Videos

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

A compañía Redrum Teatro estrea mañá a obra ‘Idiota’ no Teatro Principal de Santiago. A peza é unha comedia negra con texto de Jordi Casasnovas. Unha historia de crítica política e social sobre a manipulación e o poder. Como nos manipulan sen saber nós que estamos sendo estudados?

A mostra ‘Cosmoloxías’ chega a Fonseca despois de nacer nunha noite no Sáhara

Hoxe escoitamos música cósmica e miramos cara ao universo. A mostra de arte Cosmoloxías, organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, está exposta no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela.

“A arte e a ciencia teñen moitas preguntas en común e un grande interese polo misterio”, explica a artista arxentina e responsable da mostra Irene Dubrovsky.

“A experiencia máis forte que tiven co ceo foi nunha viaxe que fixen a Marruecos, onde me internei na paisaxe das dunas do deserto. Aí naceu unha das pezas que presentamos na exposición, que en realidade é a tradución dunha experiencia nocturna na soidade do deserto. Un momento en que estás soa xunto ao ceo”, explica a artista.

Como converter en tanxible algo que é infinito? “Pensando que o ceo é un código, unha linguaxe con xeometría”, conta Irene.

“Arte e ciencia son moito máis parecidos do que se cre. Son dúas actividades de creatividade e busca de verdade”, explica o físico teórico Jose Edelstein, con quen tamén falamos neste espazo cultural para entender a arte dende a perspectiva científica.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

A mostra Cosmoloxías mestura arte e ciencia no Colexio de Fonseca. Falamos coa artista Irene Dubrovsky e co físico Jose Edelstein. Coma cada martes, tempo de literatura con Armando Requeixo.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

O Teatro Español de Madrid estrea este mércores unha ópera bufa dirixida pola galega Marta Pazos. A obra ‘Je suis narcissiste’ é unha coprodución do Teatro Real e o Teatro Lliure. Trátase dunha peza na que se fala do individualismo extremo.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Facemos un repaso dos Premios Mestre Mateo, a gran gala do audiovisual galego que tivo lugar o pasado sábado na Coruña. Coma cada luns, falamos de música tradicional con Emilio Españadero.

Quen foron os premiados dos Mestre Mateo?

A gran triunfadora da noite foi a película A sombra da lei. O filme dirixido por Dani de la Torre e producido por Vaca Films obtivo dez premios, entre eles, mellor película e mellor dirección.

O actor Luís Tosar acadou o galardón por mellor interpretación masculina. Rodrigo Vázquez consegue o Mestre Mateo como mellor comunicador de televisión polo programa Ti verás da Televisión de Galicia.

A actriz Melania Cruz obtén o Mestre Mateo pola súa interpretación feminina de reparto en Trote; Raquel Fidalgo e Noé Montes, por mellor maquillaxe e peiteado en A sombra da lei; e Clara Bilbao, por mellor vestiario en A sombra da lei.

Federico Pérez logra o Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto polo seu papel en Trote. E Buscadores de naufraxios, como mellor programa de televisión.

A academia do audiovisual galego premia a actriz Mela Casal co premio Fernando Rei. O seu discurso foi un dos momentos máis emocionantes da gala.

Neste espazo cultural falamos con Emma Lustres, produtora de A sombra da lei; e con Xacio Baño, director de Trote, outra das grandes triunfadoras da noite, con cinco galardóns.

Unha ‘vueltina’ ao cotiá e ao pop. Revisamos a traxectoria de ‘Pauline en la playa’

Dende o Xixón Sound, dende Undershakers a hoxe, revisamos a traxectoria de Pauline en la playa nos 20 anos do grupo das irmás Alicia e Mar Álvarez, que actúan o 8 de marzo en Ourense.

Pin It on Pinterest