Todas as colaboracións

Centenario da creación do Conservatorio Nacional da Arte Galega

No mes de abril de 1919 presentábase no Pavillón Lino da Coruña un proxecto formativo e de creación teatral impulsado polas Irmandades da Fala e dirixido polo dramaturgo e actor Fernando Osorio. A idea era crear un teatro nacional seguindo o modelo dos teatros de arte libre de Europa, apostando pola modernización, a innovación artística e a superación do realismo costumista.

Cara a onde evolucionou aquel anceio dos nosos devanceiros? Coñecemos ben o legado dos nosos artistas teatrais, de Ramón Cabanillas, Camilo Díaz Baliño, Xaime Quintanilla e tantos outros creadores galegos da arte teatral?

Cal é a situación do noso teatro nacional hoxe? O Centro Dramático Galego e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia son as lexítimas sucesoras daquel proxecto fanado. Que retos e que problemáticas pexan o seu pleno desenvolvemento e autonomía?

Analizamos os piares institucionais do teatro galego co gallo deste centenario, os avances e estancamentos 100 anos despois.

Día Mundial do Teatro e o teatro do porvir

Hoxe é un día especial. Todo o mundo celebra a diversidade e a arte teatral lendo a mensaxe do mexicano Carlos Celdrán en multitude de linguas. Os galegos e galegas temos a fortuna de pensarnos e recoñecernos como país (teatral) nunha lingua propia. Podemos escoitar a sonoridade das ideas do dramaturgo como: “o teatro é unha viaxe ao corazón do espectador para espertar a súa consciencia cívica, ética e humana”.

Neste día tan especial queremos falar do teatro do porvir, do futuro, e que mellor motivo que falar do I Congreso do Teatro Galego, anunciado recentemente pola Academia Galega do Teatro para marzo de 2020 e que ten como obxectivo fundamental propor a través do debate un plan estratéxico, revisar e renovar as políticas teatrais despois de 40 anos de exercicio profesional. Co 2030 no horizonte é o lema do Congreso, que quere falar de proxección, actualización e conexión coas novas dinámicas sociais.

Gala da 23ª edición dos Premios María Casares de Teatro 

A Asociación de actores e actrices de Galicia organiza os Premios do Teatro Galego, que por vez primeira serán retransmitidos en directo dende o Teatro Rosalía de Castro da Coruña, en streaming por YouTube.

Facemos un repaso polas candidaturas, entre as que destacan, como favoritas, Commedia con 12 nominacións e Divinas Palabras Revolution con 7. Falamos do manifesto de Carlos Santiago, un alegato á liberdade de expresión e creación e unha profunda reflexión sobre o obsceno e o sublime no teatro. Precisamente o actor e dramaturgo foi denunciado por blasfemia e insulto pola ingrexa e sectores conservadores que viron inapropiado o seu dircurso dopregón do entroido de Compostela 2018. Con esta decisión da AAAG de encargar o manifesto a Carlos Santiago, tamén se fai patente o apoio da profesión ao creador e á súa lexítima liberdade de pensamento e manifestación.

Na Gala tamén veremos, alén das propias sorpresas e do espectáculo que xirará en torno ás artes do circo e do clown, a entrega dos Premios de Honra Marisa Soto ás Aulas de Teatro universitarias de Santiago e de Ourense.   Foron canteira de moitos profesionais cando non existía unha escola superior de Arte Dramática en Galicia, dinamizadoras da actividade escénica e pontes internacionais con prestixiosas institucións. Roberto Salgueiro e Fernando Dacosta, recollerán este recoñecemento en nome dunha gran familia de actores, actrices, directoras, dramaturgas e xestoras que vimos medrar alí o noso oficio, a nosa paixón e os nosos compromisos.

Teatro para reflexionar sobre os comportamentos da sociedade actual

O teatro, alén da diversión, pode facernos pensar e mostrarnos situacións que reflicten ou nos cuestionan como sociedade e como individuos fronte á autoridade, fronte ao sistema ou diante das dinámicas globais. Somos conscientes de todas as nosas incoherencias? Somos libres? Somos obedientes? Sabemos como somos? Sabemos como nos comportamos?

Falamos do último espectáculo de Redrum, Idiotado catalán Jordi Casanovas, que a través da comedia e da intriga nos fai ver ata onde pode chegar a capacidade de tolerancia e de sacrificio do ser humano diante dos intereses do poder e dos intereses individualistas.

Igualmente, o grupo Chévere e o teatro documento, que tamén tratan os temas relacionados coa nosa historia recente, coas vivencias persoais convertidas en problemática colectiva ou as experiencias escénicas como as Cheverografías, na liña dos alemáns Rimini Protokoll, dramaturxia de intervención no tránsito da rúa, no espectáculo diario, na realidade oculta, na convivencia, na memoria e nas profundidades da existencia.

A visibilidade da muller nas artes escénicas

Marián Bañobre, Tamara Canosa, Laura Iturralde, Cris Iglesias, Belén Pichel, Nuria Sotelo, Esther Carrodeguas, Gena Baamonde, María Roja, Larraitz Urruzola, Marta Pérez, Andrea Bayer, Vanesa Sotelo… Son moitas as creadoras que nos ofrecen pezas en carteleira, mais as preguntas que nos podemos facer sobre a igualdade laboral, a visibilidade, a recepción crítica ou as personaxes e os tratamentos ou a autocensura seguen sendo moitas igualmente. Elas pararán o 8M e moitos outros sectores e homes feministas tamén as apoiaremos. Elas están a mudar moitos aspectos do cotián, mais aínda queda tanto camiño… Elas están a crear e velaquí unha pequena escolma, con dúas novidades que tratan algún asunto relacionado co feminismo, polo tanto coa dignidade: A compañeira de piso e A Gala.

A compañía de Nuria Sotelo presentou en Ourense unha peza híbrida de teatro-danza a partir do universo creativo e biográfico de Maruja Mallo. Un conxunto de escenas que nos remiten ás imaxes, á filosofía e legado de mulleres libres, orixinais e divertidas coma a pintora galega. Faino mesturando humor, metadiscurso, un suxerente espazo sonoro e lumínico, movemento e texto (proxectado, conferenciado e dito de xeito case persoal e espontáneo).

Contraproducións presenta unha posta en escena máis convencional dunha autora americana, Jen Silverman, onde o potencial da historia de convivencia de dúas mulleres moi diferentes nos deixa ver temas próximos, realidades a superar e moita risa liberadora con momentos de emoción cando aparece a soidade ou a asfixiante opresión da moral conservadora.

Pezas para rir, para pensar sobre a situación da  muller hoxe, ao longo da historia ou mañá pola rúa… Mulleres creando e facendo a escena e a sociedade máis libres, máis diversas, máis igualitarias.

Estrea de ‘Carpe Diem’, no 15° aniversario de Producións Teatrais Excéntricas

Tras Vacas, Guerras, Porcos e Cregos de Quico Cadaval, estreado o 8 de xaneiro no Festival Poéticas Contemporáneas de Madrid e Tres Vellas (polo menos), con Celso Sanmartín, José Luis Gutierrez Guti e Cadaval, estreado o 16 de febreiro en Vimianzo, con CARPE DIEM chega a terceira das estreas do 15º Aniversario de Excéntricas. En abril chegará “Cartóons”, o primeiro espectáculo infantil na historia do grupo e que contará no elenco con Josito Porto e máis Víctor Mosqueira. Xa en outubro deste mesmo ano, Carballo acollerá a estrea de Medida por Medida de William Shakespeare, con Melania Cruz, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, María Costas e Josito Porto.

Carpe diem, que se estrea hoxe no Teatro Principal de Santiago de Compostela, é unha adaptación da novela do escritor brasileiro Rubem Fonseca. Unha comedia negra, unha historia de amantes que se deixan inspirar polo cinema dos anos 50, o ritmo e a festa de Río de Janeiro, a procura de desexos non explorados nas súas respectivas relacións de parella, as novas emocións e mesmo un toque de thriller cando planifican dar morte ás súas parellas. Unha peza que se contrúe por fragmentos das aventuras, cartas, cancións e música en directo, secuencias cinematográficas proxectadas e a voz dun narrador que intervén na fábula e vemos sentado a modelar a vida destes seres na mesa do seu escritorio.

Publícase a reedición bilingüe dos Premios Rafael Dieste

A Asociación de Directores de Escena de España abre nova colección coa reedición de Ei, Feldmüle! de Xesús Pisón, primeiro premio Rafael Dieste, do ano 1991. Grazas ao apoio da entidade organizadora, a Deputación da Coruña, unha das administracións públicas que máis constante e cualitativamente apoiou e continúa a estimular a creación dramática galega, a ADE presenta unha edición crítico do texto traducida tamén ao castelán e que, polo tanto, favorece a difusión exterior do noso patrimonio teatral e da creación escénica galega.

A peza é unha alegoría ecoloxista, con notas vampíricas, simbólicas, cómicas, escatolóxicas e absurdas, que nos traen o eco dun teatro que transita do expresionismo e do enxebrismo documental en clave de farsa da xeración Abrente á nova Dramaturxia galega dos 90, na procura de novas formas e referentes artísticos. Un texto que, coma todo o corpus e o capital histórico da cultura teatral convén revisitar, para aprezar, valorizar e recoñecer camiños e aperturas que xa se levaron a cabo hai tempo, mais que continúan a iluminar moitas posibles escenas do presente. Para non querermos, tampouco, inventalo todo de novo.

A actuación da compañía italiana Motus no festival Escenas do Cambio

Son escasas as oportunidades de acceder, nos escenarios galegos, aos espectáculos escénicos internacionais ou a aqueles, cando menos, que máis repercusión teñen en circuítos internacionais. A Santiago de Compostela chegou MDLSX, da compañía italiana Motus, un dos grupos máis premiados, innovadores e recoñecidos pola cualidade das súas investigacións e creacións en todo o mundo.

O espectáculo que presentaron no marco do festival Escenas do Cambio é unha mestura de himno lisérxico e documentos autobiográficos poetizados pola selección musical, a suma dramática do movemento e da luz manipulada en escena pola propia actriz. Unha reflexión sobre a identidade sexual e a construción heteronormativa do concepto de xénero. Unha lembranza dura de momentos dolorosos no social, no familiar, no sanitario e un alegato á liberdade, á capacidade de actuar por un mesmo nos momentos máis complicados da vida. Unha exposición lúdica e potente do significado do terceiro xénero ou do xénero neutro dende o propio corpo e a memoria da actriz que colide coa fabulación.

Un manifesto escénico, activismo teatral, un terreo magmático que converte o teatro en alegato movilizador a favor do respecto e da tolerancia pola diversidade. Espectáculo que activa e nos constrúe, onde a anécdota persoal se converte en relato artístico e social.

A compañía ‘Voadora’ presenta un novo espectáculo

Unha nave espacial? Un espazo galáctico? Unha zona de baile? Un lugar mental? Un terreo metafórico? Polo novo espectáculo da compañía Voadora desfilan Elvis, a razón e a fe que van de paseo, un meteorito, a sonda Voyager, debuxos en movemento coas gamas cromáticas rgb, relatos de acontecementos dos anos 90 entre Compostela e a NASA, debuxos de seres humanos en movemento e sobre todo música, moita música.

Voadora volve ampliar o terreo, a mirada e o concepto do teatro cunha peza que nos convida a bailar, a sorprendernos coa aparición dunha astronauta que aprende a coller unha lata nun expendedor de bebidas e a rir da imperiosa necesidade humana de querer entendelo todo.

Hemos venido a darlo todo é a paisaxe dunha galaxia incerta pero potente, onde a humanidade cae en extinción e aparece a poesía. Un cúmulo de referencias, conceptos e datos nunha viaxe sideral dun teatro que sente, latexa e nos levanta con entusiasmo da butaca.

Estréase a obra ‘O empapelado amarelo’

O feminismo chega aos escenarios coa estrea de O empapelado amarelo.

A pasada fin de semana tivo lugar en Ourense a estrea do espectáculo O empapelado amarelo, do novo colectivo A quinta do cuadrante. Con interpretación de Melania Cruz, dirección escénica de Tito Asorey, deseño de espazo escénico de Laura Iturralde, indumnetaria de Renata Uzal e espazo sonoro e grafismo de Lucía Estévez, esta peza é unha escenificación de aspectos autobiográficos de Charlotte Perkins, unha intelectual americana multidisplinar de finais do S.XIX, con partes metateatrais que nos permiten reflexionar sobre a esencia da creatividade, o nacemento do feminismo, o papel das mulleres na sociedade, os roles e o respecto nas relacións interpersoais ou a defensa da liberdade individual.

O deseño do espazo escénico e a disposición do público a tres bandas permite que, dende a proximidade, poidamos viaxar por todo o imaxinario e o conflito dunha muller que loitou contra moitos elementos opresores dentro e fóra do seu fogar. A peza fala do episodio biográfico da autora, unha depresión posparto e unha diagnose castrante por parte do seu marido médico para protexela inicialmente de toda fantasía, delirio ou presunta irracionalidade. Pero o espectáculo tamén nos leva a sentir esa claustrofobia, ese paternalismo e esa opresión social contra a que loitou esta precursora e contra a que loita aínda hoxe a muller emancipada e empoderada en moitos ámbitos sociais.

Pin It on Pinterest