Videos

Estrea de ‘Invisibles’, unha obra de teatro sobre violencia de xénero

A xornalista e escritora Montse Fajardo publicou ‘Invisibles’, unha compilación de textos con testemuñas da violencia de xénero. Agora este libro, convertido en peza teatral, cobra vida propia. A estrea é este xoves día 15 no Teatro Principal de Pontevedra. As actrices Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez son as encargadas de poñer voz a esta denuncia.

Esta peza representa un problema social de moita urxencia, no que o teatro tamén pode ter un papel esencial para concienciar á sociedade. O elenco realizará funcións para escolares, xa que é importante que este tipo de proxectos actúen na base da problemática e sirvan para educar as persoas do futuro.

Podcast Diario Cultural 10:30

Estrea de ‘Invisibles’, unha obra de teatro sobre violencia de xénero baseado no libro da xornalista Montse Fajardo. Como cada xoves, viaxamos ás salas de cine con Begoña Vázquez.

Regresa a Biblioteca Vivente ao Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego e Xandobela organizan unha nova edición da Biblioteca Vivente, o lugar onde os libros son persoas dispostas a compartir os seus coñecementos.

A Biblioteca Vivente “Tesouros vellos para xente nova” emprégase para a protección e difusión dos coñecementos de persoas de idade que viviron unha historia de vida significativa, que manteñen un oficio ou un coñecemento determinado e que están abertas a compartilo coas xeracións futuras. As súas historias vivas portan unha parte importante da nosa identidade cultural e pertencen ao noso Patrimonio Cultural Inmaterial. Nesta ocasión, o catálogo está composto por oito Libros Vivos que representan oito historias que xiran arredor da tradición.

A terceira edición da Biblioteca Vivente “Tesouros vellos para xente nova” comeza esta tarde ás 17:30 horas da tarde e está repartida por diferentes espazos do museo.

Podcast Diario Cultural 17:30

O Museo do Podo Galego e Xandobela organizan unha nova edición da Biblioteca Vivente.

Ademais, o programa da Radio Galega “Lume na Palleira”, dirixido e presentado por Emilio Españadero, acaba de recibir o IX Premio Xabier Prado Lameiro, organizado pola Coral de Ruada.

Rematamos coa nosa colaboradora Rut Balbís, que nos fala sobre “Sódolos en Danza”, un festival que se celebrará a vindeira semana en Ourense.

Podcast Diario Cultural 14:45

O ciclo ‘Filosofía na rúa’ reivindica o pensamento como unha forma de analizar os problemas actuais. A reflexión é aplicable a todos os sectores e necesaria para comprender a realidade que nos rodea. Así comezan os actos de celebración do Día da Filosofía, que será este xoves día 15.

Música en directo na proxección de ‘O gabinete do doutor Caligari’

O cine mudo con música en directo chega a Cineuropa coa proxección de ‘O gabinete do doutor Caligari’. A Real Filharmonía de Galicia é a encargada de poñer a banda sonora a esta interpretación. Este filme de 1920 é un clásico do cine expresionista alemán, considerada tamén como a primeira película de terror da historia.

Neste Diario Cultural falamos co catedrático de Historia do Cine Luís Hueso, quen define esta peza como “unha xoia e un deleite”. A posta en valor do cine mudo e o seu achegamento ás xeracións máis novas é un dos obxectivos desta iniciativa.

 

 

Podcast Diario Cultural 10:30

Cineuropa proxecta ‘O gabinete do doutor Caligari’ con música en directo da Real Filharmonía de Galicia. Como cada mércores, recomendacións teatrais co noso colaborador Roberto Pascual.

Chega a Cineuropa a historia de Pedrón, un veciño das Pontes

A historia de Pedrón, un veciño das Pontes, chega hoxe ao Festival Cineuropa, celebrado en Santiago de Compostela.

Trátase dunha peza audiovisual dirixida por Ángel Cordero. A través da figura de Pedrón, o espectador adéntrase na parroquia máis grande da localidade e castigada polo despoboamento.

Podcast Diario Cultural 17:30

Hoxe falamos con Kiko Da Silva sobre o falecemento aos 95 anos de Stan Lee, o creador dos personaxes Spider-Man, a Panteira Negra ou Hulk.

Tamén coñecemos a historia de Pedrón, un veciño de As Pontes, que é o protagonista dunha peza audiovisual de Ángel Cordero que hoxe se presenta en Cineuropa.

A nosa colaboradora Alba Cid tráenos o poemario “As neuronas irmás”, de Estíbaliz Espinosa.

Podcast Diario Cultural 14:45

Xornadas sobre o sector da cultura no Gaiás para buscar unha resposta a esta cuestión: hai políticas culturais en Galicia?

Pin It on Pinterest