Destacados

‘Fíxose a luz’ co Cuarteto Quiroga

A luz como guía e como revelación está condensada neste traballo do Cuarteto Quiroga, ‘Und es ward Licht!’ (‘E fíxose a luz!’). Dous cuartetos de Haydn e dous de Mozart para render homenaxe ao cuarteto de corda como agrupación, como xénero e como maneira de facer e sentir a música.

O Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música no 2018, está formado por Aitor Hevia e Cibrán Sierra aos violíns, Josep Puchades na viola e Helena Poggio ao violoncello. Neste Diario Cultural falamos con Sierra, o violinista ourensán. 

Verto despídense… polo momento

 

Vituco Neira conversa co dúo de pop electrónico compostelán antes da súa despedida temporal dos escenarios. Verto actúan esta fin de semana no festival Mar de Santiago e no Osa do Mar de Burela

 

Máis de vinte creadoras reúnense en Santiago para reivindicar o dereito á igualdade cultural

O encontro terá lugar os días 24 e 25 de setembro na Facultade de Ciencas da Comunicación baixo o título “A igualdade cultural (tamén) é un dereito: feminismos e creacióncontemporánea na Galiza“. Participarán creadoras galegas de distintas disciplinas artísticas e será a primeira das catro xornadas do programa “A Cultura é un Dereito”, que organiza a Deputación da Coruña coa mirada posta no desafío de construír o novo modelo cultural post-pandemia.

Alfonso Zarauza sobre a ‘Malencolía’

Comeza o OUFF e hoxe Afonso Zarauza estrea a TV movie Malencolía coproducida por TVG.

Os documentais volven a Tui

Vituco Neira informa desde Tui da programación do Play-Doc na súa 17ª edición.
O festival de documentais inclúe ata o 26 de setembro estreas mundiais, filmes recuperados
e a última colleita galega de filmes de non ficción

A construción da paisaxe galega medieval

O Consello da Cultura Galega está a desenvolver as xornadas “A construción da paisaxe galega entre a Tardoantigüidade e a Idade Media: socalcos, campesiñado e cristianismo”, que buscan  recoller os resultados de diferentes proxectos que se están desenvolvendo en Galicia arredor da construción da paisaxe galega nun período que foi clave durante a Alta Idade Media e do que, grazas a eles, estamos comezando a comprender na súa verdadeira dimensión. Conversamos con Xurxo Ayan, un dos coordinadores, investigador da Universidade de Lisboa.

O futuro do océano no Festival Mar de Mares

O festival Mar de Mares chega á oitava edición convertendo A Coruña en centro do debate sobre a sustentabilidade mariña. Conversamos co biólogo e explorador mariño Manu San Félix e coa documentalista e activista brasileira Bárbara Veiga, que exporán no festival as súas fotografías e manterán varios encontros co público.

Un congreso internacional polo centenario de Emilia Pardo Bazán

Poñentes de diversos países do mundo participarán do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán no seu centenario: literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI. No Diario Cultural, conversamos con Eva Acosta, que chega de Sevilla coa conferencia “Mucha fuerza, mucho carácter, mucha personalidad. Emilia Pardo Bazán en un siglo de mujeres”.

O lobo de Uxío á espreita no Camiño

No Diario Cultural puxemos a Vituco Neira a camiñar. Pero non un camiño calquera; un camiño cultural e poético. ‘Poetas no camiño’ é unha proposta da Fundación Uxio Novoneyra a través do seu proxecto de residencias poéticas ‘Ámeto Mítico’, que reúne a escritores de todo o mundo para facer o camiño e logo reflexionar sobre a súa experiencia na casa de Uxío no Courel.

Vituco camiñou e falou cos poetas Arancha Nogueira, Luís López Alonso, Pilar Astray, Adam Wyeth e Agnes Marton.

Lecturas para o instituto

Falamos con Penélope Pedreira, que escolmou e traduciu poemas de Walt Whitman para o libro Oh, capitán!, publicado por Sushi Books. Conversamos sobre as lecturas recomendadas no ensino con Pedreira, que é tamén docente en Secundaria 

Pin It on Pinterest