Pink Unicorns, de La Macana
Armando Requeixo comeza as recomendacións lectoras para este 2020 que acabamos de estrear falándonos da tradución de dous interesantes ensaios: O inimigo coñece o sistema, de Marta Peirano, e mais Fascismo eterno, de Umberto Eco.
O inimigo coñece o sistema (Faktoría K) foi traducido dende o castelán orixinal á nosa lingua por Antía Veres Gesto. Volume moi documentado e de absoluta actualidade, nel Marta Peirano aborda a análise da Rede como un implacable mecanismo de vixilancia e manipulación ao servizo dunha plutocracia amoral, en moitas ocasións aliada con réximes neoliberalistas feroces, altamente militarizados, cando non directamente autoritarios e/ou imperalistas. Como usuarias e usuarios da Rede non somos abondo conscientes desta manipulación, de como se crea en nós unha enfermiza adicción a Internet e de ata que punto a nosa privacidade está exposta e vendida ao mellor comprador para que se negocie coa nosa información persoal no inmenso templo de mercadores no que se ten convertido a Rede.
Fascismo eterno (Embora) é a tradución dunha conferencia pronunciada por Umberto Eco en 1995 que aparece en galego da man de Benedict Buono e María Esther Martínez Eiras. Neste ensaio breve o filósofo e novelista italiano, un dos grandes intelectuais do noso tempo, caracteriza o que el denomina ur-fascismo ou fascismo eterno como unha ideoloxía fuzzy, abondo sincrética e ecléctica, que, porén, ten uns baseamentos recoñecibles que converxen puntualmente con outras ideoloxías totalitarias, despóticas e fanáticas como o falanxismo ou o nazismo, pero que non son sinónimas perfectas. Para precisar o sentido do ur-fascismo ou fascismo eterno Eco proporciona catorce trazos característicos que o definen e advirte de que o actual momento da política internacional non está libre de volver caer nel.
A directora de Sala 5, Begoña Vázquez, comeza o ano falando de dúas películas baseadas en feitos reais: “Richard Jewell” de Clint Eastwood e “O oficial e o espía” de Roman Polanski.
Coincidindo co día no que rematamos o ano, o noso colaborador Armando Requeixo conversa connosco dun tema ben acaído para as datas nas que andamos: a escrita do inverno e do Nadal.
No primeiro treito da colaboración lémbranse algúns casos moi coñecidos de obras literarias universais que centraron a súa atención no tempo do Nadal. Textos de Dickens, Joyce, London, Andersen, Dostoievski ou Gogol, entre moitos outros, teñen como protagonistas os derradeiros días do ano e as súas celebracións, amosando a especial fascinación que dende sempre exerceron estas datas nos creadores de todo lugar.
A última parte da intervención xira arredor da presenza do inverno e o Nadal como motivo temático na literatura galega, citándose exemplos moi significados tanto de pasadas centurias como, sobre todo, do século XX e do actual. Xorden, así, os nomes dos cultivadores de vilancetes do XVII e XVIII, mais tamén os doutros clásicos como Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro ou, máis próximos a nós, Manuel Rivas e Pemón Bouzas.
Repaso á ciencia en galego no 2019
A directora de ‘Sala 5’, Begoña Vázquez, analiza as estreas dos cines neste Nadal.
Entre elas sobresaen o filme infantil galego ‘A galiña Turuleca’ e a nova versión de ‘Mujercitas’.
Neste día sinalado no que celebramos a Noiteboa, Armando Requeixo non quere faltar á súa cita semanal para recomendarnos dúas novas lecturas: o libro de relatos Os nomes do vento, de Juan Andrés Fernández Castro, e mais a novela O viaxeiro perfecto, de Iván García Campos.
Os nomes do vento (Fervenza) reúne unha trintena de relatos de moi variada fasquía, tanto no temático coma no estilístico, acompañadas das suxestivas ilustracións de Xosé Vizoso. Nestas historias atoparanse narracións de recendo colonial, de protagonismo mozo, críticos co frikismo televisivo, textos de refactura mítico-literaria, evocacións familiares, contos de terror, pezas de carácter fantástico, case epopeas, relatos animistas e aínda simbólicos.
O viaxeiro perfecto (Galaxia) achéganos a historia de Raimundo Martín, un ancián profesor que, por mor da súa delicada saúde, ten que se trasladar periodicamente ao hospital en ambulancia. Nun deses traslados coñece o condutor Mario, con quen acabará trabando unha amizade fraternal. Raimundo, consciente de estar a vivir os seus últimos días, manifesta a Martín o seu desexo de realizar en coche unha viaxe a París, o lugar no que transcorreu a súa mocidade e onde desexa ver por derradeira vez algunhas persoas que foron decisivas na súa vida. Esta novela é o relato desa viaxe, un camiñar polas estradas que é, ao tempo, unha intensa viaxe interior que os mudará definitivamente.