Todas as colaboracións

Coñecemos a agrupación ‘Triloxía’

Programa especial de música clásica no que contamos co noso colaborador Luis Miguel Crespo para falar de “Triloxía”, un proxecto que nace da inquietude artística de tres agrupacións sinfónico-bandísticas veciñas: a Banda Municipal de Silleda, a Banda de Lalín, e a Banda Artística de Merza. E para coñecelo falamos cos seus directores;Rafa Agulló da Banda de Silleda, Santiago García da de Lalín, e David Fiuza da de Merza.

As tres agrupacións unen forzas para lanzar ó mercado cultural un proxecto en común: un concerto no que as tres bandas presenten un programa musical conxunto, relacionado e completo, no que cada unha das agrupacións interpreta un repertorio diferente, pero sempre conectado a un tema artístico sólido.

Esta Triloxía comezará o seu camiño o domingo 28 de abril de 2019, ás 17:00h no Auditorio da Semana Verde en Silleda, e farao coa Triloxía Romana do compositor italiano Ottorino Respighi.

A novelas de Raymond Chandler e Pierre Lamaitre xa están traducidas ao galego

Esta semana Armando Requeixo convídanos á lectura de dúas novelas recentemente traducidas ao galego: O longo adeus, de Raymond Chandler, e mais Tres días e unha vida, de Pierre Lamaitre.

O longo adeus (Hugin e Munin) de Raymond Chandler publicouse por vez primeira en EE. UU. en 1953 e cos anos acabou por se converter nun clásico indiscutible da novela negra. A presente tradución, obra de Diego Ameixeiras e Alejandro Tobar, recupera esta narración na que o mítico detective Philip Marlowe terá que, primeiro, axudar a fuxir do país ao seu amigo Terry Lennox e, tras aparecer morta a muller deste, tratar de aclarar as sospeitas de asasinato polas que é acusado e, máis tarde, descubrir que aconteceu co propio Lennox, quen acaba desaparecendo e, ao que parece, finalmente suicidándose. Esta liña argumental cruzarase con outra investigación en curso de Marlowe, a quen encargan localizar o escritor, tamén desaparecido, Roger Wade. Todo un nobelo de intrigas e supense que manterá en vilo o lector ata a derradeira páxina.

Tres días e unha vida (Rinoceronte) de Pierre Lemaitre apareceu publicada en francés hai tres anos e agora vese vertida ao galego por Moisés Barcia. O escritor parisiense, un dos mestres actuais da novela policial e negra, ofrece aquí un cativador thriller psicolóxico que nos leva a tres datas concretas da vida do mozo protagonista, Antoine Courtin, quen, de neno, nun tráxico suceso, rematou coa vida doutro pequeno, Rémi Desmedt. Os remorsos que corroen o protagonista, así como a vida oculta das xentes da apracible vila de Beauval constitúen a cerna desta novela que se desenvolve en tres momentos: 1999, 2011 e 2015. Un admirable exercicio literario que nos invita a repensar os conceptos de culpabilidade, medo, engano e hipocrisía dos que vivimos rodeados.

Homenaxe ao pintor Abelenda na Coruña

Rosario Sarmiento preséntanos a mostra ‘Yo Abelenda’ que se pode visitar na sede AFundación da Coruña. Unha exposición retrospectiva que establece un percorrido a modo de homenaxe pola traxectoria do pintor falecido o pasado 21 de marzo.

 

O 70 aniversario de ‘Cantigas e Frores’

Comezamos a colaboración de hoxe coa música de Cántigas e Frores e un adianto do que será o disco de celebración do seu 70 aniversario.

A continuación anunciamos a próxima presentación en directo do primeiro disco de MetalXis, que combina o son das gaitas e a zanfona coa proposta eléctrica do Heavy Metal.

Por último, como adianto dos contidos do Lume Na Palleira do vindeiro domingo, escoitamos o disco homenaxe aos Campaneiros de Vilagarcía e a proposta musical do grupo de Murcia: Túa.

A primeira fotografía dun burato negro

A colaboración de Manuel Vicente

As mulleres pioneiras do cinema

Neste Diario Cultural falamos da igualdade no mundo do cine con Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual.

Chega o fin das aventuras de Gringo e Dani Futuro

Carlos Portela recoméndanos a derradeira entrega de Gringo e Dani Futuro, os persoaxes creados por Carlos Jiménez que rematan as súas aventuras en ‘Punto final’. Pero tamén a nova edición de Conan El Bárbaro que saca Panini.e

O 40 aniversario de Monicreques de Kukas

Alma de marioneta, corazón de poeta. Esta é unha das frases que escoitaremos no espectáculo Arlequina, co que Kukas celebra unha data especial acompañado por outros titiriteiros galegos coma Borja Ínsua ou Larraitz e con músicos en directo.

Unha personaxe feminina protagonista, chea de letras pero que non sabe escribir, unha personaxe de papel, vulnerable pero poderosa, sedutora e inocente. Kukas mestura maxia, música, teatro de obxectos, circo, teatro negro e outras técnicas, xunto con referencias biográficas no texto e na escenografía (unha porta co número 79, ano de fundación da compañía) para facer gozar á cativada e á familia adulta nunha peza sorpresiva, artesanal e de humor diverso.

Coñecemos ‘Feliz idade’ de Olga Novo

Na colaboración desta tarde Alba Cid preséntanos o poemario ‘Feliz idade’ de Olga Novo. Un libro que a autora divide en sete partes como por exemplo ‘Poesía en posición fetal’, ligada á concepción da súa filla e ao embarazo; ou ‘Zona tigre’, unha parte adicada a seu pai e na que reflexiona sobre a xenealoxía, a perda da linguaxe, a memoria…. Feliz idade’ está editado na colección Tambo de Kalandraka.

Lemos ‘Por puntos’ e ‘Eternos propietarios’

Esta semana Armando Requeixo tráenos dúas propostas narrativas que converxen no seu protagonismo coral e no fortuíto das vidas que se cruzan: as novelas Por puntos, de Manuel Portas, e mais Eternos propietarios, de Jorge Emilio Bóveda.

Por puntos (Galaxia) recrea as existencias de varios personaxes que coinciden, por azar, asistindo todos a un curso para a recuperación do carné de conducir, o que dá razón do título da novela. Descoñecidos entre si, iremos descubrindo que estes seres teñen máis en común do que parece e que os seus temores e ilusións, as súas soidades e procuras de agarimo son ben máis concordantes do que a primeira vista puidese pensarse. Un retrato de vidas cruzadas nas que o amor e o humor teñen moito que dicir e o inesperado agarda sempre á volta de cada páxina.

Eternos propietarios (Do Peirao) é tamén unha novela de protagonismo colectivo, neste caso centrada no vivir cotián dos membros dun bloque de pisos que son convocados a unha reunión de veciños. Cada capítulo desta obra vai presentándonos os inquilinos dun dos inmobles, amosando as súas relacións problemáticas coa veciñanza e revelando as súas ansias e temores, odios e paixóns, esperanzas e frustracións, que fan da comunidade unha auténtica polvoreira de emocións que acabará por estoupar na xuntanza do remate da obra, que conclúe dun xeito ben sorprendente.

Pin It on Pinterest