Videos

Podcast Diario Cultural das 14:45

No Día Mundial da Poesía sumámonos á homenaxe que a Real Academia Galega lle fai ao poeta Salvador García Bodaño, ademáis falamos con Olga Novo, autora do poemario Feliz Idade da Editorial galega Kalandraka.

Celebramos o Día da Poesía co festival ‘Alguén que respira’

Este 21 de marzo celébrase o Día da Poesía co Festival ‘Alguén que respira’ en Santiago e na Coruña.

Galicia é unha potencia mundial en produción poética e así o demostra a tradución do último libro de poemas de Lupe Gómez, Camuflaxe, a linguas como o castelán, o inglés ou un francés.

Este festival é un encontro de máis de 50 creadores dende diferentes lugares, linguas e idades, que traballan de forma diversa e amplían o espazo do que entendemos por ‘poeta’. Ámbitos como a música e a interpretación, tradicionalmente non vinculados coa poesía, atopan aquí unha nova forma de expresión.

Neste espazo cultural falamos con Manuel Cortés e Serxio Iglesias, de Ronseltz. Nos anos 80 foron pioneiros nunha nova forma de entender este xénero. Un grupo de xente nova que empregou a poesía como ferramenta para cambiar a sociedade.

“Eramos un grupo de xente formado nas aulas e nos bares, con inquietudes literarias e que queriamos facer algo diferente”, recordan na Radio Galega.

Fartos dos recitais propios da época, cheos de amor e de erotismo e lonxe da crítica e da ironía, comezaron a escribir poesía ‘de escarnio e maldicir’.

“É imposible que a poesía deixe de existir ou morra, sempre haberá locos que pensen que é o máis importante do mundo”, contan os poetas nas nosas ondas.

Podcast ‘Diario Cultural’ das 10:30

Celebramos o Día da Poesía co grupo Ronseltz e imos ata o Festival ‘Alguén que respira’. Como cada xoves, falamos das estreas cinematográficas con Moncho Lemos.

A historia baixo terra, no ciclo As mulleres dos mortos

A Universidade de Santiago de Compostela desenvolve esta semana o ciclo As mulleres dos mortos. Neste espazo cultural falamos coas investigadoras Inmaculada López Flores e con Olalla López-Costas

Que nos contan os mortos? As claves do pasado están baixo terra e, para descubrilas, adentrámonos no traballo que realizan estas investigadoras no seu día a día.

“Non recordo querer ser outra cousa, dende os trece anos tiña claro que quería dedicarme a isto”, asegura Olalla.

“Podemos analizar as enfermidades da poboación, a dieta, o traballo co gando e as migracións das persoas que vivían aquí antes ca nós”, engade a investigadora.

Este ciclo ten un dobre obxectivo, por un lado, ensinar como é o traballo diario neste oficio e, por outro lado, visibilizar un traballo realizado por unha maioría de mulleres, aínda que os postos máis representativos son ocupados por homes.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Presentamos o ciclo As mulleres dos mortos da Universidade de Santiago de Compostela e falamos dos Premios María Casares de Teatro con Roberto Pascual.

As primeiras gravacións caseiras, no Museo do Pobo Galego

O valor do cine vai máis alá das grandes salas e das gravacións profesionais. Antes de que os móbiles permitiran gravar todo o que acontece ao redor, houbo cineastas afeccionados que se converteron nos primeiros en deixar inmortalizados os recordos do pasado.

Material agochado nos rochos e faiados. Material co que nace a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Neste espazo cultural conversamos coa guionista Saleta Gómez e co enxeñeiro Manoel da Costa sobre o Arquivo Galego de Cine Doméstico.

“Boto de menos escoitar as voces da xente do meu redor, o son das gaitas, pero as imaxes permítenos conservar todas as lembrazas”, recorda Manoel da Costa, cando as cámaras Super 8 só gravaban a imaxe.

“Buscar estas gravacións implica un gran traballo de campo, seguir pistas e atopar tesouros que están perdidos nas casas, na maioría dos casos en perigo de perderse para sempre”, conta Saleta Gómez.

‘Libro de horas’, recital de Rebeca Baceiredo

A escritora e filósofa preséntanos as súas últimas novidades. En ‘Libro de horas’ lemos: á madeira non lle afecta / que comas nela / ou que pouses só / a banalidade dun souvenir.

Videosinxelos: ‘As crónicas’ e ‘El salto’. Os amigos dos músicos con Prenom e Silvia Penide con Pulpiño Viascón.

Coñecemos dúas cancións novas e os seus vídeos. Unha viaxe por Galicia con Rubén Domínguez de Prenom para a canción ‘As crónicas’ de Os Amigos dos Músicos e unha viaxe en 360º pola Coruña con Pulpiño Viascón para ‘El salto’, de Silvia Penide. Dous adiantos de dous discos que sairán esta primavera.

‘Entre soños’, o primeiro espectáculo da compañía de danza de Fran Sieira

O bailarín de Ribeira dirixe un espectáculo de danza, canto e música tradicional que interpreta xunto a Aida Tarrío e Xisco Feijoo. Hoxe en Ribadeo e nas vindeiras semanas en Narón, Compostela, Vilagarcía, Cargallo, Lugo ou A Coruña.

A actriz Isabel Blanco, recoñecida co Premio Celanova Casa dos Poetas

Conversamos coa actriz sobre o premio, os 20 anos de Mareas Vivas e o seu proxecto actual: ‘Pasaporte galego’.

Pin It on Pinterest