Todas as colaboracións

Faia Díaz estrea ‘O lume e non as cinzas’, arredor da tradición musical de transmisión…

Faia Díaz estréase como colaboradora do programa coa sección ‘O lume e non as cinzas’ arredor da tradición musical de transmisión oral, dos arquivos, de espazos sonoros:

“No arquivo sonoro de lembranzas que temos hai seguro varias chuvias, o vento nas árbores, caldo fervendo. A inmensidade dunha casa, coas suas alacenas que se abren e se pechan tantas veces ao día que nin as oímos”

 

Manuel Vicente axúdanos a escoitar ‘Apocalypse Now’

O noso colaborador de ciencia fálanos da montaxe de son das películas. Nunha soa secuencia do filme
‘Apocalypse Now’ hai ata seis capas de son, pero cantas somos quen de escoitar á vez?

“Os imaxinarios” de A.F. Harrold e “Monstro de ollos vermellos” de R.J. Peralta e Blanca Millán

“Os imaxinarios” de A.F. Harrold en Sushi Books e “Monstro de ollos vermellos” de R.J. Peralta e Blanca Millán en Galaxia no centro da colaboración de Montse Pena que aborda así ‘as trampas da imaxinación”.

Publícase o novo álbum do vigués Fon Román

Para este 12 de setembro estaría ben dedicarnos á morea de novos lanzamentos discográficos de artistas galegos ou de fóra de Galicia.

Entre os traballos que se publican este venres están oa da banda galega Furious Monkey House, o estadounidense Devendra Banhart e os tamén estadounidenses Pixies, que estarán tocando en outubro na Coruña.

Ademais, achégase a data de publicación do novo álbum do vigués Fon Román, que sairá o 2 de setembro e desvelou xa outro adianto.

Litus, o novo filme de Dani de la Orden

Begoña Vázquez volve coas recomendacións cinematográficas. Desta vez presenta “Litus”, o novo filme de Dani de la Orden. Trátase dunha comedia dramática que narra o reencontro dun grupo de amigos despois dun suicidio.

Os últimos descubrimentos da Cova Eirós, co catedrático Ramón Fábregas

Os últimos descubrimentos da Cova Eirós, co catedrático Ramón Fábregas. Así estreamos a colaboración de arqueoloxía de Mario César Vila.

Estrea de ‘Daimon e a fodida lóxica’, de Matarile Teatro

Daimon ou demon é un termo de orixe grega co cal aquela sociedade facía referencia ao destino particular das persoas. Na posta en escena que Matarile estreou a pasada fin de semana na Sala Ártika de Vigo, emprégase este concepto como punto de partida pra facernos sentir, percibir e vivenciar unha serie de cadros diversos, enfiados por un anxo e ás veces demo con ás ou nariz longo de pau, danzando entre o elenco que se presenta, que nos pregunta polo medo, que nos canta unha canción de karaoke, que reflexiona sobre os referentes da directora Ana Vallés e as presenzas máxicas que habitan a (súa) escena: Pina Bausch, Tadeusz Kantor, Ono, Roberto Bolaño… Un elenco composto por actrices, músicos, actores, bailarinas (Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Celeste, Alba Loureiro, Cristina Hernández Cruz, Nacho Sanz, Jorge de Arcos, Neus Villà Jürgens, Ana Cotoré) con Baltasar Patiño replicando co espazo (lumínico) e que nos presentan a materia do berro, da ironía, do misterio, da esperanza, do inexplicable, dos preconceptos, do decorrer da vida (pero que vida? vida digna? vida elixida? vida trazada?)
Daimon ten, loxicamente, moitas das características compositivas e estéticas da compañía, fundada en Santiago de Compostela no ano 1986: a autorreferencialidade, a fragmentación, a crítica (tamén vemos a autocrítica e a autoparodia na primeira escena, cando se fala de compañías e Ricardo Santana confesa ao micrófono que o peor que lle pode pasar a un artista é a indiferenza, por iso apunta que ás veces a mellor solución é a vaidade). Pero nesta peza temos proxección audiovisual e ten un especial protagonismo a música, un espazo sonoro creado ao vivo que nos transporta por sentimentos diversos, irracionais, libres. Porque iso é ao que nos convida Matarile: a sentir libremente e voar cos nosos anxos e demos, sen racionalizar por que voamos.

Escoitamos o primeiro disco de Gonzalo Caride

Comezamos a colaboración de hoxe ao son do primeiro disco de Gonzalo Caride, un traballo que presentará no Lume Na Palleira do vindeiro domingo.

A continuación “rescatamos” algúns dos sons do pasado Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Concretamente o das dúas formacións gañadoras do Certame Runas (Dequenvessendo e Yuki Kojima Band) e o dos históricos Gwendal.

‘O veo alzado’ e ‘As aventuras de Mikolaj Doswiadczynski’, as recomendacións de Armando Requeixo

Esta semana, Armando Requeixo proponnos a lectura de dúas novelas que son obras clásicas nas súas respectivas literaturas e que agora podemos gozar xa na nosa lingua: O veo alzado, de George Eliot, e As aventuras de Mikolaj Doswiadczynski, de Ignacy Krasicki.

O veo alzado (Hugin e Munin) é unha fascinante historia de terror psicolóxico publicada por primeira vez en 1859 que foi traslada dende o inglés ao galego por Alejandro Tobar. O relato chega a nós na voz do seu protagonista, o melancólico Latimer, un mozo que ten o don de ler o pensamento e tamén da premonición, poderes que, lonxe de resultarlle de proveito, non lle traen máis que pesar e dor, sobre todo coa súa namorada, Bertha, pois ao ler na súa mente sabe que en realidade non o ama e vai descubrindo nela un ser mesquiño e cruel. Así pois, nesta novela curta a presenza do sobrenatural e das paixóns destrutivas constitúen a cerna dunha narración que abala entre o gótico, o romántico e o fantástico.

As aventuras de Miko?aj Do?wiadczy?ski (Rinoceronte), vertida ao galego por Lúa García Sánchez dende o orixinal polaco no que aparecera en 1776, é o relato das peripecias do personaxe protagonista que figura no título, un mozo de familia nobre que viaxa por medio mundo e que, nas súas palabras, acaba sendo “un cortesán en Varsovia, un galán en París, un labrego en Nipu, un escravo en Potosí e un tolo en Sevilla”. Ideada como unha novela de aprendizaxe, esta narración en forma de memorias autobiográficas ten unha clara finalidade pedagóxica: ensinar á xente nova as escollas axeitadas para a vida, seguindo sempre os ideais ilustrados que o protagonista abraza ao final da súa andaina, ao tempo que convida á reflexión crítica sobre o goberno dos Estados introducindo na trama a ficticia illa de Nipu como modelo de utopía política que contrasta coas sociedades europeas do seu tempo.

Pin It on Pinterest