Destacados

‘Na voz da amizade’, unha homenaxe a Xabier Docampo

No Diario Cultural recordamos a Xabier Docampo a través da homenaxe ‘Na voz da amizade’, que terá lugar hoxe no Teatro Rosalía da Coruña. Alí estarán compañeiros como Suso de Toro, María Canosa, Xosé Manuel Pereiro, Manuel Bragado, Xavier Senín, Xosé Cobas e Miro Casabella.

Xabier Docampo compartía profesión e filosofía de vida con Agustín Fernández Paz. Eran grandes escritores, mestres, amigos, amantes do cine e chairegos. A súa pegada permanecerá para sempre no seu alumnado.

“A imaxe que teño del é sempre cun sorriso”, recorda Alfonso García Sanmartín, mestre e compañeiro de Xabier e de Agustín. Tamén falamos co editor Manuel Bragado e con Paula Carballeira.

Ambos viviron nunha época que deixou atrás a represión e formaron parte do cambio nos primeiros anos da democracia. Os mestres quixeron contribuír dende a educación e puxeron en marcha plans innovadores para ensinar as materias na escola.

“Para min compartir con Xabier e Agustin a ilusión por cada un dos seus textos foi un agasallo que me fixo a vida e nunca terei gratitude suficiente para agradecerlles todo o que me ensinaron”, conta Manuel Bragado.

I Certame de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera

Programa especial dende o Museo do Pobo Galego onde ten lugar esta tarde a entrega de premios do I Certame de Podcast e Relato Radiofónico Xosé Mosquera. Un certame ao que s epresentaron 40 traballos de centros das catro provincias galegas e que teñen como fío conductor a vida de Antonio Fraguas, o homenaxeado das Letras Galegas 2019.

O Certame nace como unha homenaxe a Xosé Mosquera Pérez, máis coñecido como O vello dos contos da emisora santiaguesa Unión Radio Galicia, situada no Museo do Pobo Galego nos anos 30.

Os Camiños Sonoros chegan a Compostela

Descubrimos o proxecto Camiños Sonoros. Máis dun cento de estudantes de conservatorios galegos ofrecen concertos arredor da Vía da Prata, como no mosteiro de Oseira, de Carboeiro ou no Pico Sacro. Os embaixadores desta iniciativa son Susana Seivane, Abe Rábade e Víctor Prieto. Neste Diario Cultural falamos con Andrea González, pianista e directora artística do ciclo; Ricardo Solveira, actor que participa na parte formativa; e Daniel Quinteiro, un dos rapaces do Conservatorio da Coruña, que participou no concerto deste sábado nos Xardíns do Pazo de Monterrei. As proximas actuacións serán esta fin de semana en Compostela.

“Namoreime da música con oitos anos”, asegura Andrea. Para ela é fundamental abrir os ollos a un novo concepto de músico onde a interpretación é tan importante como a execución técnica.

Respirar a música, a mirada e conexión co público son elementos que van máis alá da parte musical, mais son esenciais para solucionar un dos problemas que ten na actualidade a música clásica: ¿Cómo achegar unha obra de Chopin ao público xeral? Os músicos saben que non é suficiente cunha execución técnica perfecta.

“Os músicos decátanse das súas necesidades expresivas”, asegura Ricardo Solveira, quen nos fala da ruptura do paradigma da posta en escena da música clásica. Porque a música tamén é unha arte escénica.

Coñecemos a Amador Arias, protagonista de ‘O que arde’

Hoxe falamos con Amador Arias, actor protagonista de ‘O que arde’.  O filme do galego Oliver Laxe que ven de gañar o Premio do Xurado no Festival de Cannes.

Comeza o Rexenera Fest de Carballo

Comeza este luns o Rexenera Fest de Carballo, un proxecto para derrubar muros con pintura. Tamén están programados obradoiros, conferencias, ruta guiada e concertos. Neste Diario Cultural falamos con Maite Parga, técnica de turismo de Carballo, e con Lidia Cao, artista urbana e ilustradora que participa nesta edición do festival.

Un proxecto para cambiar a imaxe física de Carballo e a mirada coa que veciños e visitantes perciben esta vila. Arte na rúa e traballo para humanizar o espazo urbano. Un recurso turístico que se converte nun motivo máis para facer unha parada na vila coruñesa.

“Non é o mesmo traballar fóra que no teu estudio ou na túa casa”, asegura Lidia Cao. Aínda que non quere desvelar como será o seu mural, adiantou na Radio Galega que a temática será a infancia dende un punto de vista crítico.

“Agni e a chuvia”, un libro para cativos sobre a explotación infantil

Coñecemos a obra “Agni e a chuvia” da tradutora e profesora Dora Sales e que trata o tema do traballo infantil. Está ilustrado por Enrique Flores e publicado por Kalandraka.

“Agni e a chuvia” está ambientado en Bombai e trata a historia dun neno que dende moi cativo traballa nun lavadoiro. Un libro para lectores a partir de 8 anos sobre as redes de explotación e a escravitude infantil.

Comeza o festival ‘Elas son artistas’, pola igualdade na cultura

Comeza a segunda edición do festival ‘Elas son artistas’ pola igualdade na música e nas artes. Seis concellos da área metropolitana da Coruña énchense de música en feminino dende hoxe ata o 2 de xuño. No Diario Cultural falamos con Bea Camiña, organizadora do festival; con Iseo Agilda, cantante de Blues do País; e con Lucía Veiga, de Izquierdo Sisters.

“Aínda queda moito por facer, nunha ocasión chamáronnos ‘as mozas dos músicos'”, recorda Iseo Agilda.

“Neste sector estamos á cola, pelexando polo que é noso, pedindo igualdade de oportunidades para demostrar que o noso traballo pode ter a mesma calidade que o dos nosos compañeiros”, engade.

A falta de referentes femininos no sector cultural dificulta que as novas xeracións decidan seguir ese camiño porque “soñamos o que aprendemos a soñar”.

“O día que non sexa necesario facer festivais só de mulleres para conseguir visibilidade, entón haberá igualdade. Mentres, hai moito por facer”, asegura Lucía Veiga, de Izquierdo Sisters.

O Diario Cultural emite dende Cans

Programa especial do Diario Cultural dende o Festival de Curtas de Cans que se está a celebrar durante estes días. Estamos acompañados polo coordinador do Festival, Abel Gallego, e ademáis polos nosos micrófonos pasaron Adrián Canoura, que compite na categoría Furacans con ‘Caerán lóstregos do ceo’;  Mariana Carballal co proxecto Orballo; Gaspar Broullón, director de produción de ‘Eroski Paraiso’ filme que inaugura hoxe as proxeccións no Festival; e a directora de fotografía Lucía Catoira.

Skacha está de volta

O grupo vigués Skacha regresa aos escenarios tras 8 anos e no Diario Cultural falamos con eles sobre os seus proxectos persoais, os seus temas máis recoñecidos, os dous concertos dos últimos días e futuras citas para apuntar nas axendas.

Descubrimos ‘Galicia Le’, a plataforma galega de libros electrónicos

Neste Diario Cultural coñecemos a ‘GaliciaLe’, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas galegas, que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura en calquera momento e lugar a través do catálogo galego e do catálogo en castelán (eBiblio Galicia). 

Para descubrir o funcionamento desta plataforma falamos con Helena Sánchez, do servizo de Bibliotecas públicas de GaliciaLe; e con Fran Alonso, director de Edicións Xerais. Tamén escoitamos a Xesús Torres Junquera, director da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

Aínda que os libros electrónicos están cada vez máis presentes na nosa vida cotiá, nunca perderemos a maxia de ler un libro en papel. O segredo está en poder complementar os dous formatos en función das preferencias dos lectores.

Pin It on Pinterest