Videos

Podcast Diario Cultural 14:45

A real Filharmonía de Galicia celebra este venres día 4 o seu tradicional concerto de Reis centrado na música de Johann Strauss.

Que libros podemos regalar na noite de Reis?

Os libros son o mellor agasallo para a noite de Reis. Neste espazo cultural falamos con escritores galegos que, ademais, foron os protagonistas da literatura infantil e xuvenil durante o ano 2018. Eles son An Alfaya, Carlos Negro e Antía Yáñez.

An Alfaya gañou o Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña coa novela ‘O grupo’. Ademais, a obra ‘O home de negro’ é a súa publicación máis recente. “É unha novela sensorial e onírica que crea un mundo imaxinario onde as cores e o xogo lúdico son os protagonistas”, explica a escritora nas ondas da Radio Galega.

O poeta Carlos Negro acaba de gañar o premio Jules Verne por ‘Aplicación instantánea’. “Unha obra que fala dos tempos actuais onde a praza pública da xuventude está nas redes sociais”, asegura.

Neste faladoiro tamén contamos con Antía Yáñez, que no 2018 conseguiu o premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade coa obra ‘A reconquista’. “Comecei esta obra despois de ler unha noticia sobre uns profesores que dividían o patio do colexio entre os que xogaban ao fútbol e os que non. Recordei que era certo”.

Libros para soñar na noite máis máxica do ano.

Podcast Diario Cultural 10:30

Falamos cos escritores An Alfaya, Carlos Negro e Antía Yáñez sobre libros para regalar no Nadal. Recordamos a súa infancia chea de libros e a ilusión de abrir novas obras na noite de Reis.

Podcast Diario Cultural 14:45

‘Dentes para a mazá’ é o libro que vén de publicar a Editorial Chan da Pólvora. A obra é o resultado do talento de doce poetas, entre eles: Iago González.

O libro ‘Am@te’ formula preguntas sobre como aprendemos a amar

As escritoras e investigadoras Chis Oliveira e Amada Traba publican o libro ‘Ám@me’, unha obra que cuestiona o concepto de amar e como aprendemos a amar na sociedade actual. Un gran número de producións culturais están protagonizadas polo amor e o ser humano tenta imitar aquilo que observa ao seu redor. Como aprendemos a amar?

A Editorial Galaxia vén de publicar unha colección sobre feminismo, entre a que se atopa esta obra. Nas súas páxinas, un gran número de cuestións sobre os mitos do amor romántico, a sexualidade, o amor nas redes e as relacións na xuventude.

As escritoras explican que, aínda que non nos decatemos, o amor é o sustento da organización social, relacionado coa política, o poder e a economía. Ao mesmo tempo, crea a expectativa de “atopar unha parella perfecta coa que compartir toda a vida”. Entón, que é o amor en realidade e que podemos esperar del?

Chis Oliveira e Amada Traba móstranse optimistas ante unha sociedade “disposta a revisar todo o aprendido e facer cambios”. Neste contexto, o seu libro xoga un papel fundamental. En definitiva, un libro para aprender a amar de novo, pero mellor.

Podcast Diario Cultural 10:30

Lemos a obra ‘Am@te’ de Chis Oliveira e Amada Traba, unha nova forma de aprender a amar. Tamén falamos de cine coa nosa experta Begoña Vázquez.

Podcast Diario Cultural 14:45

Observamos a astronomía galega a través das fotografías do calendario do proxecto de divulgación Ceos Galegos. Tamén falamos da exposición ‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’, que xa se pode desfrutar na sede de Afundación de Ferrol. Esta mostra fai un percorrido pola historia galega do século XX dende Castelao ata as novas xeracións.

O Pórtico da Gloria volve abrirse ás visitas

O Pórtico da Gloria volve abrir as súas portas despois dunha década de restauración e estudo. Meses e anos de moito traballo para frear o deterioro do paso do tempo. O resultado é unha xoia que recupera a policromía da obra de Mestre Mateo e, por tanto, o seu valor máis auténtico.

Dende hoxe, os visitantes poden desfrutar de visitas guiadas, máis longas e de pago porque “agora son visitas con valor engadido, cun carácter diferente”, explica Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral.

Neste espazo cultural falamos co experto en proxectos artísticos, Francisco Prado Vilar. “Foi curioso decatarse de que coñeciamos o Pórtico dende lonxe e coas cores apagadas”, explica. Neste proceso de recuperación da obra, os mesmos investigadores aseguran que descubriron moitas cousas que lles sorprenderon, así como máis datos sobre quen era o gran Mestre Mateo.

Pin It on Pinterest