Todas as colaboracións

Falamos de “Hamada”, un documental sobre o conflito saharauí

Falamos con Beli Martínez da estrea en salas do documental “Hamada”, un traballo de Eloy Domínguez Serén sobre o conflito saharauí.

Lemos libros de Leo Lionni, en Kalandraka

Hoxe volvemos a un clásico do álbum ilustrado, Leo Lionni. Os seus libros son moi atractivos para o lectorado máis novo e caracterízanse por unha traballada sinxeleza, a orixinalidade das súas historias e o protagonismo do mundo animal. Varios dos libros de Leo Lionni están publicados en galego por Kalandraka.

Pequeno azul e pequeno amarelo foi o seu primeiro álbum e fala da diversidade a través dunhas ilustracións moi sinxelas, círculos azuis e amarelos. O libro naceu entretendo os seus fillos durante unha viaxe en tren.

Frederick, traducido ao galego por Xosé Manuel González Barreiro, é unha historia dunha familia de ratos que traballa arreo para prepararse para a chegada do inverno: Todos os membros da familia participan, agás un: Frederick. A lectora descubrirá que, en realidade, o ratiño tamén o fai, pero que a súa é unha función diferente: recoller palabras para o inverno.

Outro álbum de Lionni menos coñecido é Cornelio, que tamén acaba de reeditar Kalandraka. Conta a historia dun crocodilo que, ao contrario que os seus conxéneres, teima en andar de pé, o que lle permite ver o mundo dende unha perspectiva diferente e pode ser lido como unha sorte de fábula sinxela que nos fala de non facer caso aos demais e querer seguir o noso camiño.

Celébrase o festival Morrasound en Moaña

Falamos do festival Morrasound de Moaña con Tito Lesende. No cartel temos artistas de fóra con nomes galegos como Familia Caamagno co seu “O peor non son os cartos”. Na Coruña continúa o Atlantic Pride, xornadas de celebración do orgullo cun gran número de concertos, como o dos galegos Presumido. Escoitamos a súa canción “Lágrimas de belladona”.

Na Cidade da Cultura celébrase este verán unha nova edición do ciclo de concertos Atardecer no Gaiás. Hai nomes galegos como Malraio, Agoraphobia, De Vacas ou Best Boy. Tamén temos artistas que chegan de fóra como a arxentina Miss Bolivia, da que escoitamos “Paren de matarnos”.

O músico vigués Fon Román publicará o seu disco en setembro e na Radio Galega escoitamos o seu tema “Territorio herido”.

A música de salón nos séculos XIX e XX en Galicia

Falamos da música de salón nos séculos XIX e XX en Galicia, despois da presentación do libro Obras para piano de compositores galegos. Un traballo de investigación coordinado pola profesora Montserrat Capelán do Grupo Oganistrum da Universidade de Santiago de Compostela.

A formación permanente nas Artes Escénicas

Cursos, obradoiros, seminarios con “Ningén nace haprendido”. O verán acostuma ser un bo momento para a formación de profesionais e persoas afeccionadas ás artes escénicas, tanto pola baixada da actividade nos teatros coma polos cursos que ofrecen os festivais nas súas actividades paralelas.

O CDG está a ofrecer unha serie de cursos baixo o lema “Ningén nace haprendido”, un necesario espazo de convivencia, laboratorio creativo e estimulante. Por onde camiña o interese formativo, cales son os efectos e as posibilidades dos espazos de investigación, residencia e aprendizaxe non regrada.

Facemos un repaso polo teatro que vén, o oficio e a necesidade de reciclaxe permanente, a cohabitación e a exploración de recursos creativos en Galicia fóra das escolas municipais, das aulas de teatro universitarias e da Escola Superior de Arte Dramática. Imos ás escolas de verán.

Falamos de ‘Un libre favor’, de Chus Pato

Alba Cid fálanos de ‘Un libre favor’, de Chus Pato.

Lemos ‘Co pai’, de Neira Vilas e ‘A rota do Oeste’, de Henrique Dacosta

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dous textos narrativos de natureza ben diversa: dunha banda, as prosas breves de Xosé Neira Vilas reunidas en Co pai e, doutra parte, a novela longa A rota do Oeste,de Henrique Dacosta.

Co pai (Galaxia) é un conxunto de pequenas estampas rememorativas da figura paterna nas que Xosé Neira Vilas reconstrúe a memoria da relación co seu proxenitor, a un tempo construtor, carpinteiro e labrego, pero, sobre todo, a figura protectora e bondadosa da que tanto aprendeu o futuro escritor, quen pouco antes do seu pasamento escribiu estas dúas ducias de textos que ficaran inéditos e agora se publican postumamente.

A rota do Oeste (Embora) de Henrique Dacosta é unha novela de aventuras que ten moito de road movie literaria. A viaxe do islandés Gudmund Arnórsson seguindo a vella ruta dos seus devanceiros tardoviquingos dende Xutlandia ata Galicia, coñecida como o Vestvegr, é o inicio dunha trama que o levará a relacionarse coa galega Ana Saavedra e vivir persecucións, leas concontrabandistas e outras sorprendentes peripecias polas terras ártabras e do Camiño Inglés.

Ciencia e arte na XIV edición da Bienal de Lalín

Esta edición céntrase na vinculación entre arte e ciencia baixo o lema: “Menos é máis, máis ou menos”. O comisario é Álvaro Negro e participan artistas de dentro e fóra de Galicia como Jorge Barbi, Misha Bies Golas, Elena del Rivero, Esther Ferrer, Rubén Ramos Balsa ou Duane Michals, entre outros.

‘O puño e a letra’, un diálogo entre poesía e banda deseñada

Hoxe falamos de Yolanda Castaño, que participará na próxima edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’ para falar do seu libro ‘O puño e a letra’, un diálogo entre a poesía e a banda deseñada. Castaño seleccionou 40 poemas dos seus 25 anos de traxectoria e propúxolles que os ilustrasen a outros tantos autores e autoras de banda deseñada. O libro é o primeiro exemplo de ‘comic poetry’ de noso e pode lerse tamén como unha antoloxía do comic galego: entre os ilustradores hai nomes como Xaquín Marín, Miguelanxo Prado, David Rubín, Manel Cráneo ou Los Bravú.

O CeMAC, un curso de verán da Fundación Carlos Casares

Na sección con Beli Martínez falamos do CeMAC, un curso de verán da Fundación Carlos Casares.

Pin It on Pinterest