Videos

20 anos de Susana Seivane

Susana Seivane fai 20 anos na música con novo disco baixo o brazo, FA, e celébrao cunha serie de concertos entre os que destacan o do próximo xoves 21 de febreiro, día en que xustamente fai dúas décadas do seu primeiro traballo homónimo.

A intérprete botará a vista atrás para repasar todo o seu percorrido nun concerto moi especial no Garufa Club da Coruña, ás 9 da noite

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta nova edición de Diario cultural comezamos coa conversa que tivemos con Susana Seivane durante os ensaios do primeiro concerto de presentación do seu novo proxecto discográfico, FA, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Fixemos con ela un repaso polos 20 anos que leva adicada a música, dúas décadas que fai xustamente este xoves día 21 de febreiro e que festexará sobre o escenario do Garufa Club da Coruña.

Ademais, escoitamos un novo capítulo da conversa co ilustrador Pepe Barro, e a nosa colaboradora Alba Cid explícanos todos os detalles de O puño e a letra, de Yolanda Castaño.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

O Consello da Cultura Galega presenta o álbum da ciencia, unha publicación que reúne as biografías de 284 científicas e científicos galegos. Tamén falamos do novo traballo poético-musical de Silvia Penas: Fronteira Paraíso.

Comeza o ciclo ‘Tan poderoso como o amor’ no CGAI

Neste espazo cultural facemos unha viaxe polo amor a través de once películas que vai proxectar o Centro Galego de Artes da Imaxe no ciclo Tan poderoso como o amor.

O nome do ciclo é o título dun ensaio de César Antonio Molina, quen tamén foi ministro de Cultura e director do Instituto Cervantes.

“Para a xente da miña xeración, dos anos finais do franquismo, o cine era como unha liberación”, explica o escritor.

A películas de amor de cada época representan a forma de amar característica de cada momento, aínda que “despois de 3.000 anos escribindo e facendo cine sobre o amor, non cambia a idea do amor como algo que pode chegar a ser máis poderoso que a morte”, indica o autor.

Outras das cuestións sobre as que reflexiona o escritor na súa obra é a cuestión do amor imposible, ademais da posibilidade futura de chegar a crear fórmulas matemáticas para entender este fenómeno.

Este martes día 19 é a inauguración do ciclo coa proxección do filme A serea do Mississippi.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Entrevistamos a César Antonio Molina, autor do ensaio Tan poderoso como o amor, a partir do cal xorde o ciclo de cine de amor que comeza hoxe no CGAI. Case unha ducia de películas reflexionarán sobre o concepto do amor e o paso do tempo. Neste espazo cultural tamén falamos de narrativa con Armando Requeixo.

‘O jazz dos proscritos’ como homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

Catro anos de traballo fixeron falta para que O jazz dos proscritos saíse á luz. Unha curtametraxe de Manuel Gil que rende homeaxe ao dramaturgo galego Roberto Vidal Bolaño e faino baseándose en nada máis e nada menos que en Saxo Tenor, a obra coa que Vidal Bolaño obtén o premio Álvaro Cunqueiro.

Uns pintorescos veciños dun barrio marxinal reúnense nunha praza para ver Un tranvía chamado Desexo. A uns poucos metros, o sangue dun asasinato aínda está fresco. Un argumento que, sen dúbida, nos recorda ao cine negro que inspiraba a Bolaño e que nos explica mellor o director desta curta, Manuel Gil.

Podcast ‘Diario cultural’ das 17:30

Nesta edición do Diario cultural lembramos a figura de Roberto Vidal Bolaño grazas á curtametraxe O jazz dos proscritos, un traballo de Manuel Vidal en que adapta a obra Saxo Tenor de Vidal Bolaño. Polo momento, só está dispoñible o tráiler desta curta que se preve que se estree a finais deste mes.

Tamén continuamos escoitando a conevrsa que tivemos co ilustrador galego Pepe Barro dentro das nosas laretadas e, coma todos os luns, Rosario Sarmiento achéganos ao mundo da arte. Esta vez a través do pintor e escultor falecido hai sete anos, Leopoldo Nóvoa.

Podcast ‘Diario cultural’ das 14:45

Falamos da segunda novela de Isaac Xubín: Os largos e longos campos de liño azul. Hoxe é a presentación en Vigo.

Podcast ‘Diario cultural’ das 10:30

Escoitamos Ultraligero, o novo disco de Novedades Carminha. Tamén celebramos os vinte anos de Susana Seivane na música co noso experto Emilio Españadero.

Novedades Carminha presenta o seu novo disco

No 2009, o grupo Novedades Carminha presentaba o seu primeiro disco, un traballo cheo de cancións directas e irónicas. Agora, dez anos máis tarde, publican o disco Ultraligero.

“A única forma de que un grupo dure máis de dez anos é levantarse cada día con ganas de facer cousas novas”, conta Carlos Pereiro.

O sábado 9 de marzo actuarán na Sala Capitol de Santiago, un concerto que xa ten as entradas esgotadas.

Pin It on Pinterest