o Carballo Interplay e falamos cos creadores de contidos dixitais que temos en Galicia. No espazo de cine con Moncho Lemos falamos das estreas da fin de semana.

A Ponte Vella de Teo presenta espectáculo en Bilbao

O Centro Cultural A Ponte Vella de Teo está a traballar no espectáculo de teatro,  música e baile tradicional titulado ” Galicia Terra de Lenda” que presentarán este sábado 6 de abril en Santurce (Bilbao). E para coñecer todos os detalles sobre esta asociación cultural e sobre o espectáculo, falamos con Xabier Sanmartín, director de baile de A Ponte Vella.

4 anos de Festival Kerouac en Nova York

O festival Kerouac de Vigo celébrase por cuarto ano consecutivo en Nova York dende hoxe e ata o vindeiro sábado. Un festival de poesía internacional do que coñecemos todos os detalles da man de Marcos de la Fuente, un dos coordinadores do festival.

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario Cultural falamos con Marcos de la Fuente, un dos coordinadores do Festival Kerouac de Vigo que por cuarto ano consecutivo se celebra en Nova York. Un festival internacional de poesía que terá lugar na cidade americana dende hoxe e ata o vindeiro 6 de abril.

Tamén coñecemos o centro cultural A Ponte Vella en Teo, que este sábado ianugura en Santurce, Bilbao, o seu espectáculo de teatro, danza e música tradicional “Galicia terra de lenda”.

E, por último, falamos de banda deseñada con Carlos Portela. Desta vez con grandes clásicos da banda deseñada traducidos ao galego.

 

Podcast ‘Diario Cultural’ das 14:45

Nesta edición do Diario Cultural falamos de festivais. Primeiro do Festival Internacional de cinema Play-Doc que se celebra desde hoxe 3 e ao 7 de abril en Tui, e facémolo cunha das súas directoras, Sara García. Pero tamén hoxe comeza, en Carballo, o Carballo Interplay, un festival de contidos dixitais que se vai a celebrar ata o 6 de abril. Sonia Méndez é unha das directoras do festival e achéganos todos os detalles.

E para rematar ímos ata Ourense porque hoxe tivo lugar, no marco da celebración da ICC Week, a entrega de premios María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual.

Os 40 anos de Xacarandaina

Hoxe celebramos os 40 anos de Xacarandaina e temos connosco a Quique Peón, director da agrupación. Tamén falamos como Xabier Díaz, músico que foi alumno de Xacarandaina; e con Fran Barcia, alumno actual de Xacarandaina e integrante do grupo Samarúas.

“Unha rapaza do grupo dixo que a súa veciña, dunha aldea de Melide, sabía bailar. Propuxo ir ata alí, falar con ela e aprender. Aquí empezou todo”, recorda Quique Peón.

“Dende a miña casa vía os concursos de bailes na televisión, apartaba a alfombra e comezaba a bailar coma se estivera na tele. Un día chamei e dixen: quero bailar con vós e non só na miña casa”, confesa Xabier Díaz.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Celebramos os 40 anos de Xacarandaina facendo unha viaxe ata as súas orixes. Como cada mércores falamos de teatro con Roberto Pascual.

Celebramos o Día da Literatura Infantil e Xuvenil

Hoxe é o Día da Literatura Infantil e Xuvenil e falamos con Xosé Antonio Perozo, presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GALIX.

“Os libros fannos máis libres, para o presente e para o futuro”, asegura Xosé Antonio Perozo, quen recorda ler o Quixote con apenas trece anos.

Neste espazo cultural falamos con pequenos lectores como Pablo, de 12 anos, da Biblioteca Municipal da Guarda. Tamén escoitamos as recomendacións literarias de Uxía Rúa e Antía Iglesias, do IES Paralaia de Moaña.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Hoxe é o Día da Literatura Infantil e Xuvenil e falamos con Xosé Antonio Perozo, presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, GALIX. Nun día especial coma hoxe, Armando Requeixo fálanos de dúas novas propostas narrativas moi interesantes: Hotel para coleccionistas discretos e A vida é dura antes dos 18

Pin It on Pinterest