Diario Cultural

Novena edición do festival Bal y Gay

Do 12 ao 24 de agosto o festival Bal y Gay ofrece trece concertos en diferentes vilas da Mariña luguesa. A Real Filharmonía abre o fesival, que pechará a Orquestra Sinfónica de Galicia. Será a edición máis internacional, con nomes como a pianista Elisabeth Leonskaja ou o Armida Quartett,
pero tamén haberá nomes galegos e españois como o Cuarteto Quiroga, Caamaño & Ameixeiras o Skyrion.

Emma Ríos e David Rubín, de novo en Viñetas

 

Emma Ríos e David Rubín son dous dos autores galegos máis relevantes da banda deseñada e testemuñas destes 25 anos Viñetas desde o Atlántico. Os dous asistiron ao festival desde o comezo, primeiro parte da escena galega de fanzines, hoxe xa como autores consolidados. Falamos cos dous da historia de Viñetas e das obras que publicarán proximamente. 

 

‘Animalario de ler a diario’, un poemario bestial de Eduard Velasco

Eduard Velasco estréase na literatura infantil con Animalario de ler a diario, un poemario protagonizado por bechos de todo tipo e no que xoga coas palabras e coa métrica. O libro está ilustrado por Nuria Díaz, publícao Edicións Xerais e foi finalista en dúas ocasións do premio Merlín de literatura infantil.

Festa da Carballeira de Zas e As Nosas Músicas de Couso

Gustavo Couto avánzanos dúas das citas ineludibles da nosa música esta fin de semana, que volven con forza trala pandemia: a Festa da Carballeira de Zas, con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre ou Xisco Feijóo, e As Nosas Músicas, na parroquia estradense de Couso, onde tocarán Leilía e Airiños da Freba, entre outros. 

Filosofía para veraneantes en Corcubión

O ciclo de pensamento ‘Filosofía para veraneantes’ está dedicado este ano a reflexionar sobre o uso da tecnoloxía e os seus aspectos construtivos e destrutivos. Baixo a pregunta ‘Ilusionismos tecnolóxicos?’ convida profesores de Filosofía, científicos, poetas, xornalistas e a todos os asistentes a conversaren sobre intelixencia artificial, Antropoceno, extractivismo ou Internet. 

Pin It on Pinterest