Videos

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Celebramos o Día do Teatro cunha visita ao Salón-Teatro de Compostela, onde Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego, conta todos os segredos que se agochan entre bambolinas. Como cada mércores, e hoxe dunha forma máis especial, temos colaboración de teatro con Roberto Pascual.

A historia de Ramón Otero Pedrayo

Adentrámonos na historia de Ramón Otero Pedrayo grazas a publicación do libro “A historia de Ramón” que ven de publicar o escritor e xornalista ourensán Paco López-Barxas. Neste libro adicado aos máis cativos, López-Barxas abarca case toda a vida do autor cun gran número de ilustracións nas que se ve a Otero Pedrayo de Cativo, a súa árbore, a casa familiar…. Sobre todo isto falamos nesta entrevista con Paco López-Barxas

Podcast do Diario Cultural das 17:30

Nesta edición do Diario Cultural falamos da novena edición do festival Internacional de poesía Kerouac pero tamén nos visita o escritor e xornalista Paco López-Barxas para falar sobre a vida de Ramón Otero Pedrayo. López-Barxas ven de publicar o libro ” A historia de Ramón” no que abarca case toda a vida do autor para achegarlla aos máis cativos. 

Tamén colaboración de música clásica con Luis Miguel Crespo na que coñeceremos a grandes mulleres compositoras do século pasado.

Podcast do Diario Cultural das 14:45

A segunda edición do Seminario CO(M)XÉNERO leva por título A Muller nas Estremas e  explora dende o cinema as fronteiras físicas e culturais vencelladas ao xénero. Muller nas Estremas celébrase esta tarde na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e nesta edición do Diario Cultural falamos co Margarita Ledo, directora do Grupo de Estudos Audiovisuais e catedrática de Ciencias da Comunicación e Publicidade da USC.

Tamén adentrámonos na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que se está a celebrar estes días en Compostela e coa que colabora esta edición do Seminario CO(M)XÉNERO. Ademáis hoxe comezan as proxeccións dos filmes que compiten na sección oficial da MICE.

Por último acudimos a presentación do  Primeiro Congreso Internacional do Teatro Galego que organiza a Academia Galega de Teatro e que se vai a celebrar os días 25, 26, 27 e 28 de marzo de 2020 no Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Talía Teatro estrea ‘A primeira vez’

A compañía Talía Teatro estrea este venres o espectáculo ‘A primeira vez’. Unha historia de amor e desexo que busca reflectir con naturalidade as primeiras experiencias sexuais dos adolescentes. Unha realidade moi diferente á amosada na ficción.

Neste Diario Cultural falamos co director Artur Trillo e os actores protagonistas, María Ordóñez e Toño Casais.

“A primeira vez dunha parella é moi parecida á estrea dunha obra de teatro, cambia a intimidade, pero penso que as tensións son as mesmas”, conta o seu director.

“A miña personaxe, Mada, é unha rapaza nova que busca que a súa primeira vez sexa como nas películas e nas cancións románticas”, explica María Ordóñez.

“Carlos está disposto a aceptar todos os códigos de Mada, quere que chegue o momento e non quere esperar, aí é onde xorde o conflito”, engade Toño Casais.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

A compañía Talía Teatro presenta ‘A primeira vez’, un espectáculo dirixido por Artur Trillo e protagonizado por María Ordóñez e Toño Casais. Como cada martes, tempo de literatura con Armando Requeixo. Nesta ocasión falamos dos libros Elisa e Marcela. Amigas e amantes, de Narciso de Gabriel; e A gran mortaldade, de Calros Solla.

Rebeliom do Inframundo presenta “Ilegal”

“Ilegal” é o nome do terceiro traballo discográfico do grupo galego Rebeliom do inframundo, un grupo de referencia no rap galego. Nesta edición do diario cultural falamos con Nervo, o cantante do grupo que xa está inmerso nunha xira que os levará por todo o panorama nacional e con varias citas internacionais xa confirmadas.

Podcast do Diario Cultural das 17:30

Nesta edición do Diario Cultural adentrámonos na presentación do proxecto “Sonoro Empeño, a música nas coleccións Abanca e Afundación”. Unha exposición que se pode visitar en Compostela e na que se busca mostrar a relación entre a música e outras artes como a pintura, o cine ou o teatro. 

Tamén falamos de rap en galego con Nervo, o vocalista da banda Rebeliom do Inframundo que están a presentar o seu terceiro traballo discográfico “Ilegal”. E introducímonos no mundo da arte con Rosario Sarmiento.

Podcast do ‘Diario Cultural’ das 14:45

Hoxe comeza a 14ª Edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego. En total dezaseis filmes de dez nacionalidades diferentes participan na sección oficial dunha mostra na que tamén poderemos desfrutar de cinema doméstico. E para coñecer todos os detalles, nesta Edición do Diario Cultural falamos coas directora da MICE, Ana Estévez. 

Tamén achegámonos á presentación da reedición do libro “De tempo e dos astros”, de Antón Fraguas, que edita Galaxia no marco da celebración do Día das Letras Galegas e, por último, falamos do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Víctor Freixanes presenta na Radio Galega a reedición do seu libro O triángulo inscrito na circunferencia, publicado pola Editorial Galaxia. Falamos con el sobre a situación actual da nosa cultura e literatura. Como cada luns, temos espazo de música tradicional con Emilio Españadero que hoxe nos fala dos grupos Túa e Criatures.

Pin It on Pinterest