Todas as colaboracións

‘Tantos anos de silencio’ de Francisco Castro, e ‘Flashes’ de Ursula Heinze

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dous libros acabados de saír do prelo: Tantos anos de silencio, a nova novela de Francisco Castro, e mais Flashes, o recente volume de prosas de Ursula Heinze.

Tantos anos de silencio (Galaxia) revisita o tema da Guerra Civil e dos infames asasinatos que entón se produciron. Ánxela, unha historiadora que presta os seus servizos á Asociación da Memoria Histórica de Vila Flavia, recibe o encargo desta para investigar unha zona de posibles enterramentos de axustizados no 36. Tras as súas pescudas exhúmanse seis cadáveres: os de cinco homes e mais unha muller. Os restos desta última aparecen abrazados a un libro que resulta ser o manuscrito dun poeta descoñecido. A investigación da identidade da muller e das circunstancias que explican o seu soterramento acompañada do poemario inédito, así como o desvelamento da identidade do enigmático poeta inician unha xeira de descubrimentos que iluminan o horror vivido en Vila Flavia nos comezos da contenda bélica e nos devolven o retrato dun tempo témero, simbolicamente gobernado pola maldición bíblica de Caín e Abel.

Flashes (Fervenza) é un conxunto de case dous centos de prosas moi breves. Nelas a autora rememora instantes vitais que tanto poden recrear incidentes coma xuntanzas, igual descricións de momentos que evocacións de situacións. Por xunto axudan a caracterizar o xenuíno mundo da autora nas distintas épocas da súa vida e achegan o coñecemento de ambientes e persoas que lle foron, e nalgún caso aínda lle son, ben próximos. Malia a súa manifesta diversidade, estes flashes teñen como común denominador a ollada burlona e o humor crítico, pois, tal como anuncia a cita de Ernst Schnabel coa que se abre o libro, “sen ironía non hai historias”.

Rosario Sarmiento achéganos a mostra “Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos”

O obxectivo desta exposición, que serve para iniciar no museo MARCO de Vigo a programación do 2020, é ofrecer unha nova ollada sobre a obra dun dos pintores chave na historia da arte galega: Manuel Colmeiro.

A mostra está deseñada polo seu comisario, o historiador e crítico Carlos Bernardez, como unha lectura, que traza varios eixos espazo-temporais e repasa a traxectoria de Colmeiro dende os inicios da súa formación arxentina até o seu regreso definitivo a Galicia, a través das cinco seccións nas que se estrutura a mostra.
Neste amplo percorrido, incídese na súa relación cos espazos artísticos onde desenvolveu a súa obra —Buenos Aires, París, Galicia— e sublíñase a súa contribución decisiva á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, presentando as súas obras xunto as doutros artistas galegos —Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco— e exemplos doutros contextos da modernidade internacional, nomeadamente arxentina.
Tanto Colmeiro como o conxunto dos integrantes d’Os Novos adoptan a ideoloxía da vangarda en Galicia, antes da guerra, cunha vontade de facer que a creación plástica se orientase en duas direccións de identidade e de modernidade para reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.

A sinfonía que Beethoven adicou ao seu amigo e protector, o príncipe Lichnowsky

Achegámonos hoxe de novo a Beethoven para coñecer un pouco máis sobre a súa Sinfonía nº 2, dedicada a un bo amigo e protector, o príncipe Lichnowsky, e que foi estreada o 5 de abril de 1803 no Theater an der Wien baixo a batuta do propio autor.

Eran tempos en que a xordeira xa era patente, o que levara a Beethoven a un estado de total angustia. Pero en lugar de reflectir este estado na súa música, decidiu loitar contra o destino tan poderoso escribindo unha sinfonía que desprende enerxía, beleza e vitalidade.

Escoitaremos esta obra coa Real Filharmonía de Galicia este xoves 13 en Santiago no Auditorio de Galicia, ás 20:30, o venres en Vigo no Teatro Afundación ás 20h; e o sábado no Palacio da Ópera da Coruña tamén ás 20 h (ademais de Absolute Jest, de John Adams, co Cuarteto Quiroga de solistas, e de Masquerade, de Anna Clyne, que é estrea en España).

Tamén en Lugo poderemos gozar desta obra o sábado 15 ás 20 h no Círculo das Artes da man da Orquestra Sinfónica Vigo 430 dirixida por Rosanne Philippens, quen actuará ademais de solista de violín na outra obra que completa o programa, o Concerto para Violín e Orquestra en Re Maior, op.61, tamén de Beethoven, repetindo concerto en Vigo no Auditorio Martín Códax o domingo 16 ás 19 h.

Páxina de cultura científica

Reflexións de Manuel Vicente sobre os arquivos sonoros e a necesidade de preservar os sons propios como parte do noso Patrimonio cultural.

Dende hoxe ata o domingo, o Teatro Colón de A Coruña acolle a Semana do Cinema Galego

Dende hoxe ata o domingo, o Teatro Colón de A Coruña acolle a Semana do Cinema Galego. Durante estes días, proxectaranse cinco películas galegas candidatas ós Premios Mestre Mateo. 

‘Educar a través da arte’ e ‘Que falta fai?’, con Montse Penas

A especialista e colaboradora en literatura infantil e xuvenil Montse Pena Presas chega esta semana con dúas novas propostas:

  • Educar a través da arte, de Vicente Blanco e Salvador Cidrás
  • Que falta fai, de Gianni Rodari

Tito Lesende achéganos as novidades do panorama pop e rock

Anticipámonos ao lanzamento de “Liberar as arterias”, o inminente disco de Sés, que a artista galega presenta en xira por cidades latinoamericanas, españolas e galegas. Ademais, ofrecemos un aperitivo dos novos traballos de Green Day e O’Funk’illo, co baixista ferrolán Pepe Bao. Finalmente, lembramos a presenza en Ourense e na Coruña do grupo canadiano Bywater Call. 

A galega ‘Arima’ e a multipremiada historia contra a homofobia ‘And then we dance’ chegan aos cines

A directora de Sala 5 Begoña Vázquez destaca entre as estreas desta semana tres filmes:

  • Arima, de produción galega e rodada en Mondoñedo.
  • O escándalo, firme candidato aos Óscar con Margot Robbie e Charlize Theron cunha historia de xornalismo e feminismo.
  • And then we dance, un filme sueco moi premiado que narra as dificultades duns bailaríns homosexuais en Xeorxia.

O profesor Antonio Rodríguez Colmenero publica “El faro de Brigantium Flavium, Torre de Hércules de A Coruña”

Na sección do noso arqueólogo Mario César Vila conversamos co profesor Antonio Rodríguez Colmenero, autor de El faro de Brigantium Flavium, Torre de Hércules de A Coruña

Estrea de O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro

A colaboración de Roberto Pascual céntrase na estrea de ‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro
A compañía Ibuprofeno estreou nova peza, con texto orixinal de Santiago Cortegoso e interpretación de Marián Bañobre e Avelino González. O mel non caduda é un paso adiante e de consolidación dunha compañía que aposta pola dramaturxia galega de autor e a escrita a pé de obra de temas que lle afectan á sociedade actual. Comezou a partir do interese pola obsolescencia programada, sobre o que a compañía realizou talleres e exploracións, para chegar a unha historia, que mestura futurismo e consciencia ecolóxica e así falar do abandono familiar, do estilo de vida consumista ou as sofisticadas leis da natureza, etc.
Cunha mestura de lirismo e narratividade, vaise entretecendo a historia de dous irmáns que descobren o corpo da súa nai morta e esquecida dende hai tempo no medio de escenas distópicas sobre uns científicos que pretenden recuperar unha especie vital e sostible, as avellas, xa extinguidas. Un mundo conceptual a través do cal se compón tamén a escenografía e os xogos teatrais, con esixencia física e un afinado ritmo textual. Na preestrea, en Catoira, o encontro co público, a unha semana do lanzamento, foi produtivo para ambas partes e unha experiencia moi rica arredor da creación escénica, en comunidade, coherente co lema de vida sobre o que nos fai reflexionar a peza

Pin It on Pinterest