Videos

A TVG celebra o 25 aniversario do Xabarín Club

Na sala Capitol de Santiago de Compostela tivo lugar hoxe o primeiro concerto que celebra o 25 aniversario do Xabarín Club. Grupos recoñecidos galegos interpretan as míticas cancións do Xabarín como parte dun especial que prepara o programa ‘Inimitables’.

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta nova entrega do ‘Diario cultural’ comezamos falando con Alberto Núñez Blanco sobre o auxe dos e-sports pola celebación da ICC Week, en que ademais é coordinador. Tamén nos achegamos ata a Sala Capitol de Santiago, onde se está a celebrar un concerto en homenaxe ao 25 aniversario do Xabarín Club con motivo dun programa especial que prepara a Televisión de Galicia. Por último, o noso colaborador Luis Miguel Crespo introdúcenos no mundo da músia clásica da man de grandes mulleres compositoras.

 

Podcast do ‘Diario cultural’ das 14:45

Hoxe comezaron as actividades do festival de narración oral Atlántica, que se inaugura mañá no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Trátase dun festival en que creadores nacionais e internacionais realizarán diferentes espectáculos para todos os públicos en 16 concellos galegos.

Tamén coñecemos o novo traballo de Abe Rábade, que está a presentar estes días e, ademais, hoxe comezaron os traballos para a celebración da décimo segunda edición de Culturgal, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a finais de ano e, en Nova York, retómanse as actividades arredor da exposición Os adeuses, do Consello da Cultura Galega.

Publícase o libro ‘Viaxeiros’, sobre as migracións dos animais

Hoxe descubrimos as grandes viaxes dos animais, moitos deles desprázanse coas estacións do ano, outros teñen que abandonar a zona onde crían. Un gran número de aventuras que aparecen reflectidas no libro ‘Viaxeiros’, publicado por Faktoría K, de Kalandraka Editora.

“Fago libros dirixidos a aquel neno que fun”, explica Xulio Gutiérrez, autor dos seis libros da colección ‘Animais extraordinarios’.

“Somos da xeración de Félix Rodríguez de la Fuente, foi un grande inspirador”, conta o ilustrador do libro, Nicolás Fernández.

Coa chegada da primaveira, as anduriñas voan ata Galicia. Proceden dende África e chegan guiadas pola experiencia e pola vista.

“É moi curioso que estes animais teñan unha parte do seu cerebro e unha parte da súa retina conectadas de tal maneira que ven literalmente o norte”, explica Xulio Gutiérrez.

Libros feitos en Galicia en que podemos descubrir como son as viaxes dos animais, dos que chegan e dos que marchan máis alá da nosa terra.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Falamos do libro ‘Viaxeiros’ co seu escritor, Xulio Rodríguez, e co seu ilustrador, Nicolás Fernández. Unha obra sobre as migracións dos animais publicada pola Editorial Kalandraka. Tamén falamos de libros traducidos ao galego con Armando Requeixo.

‘O soño da serpe’ é a primeira novela de Antonio Seijas

‘O soño da serpe’ centra a súa historia nunha rapaza chamada Luz, que ao comezar a universidade comeza tamén unha busca para coñecer as súas raíces e o seu pasado. Trátase dunha novela fantástica con toques de realismo que supón a primeira novela do deseñador gráfico Antonio Seijas, que acumula numerosas publicacións de banda deseñada.

Antonio Seijas ten o Premio á Mellor Obra Nacional de Expocomic, é gañador ao mellor guión na Feira do Cómic de Barcelona e Premio Castelao da Deputación da Coruña.

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do ‘Diario cultural’ falamos co deseñador gráfico Antonio Seijas sobre a súa primeira novela, ‘O soño da serpe’. Un libro de literatura xuvenil que centra a súa historia nunha rapaza chamada Luz, que ao comezar a universidade comeza tamén unha busca para coñecer as súas raíces e o seu pasado. Tamén escoitamos un novo capítulo da nosa laretada con Pepe Barro; e Rosario Sarmiento achéganos a mostra de pintura holandesa e flamenca ‘Trazos maestros’, que se pode visitar na Fundación Barrié da Coruña.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

Falamos coa escritora María Xosé Queizán, que recibiu o sétimo premio de Igualdade Ernestina Otero que concede o Concello de Vigo. Ademais, esta tarde celébrase unha mesa redonda arredor do seu traballo na Casa Galega da Cultura de Vigo.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Arata Isozaki recibe o Premio Pritzer 2019. Falamos con César Portela, arquitecto co que traballou na Domus da Coruña, e con Antonio Maroño, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.

O arquitecto Arata Isozaki recibe o Premio Pritzer 2019

O arquitecto Arata Isozaki recibe o Premio Pritzer 2019. Naceu en 1931 e creceu no Xapón destruído pola segunda guerra mundial. O seu primeiro encontro coa arquitectura foi nunha zona cero, nun lugar onde xa non había arquitectura, xa non había cidade. Aí comezou o interese de Isozaki por descubrir como as cidades podían levantarse dende a nada.

En Galicia temos algunhas das súas obras, como o Centro de Estudos Avanzados do Parque de Vista Alegre en Compostela ou a Domus da Coruña, que realizou xunto ao arquitecto galego César Portela.

“Ambos estabamos de acordo en que a Domus tiña que ser construída con materiais de aquí, porque ademais traballabamos sobre unha antiga canteira”, explica Portela.

“Arata Isozaki ten moi claro que o mundo é un, pero hai moitas culturas. Nós, os arquitectos, temos que coñecer os sitios onde traballamos”, engade.

“A Domus é unha obra emblemática, como unha vela ao vento na baía do Orzán que demostra que se pode construír e non destruír un territorio”, indica o arquitecto.

“Penso que a arquitectura do país ten un papel moi destacado no panorama mundial”, explica Antonio Maroño, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Pin It on Pinterest