Destacados

[17:50:00] Estas son as recomendacións de cómics de Eva Mejuto

Reflexionamos con Eva Mejuto sobre o avance da banda deseñada no transcurso dos anos e, coma tódalas semanas, tamén nos recomendou algunhas obras para ler. Unha delas foi Miquits, un cómic para a rapazada que ten de protagonista a un gato e que, curiosamente, é familiar dunha bruxa coa que vive emocionantes aventuras! Outra das publicacións visuais que menciona é Nerea. O principe da sorte, a historia dunha rapaza que se embarca nunha viaxe de monstros, lambetadas e moitos mocos… e todo iso por non facerlle caso aos seus pais. 

[17:31:00] Miguel Anxo Prado, autor de ‘Trazo de Xiz’, celebra o trinta aniversario da publicación orixinaria

Trazo de Xiz é unha publicación adaptada ao galego por Miguel Anxo Prado. Esta obra publicouse orixinariamente no 1993 en castelán como Trazo de tiza, sendo esta unha banda deseñada que acadou un grande éxito internacional e numerosos recoñecementos. No 2012 desfrutamos da visual narrativa, por primeira vez, en galego. Hoxe, Norma Editorial celebra o trinta aniversario da obra en Pontevedra, e o noso convidado non só asistiu, senón que ata participou no evento!

O adeus ao escritor Salvador García-Bodaño

No día do pasamento do escritor e académico aos 87 anos, percorremos a súa obra poética e narrativa coa crítica literaria e profesora da USC, Chus Nogueira, que destaca a reflexión existencial da súa poesía. García-Bodaño participou ademais na creación de múltiples proxectos colectivos como a agrupación cultural O Galo, o Partido Socialista Galego, a revista Teima, a AELG ou o Museo do Pobo Galego, como recordamos con outro dos seus fundadores, o historiador Justo Beramendi.

Nani García, premio de honra Fernando Rey: “Antes do cine, poucos podían traballar da composición musical”

Sentamos a escuras nunha sala de cine e quedamos fascinados polas imaxes, a luz, os efectos especiais, as interpretacións, as caras dos protagonistas; sen sermos de todo conscientes de que cando nos emocionamos, hai unha música que esta tirando polas lágrimas, ou que as batallas serían moito menos épicas sen unha orquestra detrás e unha boa percusión. A música é a irmá discreta do cine e moitas veces o traballo dos compositores consiste en levarnos da man pola historia sen que nos decatemos.

Se falamos do audiovisual galego, do noso cine e televisión, é moi probable que ese guía espiritual sexa Nani García. Pianista, compositor e músico vencellado ao jazz e ao cine desde os anos 80. Unha traxectoria longa e premiada: películas nas que participou son por exemplo Valentina de Chelo Loureio, goya á mellor longa de animación no 2021; ou Una mujer fantastica de Sebastián Lelio, unha película chilena que levou o Oscar á mellor película en lingua estranxeira no 2017.

Esta fin de semana na gala dos Mestre Mateo Nani García recibirá o Premio de Honra Fernando Rey que outorga a Academia Galega do Audiovisual.

Pin It on Pinterest