Todas as colaboracións

As artes escénicas con Cinema Sticado

Falamos de Cinema Sticado, un colectivo escénico de Cangas, creado en 2012 pola actriz Helena Varela e o enxeñeiro Xosel Díez. Unha compañía que investiga sobre as posibilidades expresivas da mestura de linguaxe audiovisual, teatro de obxectos ou banda deseñada. Unha nova maneira de entender e de facernos aprezar, dende a fronteira, outro tipo de arte escénica posible. Cinema en directo, onde a proxección convive coa exposición do set e de todas as técnicas e artefactos que permiten verlle as tripas e seguir emocionándose coas atmosferas e a maxia do celuloide. Xogo, crítica, misterio, linguaxe figurativa, música creada en directo cos sons duns manipuladores demiurgos.

Tamén repasamos os 35 anos de historia da Revista Galega de Teatro, unha publicación única no mapa cultural galego que documenta, analiza e edita o quefacer teatral en Galicia xunto coa realidade escénica de fóra, y en galego. En 2018 chega ao seu número 95 e ademais de editar e traducir textos dramáticos, a Erregueté segue a ser un espazo de información, debate, crítica  e creación aberto a todas as sensibilidades e maneiras de concibir a arte do teatro, comprometida co tempo presente, co público e coas profesións do teatro.

Unha homenaxe a Gustavo Pernas

Queremos homenaxear ao inesquecible dramaturgo Gustavo Pernas falando da nova Dramaturxia galega. Dúas novas voces, Roi Vidal e Ernesto Is, entre as moitas e diversas que seguen a alimentar o teatro de noso, coa riqueza da lingua a engrandecer o palco, coa frescura dos novos formatos, con renovados compromisos dun teatro que nos observa e nos pon distintos espellos poéticos, sarcásticos e de longa perspectiva diante nosa.

Ernesto Is acaba de gañar o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña con ‘Despois das ondas’, unha peza composta con diversos documentos arredor da memoria da actriz María Casares, do seu tempo e da España refuxiada.

Con Roi Vidal presentamos a edición do Premio Abrente de 2017, ‘Poesía. Materiais para montar unha escena de cama’. Un xogo escénico que, tendo como base o desexo dunha parella de facer unha película porno, acabaremos acudindo a unha reflexión sobre o amor e as artes da representación escénica, con todas as súas posibilidades de mestura e goce.

A distribución teatral en Galicia

A produción e a distribución son os piares fundamentais sobre os que se sustenta a actividade escénica, coma calquera sector produtivo. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia organizou un foro para analizar a distribución do teatro galego dentro e fóra do país. Cales son as estratexias das compañías e as políticas públicas encamiñadas a que os esforzos de produción escénica cheguen ao público? Teñen as mesmas necesidades neste sentido todos os espectáculos que se producen en Galicia? Existe coordinación entre as administracións? Son suficientes as axudas e iniciativas públicas para que o noso teatro sexa coñecido no exterior? Teñen recursos suficientes e formación específica as persoas responsables da programación teatral?

Pin It on Pinterest