Todas as colaboracións

Estrea de Curva España, coprodución de Chévere coa MIT

Pechou a 35 MIT cun balance moi satisfactorio.  A ampla difusión de actividades e a valoración do programa de espectáculos articulado arredor do documento, a identidade ou o teatro físico, concitaron un espazo de intercambio e diversidade inigualable.
O día de Galicia, Chévere estreou Curva España, unha peza que parte dun feito real: a morte en estrañas circunstancias do enxeñeiro España nunha estrada preto de Verín e as consecuencias, especulacións e diversidade de mitos que se abren a partir diso e do cambio do trazado do tren na súa entrada por Galicia. Autoficción, thriller, documentalismo, reflexión sobre a política territorial, teatro sen concesións que bebe do audiovisual e de entrevistas para espertarnos a consciencia crítica con respecto á verdade e ao poder na conformación dos relatos.

No palmarés do público da 35 MIT de Ribadavia, Empate no Premio do Público da MIT 2019. Os espectáculos A.K.A. (also known as) de Cataluña e Jauría, dos madrileños Kamikaze, obtiveron a maior puntuación nunha edición altamente satisfactoria para todos os públicos.

 
A estrea en Galicia destes dous espectáculos non defraudou: o excepcional nivel interpretativo de Albert Salazar en A.K.A. aumenta o palmarés deste fenómeno teatral de pequeno formato que se puido ver na Igrexa da Madalena. Aos 11 premios cos que chegou este texto que fala de cuestións de fondo social coma a islamofobia ou a crise de identidade, súmaselle este rotundo aplauso do adestrado e sensible público de Ribadavia, acostumado a ter en cada edición espectáculos de diferente formato e xénero. 
 
Por outra banda, Kamikaze, na liña do teatro documento, encheu o Auditorio do Castelo e recibiu un gran aplauso por Jauría, espectáculo creado a partir do auto xudicial do caso de La Manada e que en Ribadavia presentou un novo final para a peza despois da sentenza xudicial recentemente coñecida. A intelixente dramaturxia de Jordi Casanovas, a elegante posta en escena de Miguel del Arco ou a perfecta interpretación coral dun gran elenco, conduciron a situar a este espectáculo do último día da MIT compartindo primeiro posto no Premio do Público da MIT 2019.

Falamos de ‘Parangolé’ de Pablo Fidalgo e ‘Sardiña’ de Miriam Reyes

Dúas reapropiacións: Parangolé de Pablo Fidalgo Lareo (Chan da Pólvora, 2019), Sardiña de Míriam Reyes (Chan da Pólvora, 2018)

Parangolé (Chan da Pólvora, 2019), é o primeiro poemario en galego do poeta e dramaturgo Pablo Fidalgo Lareo, nacido en Vigo en 1984. Partindo dun nome que tanto remite á leria e ás conversas barullentas como aos parangolés do artista carioca Hélio Oiticica —capas de materiais reciclados que revelan as súas cores na fluidez da danza—, o poemario flutúa entre a celebración do caos e dos espazos, construtores de identidade e outredade. A autoanálise e a disposición poética, inquisitiva e asertiva a un tempo, capaz de revisar as correntes afectivas, permítennos recoñecer ao autor que xa traballara os exilios familiares noutras pezas, mentres o poemario asenta noutras viaxes e noutros apoios simbólicos como o parangolé ou as aves.

Sardiña (Chan da Pólvora, 2018), da autoría de Míriam Reyes e inserido na colección “Areal de Melide”, destinada a proxectos interartísticos, é o primeiro poemario en galego da autora, que nace en Ourense en 1974 e emigra a Caracas aos oito anos. A importancia do traballo fotográfico e performativo desenvolto en exclusiva para o libro —verdadeira seña do seu quefacer como creadora—, conflúe aquí coa indagación metalingüística. O achegamento á lingua dos afectos, á lingua do avó ao que dedica o volume, é tan libre como dificultoso, un camiño de respecto e frustracións, de fragmentos riscados e inclusión de materiais da memoria. As palabras teñen corpo, lugar no corpo, contan unha historia allea e propia.

Camiño de paixóns e Fuxir da Proxeria, dúas historias de amor e aventuras para este verán

Como remate das súas recomendacións lectoras de verán, Armando Requeixo proponnos achegarnos a dúas novelas acabadas de publicar: Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, e mais Fuxir de Proxeria, de ManuelBlanco Desar.

Camiño de paixóns (Galaxia) relata unha historia de aventuras e descubrimento interior que se desenvolve ao longo do Camiño de Santiago. Dúas mulleres, unha profesora galega e unha química xaponesa, coinciden peregrinando e ven nacer entre elas unha apaixonante historia de amor. Mais o seu namoramento vese ameazado por unha escura trama que apunta a unha seita suicida e unha tentativa de atentado de alcance internacional no que ambas as protagonistas acabarán por se ver atrapadas. Erotismo, acción e intriga definen esta novela de Carlos Meixide, de moi entretida lectura.

Fuxir de Proxeria (Fervenza) é unha distopía que nos traslada á Galiciade finais do século XXI, unha terra avellentada en extremo, onde os nacementos son escasísimos e os coidados da inmensa poboación anciá esgotan todos os recursos sociais. As poucas mozas e mozos deste territorio que moitos deron en chamar Proxeria vense obrigados a cumprir unha sorte de servizo social obrigatorio no que, durante anos, teñen que coidar varios anciáns como labor solidario para a comunidade, o que limita o seu natural desenvolvemento e convérteos nunha especie de serventes atados ás draconianas leis da xerontocracia do Senilatus ou Parlamento. Así as cousas, a parella de rapaces protagonista decide desafiar ese statu quo e idea unha fuxida ao estranxeiro na procura dunha vida liberada destes atumes.

Falamos da exposición ‘We refugees’ do CGAC

Na sección de artes plásticas con Rosario Sarmiento falamos da exposición ‘We refugees’ do Centro Galego de Arte Contemporánea.

“Segunda venida”, unha aparición divina nas “Viñetas desde o Atlántico”

O guionista ferrolán Abel Alves será un dos autores convidados en ‘Viñetas desde o Atlántico’.
A súa última obra publicada é a divertida ‘Segunda venida’, con debuxos de Juan Caminador. 
Conta a historia de Evangelina, unha moza de 18 anos nada relixiosa que recibe a revelación da súa orixe divina.

 

Na colaboración semanal de Carlos Portela analizamos esta obra.

Falamos das Xociviga 2019 do Carballiño

Na sección de audiovisual con Beli Martínez falamos das Xociviga 2019 do Carballiño, un dos eventos con máis historia do cinema galego.

Preestréase ‘Os camiños de Breogán’ en Compostela

Preestréase ‘Os camiños de Breogán’ en Compostela. Así comezamos a sección de música clásica con Luís Miguel Crespo.

Repasamos a obra de Christine Nöstlinger con Montse Penas

A autora austríaca Christine Nöstlinger foi unha das escritoras de LIX do S. XX máis recoñecidas no seu pais, pero tamén tivo unha pegada importante na nosa literatura, xa que bastantes dos seus libros foron traducidos ao galego. Hoxe reparamos nunha das obras da cuatriloxía protagonizada polos amigos Susi e Paul: “Querida Susi… querido Paul”, “Querida avoa… a túa Susi”, “Diario secreto de Susi. Diario secreto de Paul” e “A auténtica Susi”, no que a autora semella darlle a oportunidade ao seu lectorado de ir medrando con estes personaxes, podendo coñecer así a unha Susi adolescente e máis madura.

“Diario secreto de Susi. Diario secreto de Paul” foi premio Andersen e ten unha peculiaridade orixinal: como indica o título, media obra é o diario de Susi e a outra media, o diario de Paul. A lectora tan só ten que xirar o libro para comezar a ver como se ven os acontecementos dende a perspectiva do outro protagonista e comprobar, así, que a realidade ten moitas versións. Ademais, as ilustracións, de ton moi naïf, que potencian tamén esa compoñente humorística que ten a obra, foron realizadas por unha das fillas de Nöstlinger, ao igual que as do resto da serie. Aquí aparecen algúns dos temas clásicos das obras de Nöstlinguer, como a incomprensión ou a importancia da amizade pero tamén cuestións de calado como a inmigración ou a visibilización de familias non tradicionais, basicamente de pais separados.

Hai varios motivos polos que ler a Nöstlinger. Un é a súa prosa sinxela, moi clara, pero tamén moi envolvemente: o lector quererá seguir para profundizar neses personaxes que se tornan imprescindibles e á vez, profundamente familiares. Outro é, sen dúbida, o tratamento do humor, e outro son precisamente os seus protagonistas: nenos e nenas reais, moitas veces imperfectos, ás máis das outras, politicamente incorrectos, pero sempre moi achegados ao lectorado. 

Lemos poesía de Luz Pozo Garza e Andrea Alciato

Dous regresos, memoria e emblemas: Pazo de Tor de Luz Pozo Garza (Alvarellos, 2018) e Libro de emblemas de Andrea Alciato (Rinoceronte, 2019)

Pazo de Tor (Alvarellos Editora) é o regreso poético de Luz Pozo Garza na colección “Libros do Sarela”. Con sete décadas de oficio poético, a autora realiza unha busca vital e xenealóxica, vinculada ao pazo sobre o Val de Lemos que dá título ao libro, e ao que a familia dos Garza estivo ligada. Tamén “unha poética materna”, como Carmen Blanco sinala, marcada polo habitual ton reflexivo da autora, a súa malla simbólica, a plasticidade elegante das imaxes e mesmo polas homenaxes e referencias queridas, de Luís Pimentel ao Coleridge da “arpa eólica”.

Libro de emblemas (Rinoceronte Editora), da autoría de Andrea Alciato (século XVI) é unha recompilación de emblemas renacentistas, isto é, ilustracións alegóricas canda un título e un epigrama explicativo en verso, cun propósito moral ou didáctico. De enorme influencia na literatura e artes figurativas, esta escrita “mediante símbolos velados”, cargada de alusións e significados, chega ao galego con tradución, introdución e notas de Raúl Gómez Pato, á súa vez director de Vétera, colección xa fundamental no panorama editorial galego, tenaz na súa apertura a outras literaturas e momentos históricos.

Os libros ‘Un vento que pasa’ e ‘Bock de cerveja’ chegan ás librarías

Esta semana Armando Requeixo tráenos noticia de dúas novidades narrativas: a novela Un vento que pasa, de Alfredo Conde, e o libro de relatos Bock de cerveja, de José Alberte Corral Iglesias.

Un vento que pasa (Galaxia) narra os días dun avogado xa maior que sofre un infarto e, con posterioridade, un episodio de gripe A que se complica nunha pneumonía case mortal que fai que lle induzan un coma de tre ssemanas e que, de resultas del, teñan unha longa e delicada convalecencia. Durante o tratamento da súa cardiopatía, coñece un grupo doutros enfermos cos que comparte rehabilitación e cos que fai amizade, compañeiros que logo oirán visitar á casa durante a súa convalecencia para contarlle historias e ir deluvando as súas vidas en común faladoiro.

Bock de cerveja (Baía) reúne unha trintena de relatos de moi variado xorne. Malia a súa disparidade, non poucos deles trasladan historias de emigrantes oude personaxes da Coruña da plena Posguerra na que se criou o autor, seres que son rememorados cunha ollada melancólica e que nos descobren episodios que igual nos trasladan ás feroces represalias dos sublevados contra os republicanos que nos falan do maquis, dos emigrantes (non) retornados ou das falcatruadas dos mozos na España gris dos finais dos cincuenta e os primeiros sesenta. Lembranzas que desfilan pola memoria da voz narradora, que as atrapa, saudosa, diante dun bock de cerveja.

Pin It on Pinterest